Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

A sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) volve no serán do vindeiro 25 de setembro cun programa de máis de 150 actividades gratuítas de divulgación científica nas sete principais cidades de Galicia. Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo serán os escenarios de decenas de plans que teñen o obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia. 

Así, miles de persoas, como as máis de 10.000 que se deron cita na pasada edición, poderán achegarse de xeito lúdico ao mundo da investigación a través de experimentos e demostracións que transformarán as rúas en laboratorios ao aire libre, dos que formarán parte máis de 500 investigadoras e investigadores de toda a comunidade autónoma. 

Publicidade

O mapa da G-Night estará composto de espazos como o claustro do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela; a dársena da Mariña, na Coruña; o mercado municipal e a praza de abastos de Lugo ou o edificio Redeiras en Vigo, ademais de bares, prazas, parques, museos, centros de investigación e outros espazos públicos das cidades galegas. A diversidade de escenarios permitirá achegar a ciencia a públicos moi diferentes e converter distintos recunchos das cidades en lugares de encontro coa investigación.

Expo-feiras científicas, roteiros, obradoiros, paseos en barco, xornadas de portas abertas ou actividades en centros escolares son algunhas das propostas desta sexta edición da G-Night para achegarse á investigación e á ciencia en primeira persoa. A programación abrangue todas as ramas do saber e invita a ver, tocar, experimentar e descubrir, con actividades adaptadas a públicos de todas as idades.

Publicidade

Que son as G-Night?

A G-Night é unha iniciativa galega orientada a achegar a ciencia á sociedade que naceu ao abeiro da European Researchers’ Night, un evento da Unión Europea que se celebra en máis de 460 cidades de xeito simultáneo o último venres de setembro. A Universidade de Vigo coordina a G-Night 2026, na que participan, ademais das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, os institutos do CSIC —IEGPS, IEO, IIM, Incipit e MBG—, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, así como outros centros e organismos de investigación galegos, entre eles o CESGA, CITMAga, ECOBAS, FCEER, IDIS, IISGS e INIBIC. 

Así, celébrase grazas ao compromiso das entidades organizadoras e finánciase cos recursos propios dos preto de 20 organismos que forman o consorcio. Ademais, o evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da GAIN (Axencia Galega de Innovación), dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e coa colaboración da Real Sociedad Española de Química, ademais doutras achegas a nivel local. 

Vigo: tres actividades para todos os públicos

En Vigo, o edificio Redeiras e a praza do Berbés converteranse entre as 17:00 e as 21:00 horas en grandes espazos de experimentación científica. O programa permitirá achegarse a ámbitos tan diversos como a investigación contra o cancro, a bioloxía, a química, as matemáticas, a enxeñaría, a intelixencia artificial, a robótica, a aeronáutica, a exploración espacial ou a alimentación funcional.

As máis cativas e cativos terán tamén o seu espazo cun teatriño de títeres sobre o papel das nenas e das mulleres na ciencia, acompañado dun obradoiro de microscopía e acuicultura. O público poderá tamén coñecer de preto aeronaves e foguetes deseñados polo alumnado de UVigo Aerotech, o monopraza de UVigo Motorsport ou prototipos de satélites e robots destinados á exploración de covas lunares.

Á programación da feira súmanse outras actividades, como a charla Novos retos en cancro, na Biblioteca Xosé Neira Vilas, coa investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO —o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo—, María Mayán. Ademais, o público poderá participar nun paseo en barco para coñecer os fondos da ría a bordo de Inndaga, a embarcación do Centro de Investigación Mariña (CIM). Esta actividade, así como algunhas das propostas e obradoiros da programación, require inscrición previa e conta con prazas limitadas, polo que a organización recomenda consultar a web gnight.gal, onde se pode reservar praza e acceder á programación completa.

A celebración da G-Night en Vigo conta coa colaboración do Concello de Vigo e coa achega do Consello Social da Universidade de Vigo.

Ourense e Pontevedra: roteiros científicos e Ciencia no Bar

En Ourense, o bar Ceres 1894 acollerá, ás 18:30 horas, dúas actividades dirixidas ao público maior de 16 anos. O grupo Gest-It, Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia, propoñerá analizar as campañas institucionais contra a violencia machista para identificar estereotipos sexistas, procesos de culpabilización ou revitimización e reflexionar sobre a maneira en que se representa este tipo de violencia. Pola súa banda, o grupo Cies-UVigo, Cooperación en investigación para a equidade educativa e social, abordará os retos e oportunidades da formación dual universitaria, explicando as súas características, a súa expansión e algúns dos dilemas relacionados coa súa implantación no ámbito universitario.

En Pontevedra, o ciclo Ciencia no Bar transcorrerá na Taberna Nasa a partir das 18:30 horas, onde a cidadanía poderá gozar dun refresco mentres participa en dúas actividades de divulgación: O teu municipio di que é sostible. Podemos crelo, do Post-growth Innovation Lab, e A conduta suicida na mocidade galega: datos e retos, do grupo GETS-IT.

A maiores, entre as 17:00 e as 19:00 horas haberá un roteiro polas pegadas de Federico García Lorca en Pontevedra, con saída desde o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O percorrido, organizado en colaboración co Colectivo Xurelo, permitirá coñecer diferentes lugares relacionados coas visitas do escritor á cidade.

Froito da unión de toda a comunidade científica

As actividades da UVigo no marco da Noite Galega das Persoas Investigadoras contan coa participación de persoal investigador de todos os centros de investigación da Universidade de Vigo (Atlanttic, CINBIO, Cintecx e CIM) e coa colaboración doutras entidades convidadas como a Fundación CEER, o IIS Galicia Sur e os centros interuniversitarios Citmaga e Ecobas. Ademais, no evento tamén participa persoal investigador en fase predoutoral contratado ao abeiro do Programa de axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.


Podes consultar o programa completo das G-Night na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Do picapeixe á cegoña branca: as aves (galegas) que poderían aparecer nos próximos billetes de euro

As seis especies escollidas polo Banco Central Europeo teñen presenza, habitual ou ocasional, no territorio, dende as montañas do interior ata o litoral