Sábado 27 Xullo 2024

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

A ciencia e a arte son maneiras de explorar o mundo aparentemente afastadas, pero a realidade é que unha pode servirse da outra para crear e divulgar. Proba disto é a primeira edición dun proxecto que emprende o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña denominado ‘CICAGallery‘. O seu obxectivo é a convivencia simultánea da actividade científica e artística nun mesmo lugar para que se retroalimenten. Trátase dun programa de residencias artísticas que comeza nun laboratorio e que rematará cunha exposición en Santiago de Compostela. As deseñadoras, arquitectas, fotógrafas ou cineastas empregarán as cores, formas e texturas para expresar as nocións científicas que estuden. Pódese facer arte a través da microbiota intestinal creando acuarelas con bacterias? A resposta para a artista Cillas Rodríguez é clara: “Temos bacterias máis que células. Quero traballar coa importancia da microvida que ignoramos tódolos días e facer unha obra viva”.

Ela e mais a ceramista Verónica Moar, a cineasta Irene Sáenz, o artista multidisciplinar Breogán Torres e a deseñadora textil Inés Rodríguez son as persoas seleccionadas nesta primeira edición de CICAGallery. Cada unha delas traballará man a man cun grupo de investigación da Universidade da Coruña. A Cillas Rodríguez tocoulle o equipo de investigación EXPRELA, un grupo cunha ampla traxectoria en Bioquímica e Bioloxía Molecular dirixido polo profesor Manuel Becerra. Del forman parte tres investigadoras: Almudena Saavedra Bouza, Natalia María Nogueira e Carmen Ansín, e serán elas a inspiración de Cillas Rodríguez. Elas traballan na obtención de prebióticos no laboratorio e a súa aplicación no crecemento dos probióticos da microbiota intestinal.

Publicidade

Para iso, utilizan a acción enzimática de bacterias como E-coli e levaduras sobre palla de trigo. Rodríguez decidiu utilizar os materiais resultantes para fabrical o papel no que se sustentará o que a artista denomina a “obra viva”. “Quixen fabricar unha peza recuberta de microorganismos. Nela medrarán fungos e bacterias vivas que van debuxando ao medrar”, apunta. Unha das pezas, nas que xa están a medrar organismos, presentarase na exposición do vindeiro 20 de abril en Santiago —e que se será itinerante por toda Galicia— nunha vitrina de metacrilato. Aínda que Rodríguez sostén que non é o ecosistema perfecto e que o papel se vai degradar, ilusiónalle representar este “universo inexplorado” que “inflúe na nosa toma das decisións” e que “conviven connosco en simbiose”, como a arte e a ciencia.

Libreta de traballo da deseñadora Inés Rodríguez. Foto: CICA

O profesor Manuel Becerra explica que está a ser unha experiencia “moi gratificante” onde están a aprender tanto os investigadores como os artistas. Mentres que as científicas de EXPRELA utilizan cultivos para que medren bacterias que están no intestino, Cillas sírvese delas coma se fosen acuarelas, xa que cambian de cor cando medran. “Esa visión tan diferente é enriquecedora. Os artistas contemporáneos están moi interesados en novos materiais, en formas disruptivas de facer arte”, expón. Unha das curiosidades que esgrime Rodríguez cando as artistas traballan con científicos é a diferenza de escalas. No laboratorio as medidas son unha obriga, se se realiza un experimento cómpre ter en conta que cantidades se están utilizando para que sexa reproducible, existe un protocolo. En cambio, o artista ás veces traballa a ollo. “Eles usan pipetas, pero eu necesito medio litro de pintura”, apunta Cillas Rodríguez.

Publicidade

O equipo

O proxecto nace pola influencia de artistas galegos contemporáneos que manteñen unha relación coa ciencia, como Rubén Ramos Balsa, Christian García Bello, Ángela de la Cruz, Manolo Paz ou Tamara Feijoo, explican dende CICAGALLERY. Este proxecto está cofinanciado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e entre os seus obxectivos destacan o fortalecemento do contexto cultural galego; a difusión do coñecemento da ciencia e tecnoloxía en formatos innovadores; e a configuración de espazos para o desenvolvemento de proxectos de arte e ciencia.

O director do CICA, Jaime Rodríguez, é o investigador principal do proxecto. Dende o laboratorio, o grupo BIOCOST trata de desenvolver métodos de xestión sostible de hábitats de interese no medio rural e mariño, e con el traballará o escultor e instalador Breogán Torres; NANOSELF, que fabrica nanomateriais con aplicacións médicas, contará coa participación artística da deseñadora textil Inés Rodríguez; AQUATERRA estuda a resposta hidrolóxica do chan en sistemas agrarios e forestais e Irene Sáenz participa do seu grupo; e o UDCSOLIDOS, que desenvolve investigación interdisciplinar en síntese, caracterización e estudo de novos materiais, convivirá coa ceramista Verónica Moar.

Para Cillas Rodríguez, arte e ciencia están relacionadas e o entendemento entre elas non é difícil. “Ata que non se inventou o óleo, non se podían transportar os cadros. Se non existise a cámara escura, non habería fotografía. Se non reflexionamos sobre a súa importancia perdemos o matiz humano”.

CICAGALLERY estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán cos distintos grupos de investigación da universidade
De esquerda á dereita: as artistas Inés Rodríguez, Verónica Moar, Breogán Torres, Irene Saénz e Cillas Rodríguez.


Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Mira o que comes e como o envolves: “Hai interaccións de sustancias entre os envases e a comida”

Un investigador do CITIC presenta unha proposta para identificar biomarcadores de enfermidades gastrointestinais e analizar a influencia de determinadas substancias na microbiota

A UDC detecta a presenza dunha alga invasora nas rías da Coruña e Vigo

O persoal investigador de BioCost e BioAplic identificou en Galicia á 'Rugulopteryx okamurae', unha especie que xa está a causar problemas no sur da península

A astrofísica galega Minia Manteiga presidirá a Sociedade Española de Astronomía

A investigadora, que lidera en Galicia o proxecto Gaia para a creación do maior mapa da Vía Láctea, asume o reto de estar á fronte desta lnstitución que agrupa a mil profesionais da astronomía

Un equipo da Coruña ensaia unha ferramenta de IA para apoiar o profesorado

A iniciativa ProgTutor levouse a cabo con 40 estudantes de bacharelato do IES Sofía Casanova de Ferrol