Unha defensa da nosa contorna: así é o traballo campión galego de vídeo submarino

Xaime Beiro e Lara González gañan por terceira vez consecutiva o campionato cunha peza que amosa a biodiversidade das nosas costas

Ao redor de Louro (Muros) todo é auga. Sábeo ben Xaime Beiro, que medrou vendo como os seus avós ían traballar ao mar cada día. Colleu o testigo adicándose á pesca submarina cando era novo, e así coñeceu a increíble biodiversidade que se agocha baixo a superficie.

Despois cambiou o fusil polo obxectivo dunha cámara, ata que un día pensou: Por que non xuntar as dúas cousas? Comezou a somerxirse nas costas galegas coa súa parella, de quen di que está igual de tola ca el, para amosar unha riqueza que moitas veces pasa desapercibida. E mal non lles foi, porque Xaime Beiro e Lara González levan tres anos consecutivos gañando o Campionato Galego de vídeo submarino, que este 2024 realizouse nunha xornada de submarinismo na costa de Malpica: “Agora imos a polo nacional, pero o feito de gañar na casa para nós xa é unha honra”. O vídeo, dunha duración dun minuto, amosa unha gran variedade de peixes e outros animais mariños.

Publicidade

O vídeo feito por Xaime Beiro e Lara González, gañador do Campionato Galego de vídeo submarino deste 2024.

Beiro e González levan oito anos facendo vídeos baixo a auga: “É algo que fas completamente en equipo, xa que por motivos de seguridade non podes baixar cunha botella de aire sen levar un acompañante”. Mentras este grava un plano, González vai na procura doutros animais mariños ou peces para “capturar” a súa forma de vida. O que máis sorprende a Beiro, segundo di, é darse conta do pouco que coñecemos das nosas augas e da vida que hai nelas: “Cando publicamos un video onde aparecía unha raia riscada moita xente se estrañou xa que pensaban que non era un peixe que puideses atopar en Galicia”.

Luces, cámara e inmersión

A relación de Beiro coa cámara non é unha afición, senón o seu modo de vida. O feito de terse licenciado en Comunicación Audiovisual axuda á hora de salvar os obstáculos ou complicacións que supón gravar baixo a auga, xa que coñeces ao teu inimigo.

Publicidade

Trátase dunha cuestión de física pura e dura, xa que as partículas da luz móvense dun xeito e cunha velocidade completamente diferentes cando o medio é acuático. Nun espazo baleiro, a luz móvese cunha velocidade de 300.000 quilómetros por segundo, mentras que na auga percorre só 250.000 quilómetrosno mesmo tempo. “Ademais diso, as cores mudan e perden o seu brillo cando aumentas a profundidade, xa que cada vez chega menos luz”, explica.

Mudar a perspectiva sobre a nosa contorna

Dende logo que ver tiburóns ou baleas é algo moi especial, pero para este galego as nosas costas gozan tamén dunha diversidade que sorprende e marabilla a partes iguais, incluso a quen vive no mar e dos seus productos. De feito, para Beiro unha das súas motivacións á hora de baixar á escuridade do fondo mariño é precisamente iso: dar a coñecer e valorar o que temos máis preto de nós.

“Eu mesmo descubrín un mundo totalmente alleo cando comecei a gravar a vida mariña. Cando vas co fusil moitas veces non te fixas no que tes máis preto, e de repente daste conta de que xusto diante de ti hai peixes moi pequenos pero cun comportamento interesantísimo”. O coidado da nosa contorna, di, “depende de que o coñezamos e sexamos conscientes do que está en xogo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro