O convento de Santa Clara, en Pontevedra, está a acaparar unha atención mediática sen precedentes tras o achado dun cerebro saponificado que pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX. A máis de 160 quilómetros de distancia, o forense Fernando Serrulla recibe a noticia cunha profunda curiosidade científica. Dende o seu laboratorio de Verín, pertencente ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), estudou máis de 300 cerebros saponificados. A maioría deles atopáronse en foxas comúns da Guerra Civil, pero tamén colaborou coa Universidade de Bordeos na análise de órganos achados en catacumbas romanas e participou nunha investigación promovida pola Cruz Vermella sobre 122 corpos de soldados que loitaron nas Malvinas. Un currículo tan extenso como prolífico que o converteu nun experto na materia.
Un proceso delicado
“A saponificación é un fenómeno de descomposición cadavérica que se produce, en maior ou menor grao, en función da falta de osíxeno. Canta máis falta de osíxeno, máis saponificación. Este proceso está normalmente vinculado a un nivel moi alto de humidade”, explica Serrulla. O cerebro é un órgano cunha elevada porcentaxe de materia graxa, polo que ao xuntarse cun grao alto de humidade —por exemplo, se permanece debaixo da auga— pode saponificarse. Non obstante, non é un proceso matemático: algúns cadáveres, a pesar de permanecer en lugares moi húmidos, non se saponifican. “Se se dan as condicións axeitadas de deshidratación dentro do cranio e unha baixa presión parcial de osíxeno no ambiente prodúcese a putrefacción e algúns cerebros comezan, de forma sorprendente, a conservar a forma. Quedan con pouca auga e moita graxa”, describe o forense.
Serrulla tamén explica que o proceso de saponificación ten que empezar dende o mesmo momento da morte, non meses despois de que ocorra o falecemento. “A auga ten que estar dende o principio para evitar que a materia orgánica enferme e desapareza”, apunta. Segundo detalla, se a graxa corporal está rodeada de auga, as moscas ou as larvas das que nacen non poden acceder ao corpo e, polo tanto, non o poden descompoñer. Engade, tamén, que só hai unha pequena porcentaxe de cadáveres que se saponifican, porque requiren un lugar con pouco osíxeno e moita auga; unhas condicións que deben coincidir no momento axeitado durante a descomposición.
O achado de cerebros saponificados require dun manexo cauteloso debido á fraxilidade do material. Ao sacalo do ambiente húmido no que se conservou durante anos —pode que incluso séculos—, pode sufrir cambios drásticos. “O cerebro comeza a desecarse inmediatamente e a cambiar. Talvez se converta nunha substancia máis fráxil que incluso se pode desmoronar por completo“, advirte Serrulla, quen lembra algún caso no que, a pesar dos esforzos, os órganos non lograron conservarse debido ao cambio drástico de condicións ambientais. Por iso el recomenda a realización de estudos radiolóxicos para a creación de réplicas en 3D que permitan que o cerebro perdure sen riscos.
Que información achegan?
A información extraída dun cerebro saponificado pode ser moi valiosa. “Cando estudas un esqueleto, tes arredor de dous quilos de materia orgánica, cando unha persoa pode pesar uns 80. É dicir, tes unha pequena proporción do organismo. Se podes contar co cerebro, obterás máis datos”, sinala Serrulla. Algúns dos casos máis representativos foron atopados en foxas comúns da Guerra Civil, onde se atoparon cerebros saponificados que conservaban os proxectís que acabaran coa vida das vítimas. Ademais, se se detectan signos que leven a pensar que esa persoa sobreviviu 48 horas ao traumatismo, pódese interpretar como un signo de maltrato, tortura ou agresión previa. Así o explica Serrulla, en alusión a unha nova técnica coa que se poden identificar lesións ou hemorraxias arredor dos proxectís atopados en cerebros saponificados.
Outro aspecto no que o forense centra as súas investigacións é o estudo da composición cualitativa da saponificación. É dicir, identificar unha serie de ácidos graxos que poden ofrecer información adicional sobre a vítima ou o corpo en estudo. “Pode acontecer que, ao investigar o perfil de ácidos graxos da saponificación, descubras o tipo de alimentación da persoa”, explica. Así o conseguiron certificar nun estudo levado a cabo nunha foxa da Guerra Civil en Baleares. Había persoas naturais das illas e outras de fóra, en concreto, de Badaxoz. “Os cerebros amosaron perfís de ácidos graxos distintos. Nalgúns casos proviñan dunha materia como o pescado e, noutros, podían asociarse cos cereais”, apunta. Serrulla matiza que non chegaron a ningunha conclusión, mais a hipótese colleu forza tras demostrar as diferenzas no perfil de ácidos graxos.
De Bordeos…
O caso máis antigo que Serrulla tivo entre mans foi unha colaboración coa Universidade de Bordeos, a través da que estudou os restos atopados en catacumbas romanas. “Alí enterraron a miles de persoas, case todos cristiáns. Os cadáveres quedaron amontoados e estaban saponificados. Algúns deles, case todos, conservaban os cerebros”, lembra o forense. Neste caso non se puido estudar o perfil de ácidos graxos pola falta de financiamento, pero lográronse xerar imaxes en 3D que facilitaron unha “conservación” dos órganos. De feito, cando intentaron facer o estudo histopatolóxico, gran parte do cerebro desfíxose.
A pesar deste caso con máis de 2.000 anos de antigüidade, a maior parte dos órganos que estuda proveñen do contexto da Guerra Civil española. Non obstante, insiste en que a literatura científica recolle casos de cerebros saponificados atopados dende hai centos de anos. Un dos estudos que máis marcou a traxectoria de Serrulla, e no que centrou a súa tese de doutoramento, foi o da foxa de La Pedraja, en Burgos. Alí apareceron 45 cerebros e un corazón que sufriran o proceso de saponificación. “É un caso moi peculiar. Fixeron a foxa nun sitio onde era fácil escavar, nunha especie de desaugue do monte. Botaban cinco cadáveres un día, catro outro… Ata 104. E coa chuvia, alí formouse unha especie de bañeira”, explica.
A Burgos
Os cadáveres permaneceron alí dende 1936 ata 2010, cando comezaron as escavacións a iniciativa da Sociedade de Ciencias Aranzadi en colaboración con outras institucións. Serrulla visitou o lugar e lembra como se conservaba aínda o olor a descomposición. Os corpos estaban saponificados, precisamente, porque se conservaran en auga. Pero máis alá dos cerebros atopados dentro dos cranios, extraeuse un corazón que Serrulla non puido estudar en profundidade. Gustaríalle ter realizado unha análise xenética, mais acusa falta de financiamento. A saponificación prodúcese sobre todo no cerebro porque é un órgano moi graxo, pero non se descarta que suceda no fígado —sobre todo se é o dunha persoa alcólica— ou no corazón, se ten moita materia graxa. Este fenómeno, ademais, non adoita acontecer en persoas delgadas, que pasan máis ben por un proceso de momificación e a súa pel convértese en coiro duro, como un tambor.
Serrulla tamén lembra un achado sorprendente nunha foxa común da Guerra Civil en Paterna, Valencia. Alí conseguiron extraer o cerebro saponificado máis grande do mundo, que pesaba preto de 200 gramos. “Era espectacular. Incrible. Estaba perfectamente conservado”, indica. De feito, non sempre se atopan os órganos nun estado tan axeitado, e ás veces só aparecen fragmentos. É máis, cando aínda non se coñecía ben este proceso químico, en moitas campañas arqueolóxicas extraíanse os cranios e pensábase que o que contiñan era só terra. “Parte dela adoita ser cerebro porque queda conservado en forma de esponxa ou fragmentado”, advirte.
As Malvinas
Outro dos casos que ocuparon a atención de Serrulla foi a participación, en 2017, dun Comité Internacional da Cruz Vermella para analizar os corpos de 122 soldados que loitaran nas Malvinas en 1982. “Alí vai moito frío e humidade. Estaban enterrados en bolsas de plástico e aquilo parecía que os meteras nun conxelador porque aínda que a terra está algo máis quente, a temperatura ambiente oscilaba entre os 0 e os -4 graos”, lembra o forense. Polo tanto, os cadáveres conserváronse relativamente ben e a graxa saponificouse, o que permitiu un estudo máis detallado do que alí acontecera.
Dende as Malvinas ás catacumbas romanas de Bordeos, pasando por múltiples foxas comúns da Guerra Civil. A este escenario, e relativamente preto do seu laboratorio, Serrulla mira con expectación o descubrimento no mosteiro de Santa Clara. O equipo de arqueoloxía que traballou no convento definiuno como un achado único na península, pois o cranio estaba nun estado moi precario de conservación, e só atopou outros tres casos comparables —tamén de relixiosos— en Arxentina, Chile e Italia. Haberá que esperar os resultados do cerebro saponificado de Santa Clara e ver que logra revelar dun convento con 750 anos de historia, talvez da forma de vida da monxa á que pertencía. E así sumar, para as ciencias forenses de Galicia, un fito máis á súa traxectoria.














