Que di o teu apelido sobre a túa orixe? Descúbreo neste mapa de Galicia

Unha ferramenta do Instituto da Lingua Galega permite consultar en liña a distribución dos sobrenomes no territorio a partir de datos do censo de 2001

Os apelidos nacen pola necesidade imperante de distinguir ás persoas, e comezaron a empregarse en Galicia a finais da Idade Media. Patronímicos, toponímicos, lexicais; dende Castro, a Ferreiro e González. Hai unha gran variedade de sobrenomes que se poden localizar no mapa grazas á ferramenta en liña Cartografía dos apelidos de Galicia do Instituto da Lingua Galega (ILG), onde os usuarios poden consultar a súa distribución territorial nos 313 concellos da comunidade. Con todo, falta actualización da información: os datos que emprega corresponden ao Censo de poboación do ano 2001, proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) á Real Academia Galega.

Pero, que información se pode atopar? Ofrece o número de apelidos que se rexistra en cada concello e a porcentaxe de apelidos do concello tendo en conta o número total da base de datos. Ademais, de forma complementaria, o ILG achega un mapa temático onde se representa a frecuencia de aparición do apelido a través dunha gradación de cores, dende o amarelo máis pálido ata o vermello.

Publicidade

Como buscar o teu apelido

Ao abrir a páxina web, a ferramenta ofrece un buscador onde procurar o teu apelido. Con todo, ten unha serie de normas que se deben cumprir para facilitar a búsqueda: non deben ter acentos nin tiles diacríticos; para buscar apelidos compostos deben separarse as formas cun guión baixo; poden utilizarse caracteres comodíns como o asterisco ou a interrogación de peche —PERE* buscará apelidos que comecen por PER-; SANCHE? buscará palabras de sete letras que comecen por SANCHE-, como Sánchez ou Sanchel—. Ademais, o sistema ten en conta as diferentes grafías do apelido, xa que aparecen tal e como constan no censo. Por exemplo, constan como formas distintas Teixeiro e Teijeiro, Aira e Ayra, e Ermida e Hermida.

Rodríguez, Fernández e López

García, Fernández, González ou López son algúns dos máis empregados segundo o INE. A causa da magnitude da poboación, estes atópanse de forma maioritaria nas principais cidades galegas.

Publicidade

Rodríguez está na primeira posición segundo a Cartografía dos apelidos, con 236.756 ocorrencias e un 4,6528% de presenza da poboación galega censada en Galicia en 2001, sobre todo na provincia de Ourense e no sur de Lugo. Fernández é o seguinte no podio, con 223.932 ocorrencias en todos os concellos, cunha maior influencia no leste de Lugo. E González chega ao terceiro posto con 176.002 ocorrencias, cunha presenza pronunciada na metade sur do mapa de Galicia, como en Lobios, Chandrexa de Queixa ou Amoeiro.

Distribución do apelido López en Galicia, segundo o censo de 2001.
Distribución do apelido López en Galicia, segundo o censo de 2001.

Mentres, o caso de López, no cuarto posto, é chamativo: ten 167.776 ocorrencias, pero o maior volumen de uso atópase en Lugo: concretamente, no Saviñao, Paradela, O Páramo, Sarria, Láncara e Samos.

E Veiga, Filloy e Gallego?

Con todo, tamén hai apelidos con menos porcentaxe de presenza entre a poboación galega censada en 2001. O sobrenome Veiga ten 12.437 ocorrencias —224.319 menos que Rodríguez— e está presente en 177 concellos, representado cun 0,2444%. Desta forma, ocupa o posto número 53, sendo maioritário na Coruña, Vigo e Lugo. O caso de Gallego é semellante: hai menos ocorrencias, con 5.958 en 105 concellos e está presente no 0,1171% dos casos, ocupando a posición 105. A pesar de que aparece en Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo, algunhas das cidades principais de Galicia, chama a atención que o quinto posto sexa para Verín, con 251 persoas que portan o apelido.

Hai exemplos máis concretos, como Filloy. Este apelido ten 370 ocorrencias, cunha porcentaxe de presenza na poboación galega do 0,0073% en 11 concellos. Na súa maioría, os Filloy están localizados na Estrada —con 98 rexistros—, pero tamén en Silleda e Forcarei. Isto significa que a súa presenza é maioritaria na provincia de Pontevedra.

Agora, é o teu turno para responder á seguinte preguntar: De onde ves sendo segundo o teu apelido?


Podes consultar a Cartografía dos apelidos de Galicia na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz

Un ciclo de divulgación científica leva a investigación sobre Galicia a seis vilas do Camiño de Santiago

A iniciativa de Observer ‘Camiños de Ciencia’ celebrarase entre setembro e novembro con charlas gratuítas arredor da arqueoloxía, xeoloxía ou astronomía

Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos

Sete anos de ciencia e innovación: estes foron os gañadores nas últimas edicións dos Premios Zendal

A convocatoria de 2026 permanece aberta ata o vindeiro 20 de setembro e repartirá 65.000 euros entre proxectos de saúde humana e animal