Foz, Cacheira ou Estebiño: estes son os apelidos en perigo de extinción en Galicia

O proxecto da USC coordinado por Ana Boullón e Xulio Sousa establece cales son os sobrenomes con orixe galega con menos ocorrencias

Apelidos e nome constitúen a carta de presentación dunha persoa. A historia dos sobrenomes galegos comeza en 1870, cando se fixou  a totalidade dos apelidos coa creación do Rexistro Civil. Ana Isabel Boullón, investigadora e coordinadora do proxecto Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG), explica que, a partir dese momento, non hai apelidos novos de orixe galega. Este fenómeno provoca unha situación de perigo para algunhas identificacións que non son capaces de manterse no tempo.

Isto xera que os apelidos con familias de poucos membros rematen por desaparecer: non aparecen novos, e os que hai, rematarán por caer no esquecemento. Traballando cunha base de datos do Censo do Instituto Nacional de Estatística (INE) do 2001, a investigadora atopou grallas entre os datos sobre apelidos, e decidiu depurar a información. Así, puido saber cales eran os menos frecuentes, moitos deles estranxeiros, compostos ou castelanizados.

Publicidade

Mais, que se considera un apelido “en perigo de extinción”? A pauta que seguiu Boullón foi a selección daqueles que coinciden con topónimos galegos con menos de dez ou quince ocorrencias, ou o que é o mesmo, persoas que portan ese nome na súa identificación. Cales son os que se atopan nesta situación?

Unha orixe variada

“As persoas que teñen un apelido con só unha ocorrencia están en grave perigo de extinción”, asegura a filóloga. Nestes casos, só se prolongan un par de xeracións. Ana facilita os datos do 2001: máis de 40.000 sobrenomes diferentes, e máis de 17.000 únicos

Publicidade

En Galicia, parte destes os constituían unha maioría de orixe toponímica: Foz, Teixugueira, Cacheira, Pedrafita, Láncara ou Belvís eran algúns deles. Tamén aparecen outros singulares, como Águia, Orella ou Pouta, orixinados na cotiandade. “Non poden ser outra cousa que galegos”, explica, a causa da súa relación coa cultura e toponimia galega. 

Como todo, hai excepcións. O apelido Grove podería facer referencia ao concello pontevedrés, pero tamén coincide cun topónimo inglés. Ou Esquerdeiro, que podería tratarse dun sobrenome portugués. Unha cousa está clara: Diaño ou Piñeiro, co emprego do “ñ”, teñen o sello de autenticidade galega.

A castelanización: moito antes do franquismo

A conversión dos apelidos ao castelán non veu acompañada só pola ditadura franquista. Aínda que influíu encarecidamente, este fenómeno xorde máis atrás, no século XVI. No XV, a documentación aparecía en galego, mais cen anos despois todo cambiou: fíxose obrigatorio un exame en castelán para os notarios, que pasaron a facer as súas labores neste idioma. “Nun tempo moi curto, todos os rexistros estaban en castelán”, explica a investigadora da USC.

Documento notarial no que se escribe Antonio Blanco e António Branco no mesmo documento, resaltado en amarelo. Foto: Ana Isabel Boullón
Documento notarial no que se escribe Antonio Blanco e António Branco no mesmo documento, resaltado en amarelo. Foto: Ana Isabel Boullón

“As únicas secuencias en galego nos documentos eran os topónimos e os apelidos”, explica. Os nomes propios ían castelanizándose, e estas denominacións seguiron o mesmo camiño. Deste xeito, sucedíanse erros notariais: o profesional escribía o segundo nome en galego, e cando se decataba, escribíao en castelán no mesmo escrito. Así, deixaron de haber persoas apelidadas Colazo, e apareceron os Collazo. Máis Otero que Outeiro. Algúns apelativos sufriron máis a castelanización que outros, pois segue habendo Ferreiros ou Castiñeiras

Ás veces, este feito tamén dependía das dióceses ou dos curas. Previamente, só había rexistros parroquiais, polo que se o cura tiña unha tendencia á castelanización, o herdeiro matiña o mesmo ritual. Por exemplo, na área tudense, os apelidos tenden ao castelán, “probablemente porque a súa proximidade a Portugal era un motivo para diferenciarse do país veciño”, explica a investigadora do Instituto da Lingua Galega (ILG).

A cartografía como ferramenta de investigación

Neste plano onomástico, o proxecto Cartografía dos apelidos de Galicia (CAG) da Universidade de Santiago (USC) ten especial relevancia. Non se trata só dunha ferramenta para investigar a difusión territorial dos sobrenomes, senón tamén para preservalos. A páxina facilita información sobre o número de apelidos rexistrados en cada concello, e a súa porcentaxe respecto á totalidade de sobrenomes. 

Con base nos datos do Censo do 2001, un mapa temático dos concellos representa a frecuencia de aparición dun apelido a través dunha gradación de cores. “A xente debería ter consciencia de que o apelido é parte da familia, pero tamén da nosa historia como pobo”, reivindica a investigadora, froito desta información.

Os apelidos toponímicos son unha mostra deste fenómeno, pois ligan a historia dun determinado territorio cunha linaxe concreta. Mais tamén son froito de nomes de persoa (González ou Vázquez) ou de oficios, animais ou características físicas (Conde ou Pita), tamén maioritarios. Por iso, a misión de cada xeración é coidalos, restituír a súa forma orixinal ou aplicar a ortografía estándar, como un “patrimonio inmaterial” que se preserva en Galicia.

Preservar en mans das novas xeracións

Con todo, para manter os apelidos ao longo do tempo hai poucas opcións. Unha é ter fillos, dificultada polo descenso da natalidade, que se caracteriza por 39 nacementos ao día en 2023, segundo o INE. Outra alternativa é o cambio de apelido polo de algún familiar, “difícil se non se trata do apelido dos proxenitores”, advirte a experta. 

Tamén se achegan facilidades, como o cambio na orde dos apelidos, co da nai por diante: “As persoas que teñen en segundo lugar un apelido pouco frecuente poderían poñelo de primeiro para transmitilo aos seus fillos”, propón. Non obstante, aínda existen prexuízos ao respecto, pois “unha porcentaxe ínfima de persoas ten o apelido da nai como primeiro”. 

Hai persoas restituíndo os seus apelidos pola vía legal coa fin de identificarse a través da súa forma galega. Outros manteñen estas designacións a través do oral ao longo do tempo. “Na aldea do meu pai, uns eran “os de Outeiro”, e nos carnets aparecía Otero”, explica Boullón como exemplo. 

Ás veces, as formas propias de Galicia mantivéronse como alcumes ou nomes de casas, chegando ata o día de hoxe. “Os apelidos deben ter como función fundamental a identificación da persoa”, explica, polo que canto máis característico é o apelido, mellor cumpre o seu cometido. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. O apelido da nosa familia é Valuja pero nos rexistros feitos de viva voz oasou a ser Baluja a maioría, hai probas abondo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño