Un novo proxecto propón investigar o efecto que os envoltorios e envases dos alimentos teñen na microbiota e como isto se relaciona con enfermidades gastrointestinais, para o que se empregarán técnicas de intelixencia artificial. O investigador do CITIC Alejandro Pazos foi unha das persoas encargadas de introducir cales son os obxectivos desta iniciativa, chamada Riskexpo, nun taller internacional sobre a IA que se celebrou na cidade da Coruña.
Segundo Pazos, a idea fundamental é basearse no que xa se coñece sobre o comportamento dos envases de uso alimentario e ir un paso máis aló: “Se as moléculas que pasan ao alimento teñen un efecto prexudicial sobre a nosa microbiota e sobre a nosa saúde gastrointestinal, queremos identificalas para poder facer a normativa necesaria que evite que eses productos sexan utilizados”.
Unha proposta con dúas misións
A iniciativa busca recoñecer biomarcadores relacionados coas enfermidades gastrointestinais, centrándose especialmente nas máis graves, como o cancro colorrectal, segundo explica o propio Pazos. “O que pretendemos”, indica o investigador, “é identificar biomarcadores do xeito máis sinxelo e rutineiro posible, a partir de análises de sangue ou outras probas pouco invasivas”. Isto permitirá coñecer a posibilidade de que unha persoa desenvolva determinadas patoloxías, pero tamén axudar a quen xa as ten. “Serviría para facer un seguimento da propia evolución da enfermidade, para saber se está empeorando, a que ritmo empeora…”, afonda. “Isto será moi útil para definir as estratexias de planificación terapéutica que se van seguir, se pode ser máis ou menos agresiva”. Pazos destaca a utilidade desta proposta, que afecta directamente á calidade de vida das persoas e á calidade asistencial.
Pero o proxecto non queda aí. “Imos un pasiño máis aló. Identificouse que boa parte das alteracións gastrointestinais son provocadas pola inxestión de determinadas substancias que alteran a nosa microbiota”, explica. Esta microbiota, composta por axentes microbiolóxicos como bacterias, virus, arqueas etc., ten un efecto directo na saúde. “Hai uns microorganismos que nos axudan e outros que nos danan. Así que se se compensan estamos en equilibrio, xa que é o estado natural. Pero se morren moitos dos que nos benefician, entón os que nos danan teñen máis alimento e medran máis e poden causar enfermidades”.
E neste equilibrio xoga un papel esencial que comemos… e como está envasado o que comemos. “É moi importante o papel da dieta no desenvolvemento destas patoloxías; e dentro da dieta, é moi importante saber con que envolvemos ou preservamos os alimentos que imos comer, porque detectouse que hai interacción de determinadas sustancias ou moléculas entre os envoltorios e a comida”.
Na procura de novas normativas
Riskexpo, conta con participación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, o CITIC, e presentouse, precisamente, no XII Taller Internacional sobre Intelixencia Artificial: Novos Paradigmas en Informática Biomédica. Este evento celebrouse a pasada semana, organizado polo propio CITIC, a Universidade da Coruña, o grupo RNASA-IMEDIR da mesma UDC, o grupo Biofarma da USC e a startup IKERDATA. xunto coa profesora da New Vision University de Xeorxia Natia Tamarashvili, Pazos presentou o proxecto e as sús singularidades.
A idea xeral parte de investigacións anteriores, a través das que se está a afondar na influencia de determinados plásticos. “Sábese que algúns plásticos, expostos a unha determinada temperatura, a determinadas condicións, liberan algunhas substancias que poden ser nocivas”. A proposta da que participa Pazos quere ir máis alá. “Se as moléculas que pasan ao alimento teñen un efecto prexudicial sobre a nosa microbiota e sobre a nosa saúde gastrointestinal, queremos identificalas para poder facer a normativa necesaria para evitar que eses produtos sexan utilizados nos envases dos alimentos”.
As distintas dietas, a exame
Na investigación se prevé, ademais, comparar as dietas de distintas rexións para analizar as diferencias: serán a dieta atlántica de Galicia, ao oeste de Europa , e a de Xeorxia, no outro extremo do continente, que ten un clima e unha dieta continental. “Creemos que a análise conxunta destes dous colectivos de persoas e de microbiotas pode resultar revelador”, afirma Pazos. A estas sumaráselles unha terceira dieta: a da cidade de Sichuan. É aí onde se localiza o que é o hospital médico máis grande do mundo, o West China Hospital. Representantes deste centro amosaron o seu interese por involucrarse na iniciativa, aínda que de xeito colateral e con fondos propios, posto que non poden participar das convocatorias ás que se quere presentar a proposta.
Porque este é o seguinte paso: preparar unha solicitude coa que presentarse ás convocatorias de organismos que poidan financiar o seu desenvolvemento, como a Unión Europea ou o NIH estadounidense. “É un proxecto que vai ser moi caro”, explica o investigador do CITIC, “porque queremos recoller os datos do xenoma de todas as ómicas, de proteoma, esposoma etc. e facer estas probas. Algunhas son caras e, como hai que facer moitas para ter unha mostra importante, non é un proxecto que vaia ser barato”. Unha vez elaborada esta aplicación e conseguido o financiamento, o proxecto porase en marcha.
Aplicando IA na investigación médica
E que papel xoga a intelixencia artificial e todo isto? Pazos fala de dúas tarefas básicas hoxe en día da IA: clasificar e predicir. Utilizan técnicas e procedementos de intelixencia artificial para xestionar estas grandes cantidades de datos, que escapan á análise de calquera cerebro humano. “Para iso empregamos máquinas con esta capacidade de clasificar axeitadamente como están estas colonias de diferentes elementos que forman a microbiota ou a súa interrelación, tamén para predicir como poden evolucionar as cousas en función dos datos que temos ao longo do tempo, dos pacientes ou das persoas”.
Pazos, quen presentou a súa tese en intelixencia artificial en 1991, amosa certa cautela ante o momento de sona que está a vivir a IA. “A miña tarefa principal actualmente é o que chamo baixar un pouco o soufflé de intelixencia artificial. Estamos poñendo na intelixencia artificial unhas expectativas que non existe corpo doutrinal suficiente para soportalas. E cando as expectativas non se cumpren, xera posteriormente frustración; e cando hai frustración, o seguinte paso é o rexeitamento”. O investigador alude ao primeiro inverno da intelixencia artificial, nos anos 70, cando o interese inicial levou a unha serie de expectativas esaxeradas que, ao atopar obstáculos, deron nun período de desinterese total.
O investigador non quere que isto volva suceder, polo que chama á moderación, sempre recoñecendo o seu potencial. “É unha ferramenta moi poderosa, moi potente, para aumentar as nosas capacidades cognitivas, e iso é un gran valor, pero non é o bálsamo de Fierabrás que vai resolver todo”, incide, aludindo a aquel remedio milagreiro que pretendía facer Don Quijote. “Imos ser comedidos, imos ser científicos, non falamos de maxia. Falamos de ciencia e a ciencia ten as súas limitacións, ten as súas condicións para que as cousas se cumpran. Vai ser moi importante para todos os avances tecnolóxicos que se van producir nos próximos anos, pero tranquilidade”.















Concordo plenamente co exposto por Xaquín. Ademais, coido que sería de interese que GCiencia contribuíra, con varios artigos, a divulgar coñecemento arredor deste tema para concienciar á xente sobre o uso e abuso dos envases de plástico.
“Se as moléculas que pasan ao alimento teñen un efecto prexudicial sobre a nosa microbiota e sobre a nosa saúde gastrointestinal, queremos identificalas para poder facer a normativa necesaria que evite que eses productos sexan utilizados”.
A nivel estatal hai que leva décadas investigando isto con diñeiro público, publícanse “papers” en prestixiosas revistas médicas e científicas. E quen as le? E quen lles fai caso? quen nos dirixe prefire mirar para outro lado non vaia ser que se arruínen as multinacionais.
Xa hai tempo que se sabe do efecto prexudicial na microbiota, pero aínda así incrementouse o uso do plástico (entre outras invencións) para uso alimentario, cosmético e pódese dicir que en tódolos eidos. A maioría da auga que se bebe está en envases de plástico que debido á súa composición lle aporta entre outras cousas efecto estroxénico e antiandroxénico. A alguén lle importa?
Qué se fai cando nace un neno prematuro? Envólvese en plástico e aliméntase a través de plástico é a través de plástico. Con tódalas químicas que o acompañan. Claro que os italianos xa acuñaron a palabra “plasticenta”, algunha suxestión de porque o farían.
Continuará…