Unha exposición honra o Matemático Rodríguez, o primeiro científico galego internacional

A mostra, que recolle a vida e traxectoria do Científico galego deste 2024, poderá visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 12 de novembro

Coincidindo co aniversario do seu pasamento, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu como Científico Galego de 2024 ao matemático José Rodríguez (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824). Co fin de divulgar a súa figura, estanse a realizar unha serie de actividades ao longo deste ano, entre elas unha exposición dedicada ao coñecido como Matemático Rodríguez. A mostra inaugúrase este luns na igrexa da Universidade de Santiago, onde permanecerá ata o 12 de novembro, momento no que iniciará un percorrido por outros puntos da xeografía galega e nacional, en particular o Concello de Lalín e a Casa de Galicia en Madrid. 

José Rodríguez foi un adiantado da súa época, o primeiro científico galego en acadar unha dimensión internacional, cun perfil liberal e modernizador. Ademais de matemático, interesouse pola xeodesia, a astronomía, a cristalografía e a mineraloxía; mantendo contactos cos científicos europeos de referencia en cada unha destas disciplinas.  Nesta exposición, que abrangue unha visión moi completa deste persoeiro, pódese albiscar a súa enorme relevancia. A mostra realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a Universidade de Santiago; o Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín.

Publicidade

De neno labrego a un recoñecemento internacional

Dividida en 8 ámbitos, a exposición recolle cronoloxicamente a súa vida e actividade. Este neno labrego de Lalín converteuse en catedrático de Matemáticas na USC. Logo trasladouse a París, onde estudou Astronomía e Altas Matemáticas. Participou na expedición internacional que permitiu definir o metro como unidade de medida. Tamén estudou en Inglaterra e regresou a Galicia como catedrático de Matemáticas Sublimes na USC, sendo profesor de Domingo Fontán. De seguido trasládase a Alemaña e posteriormente volve a París, momento no que mercou e remitiu instrumentos científicos para a Universidade de Santiago e para o seu discípulo Fontán. 

No eido da Astronomía, foi profesor e tamén dirixiu o Observatorio de Madrid. Foi deputado por Galicia e implicouse na creación dunha Universidad Central, xerme da actual Universidad Complutense de Madrid. Así mesmo, realizou calendarios agrícolas para Galicia e Asturias. Pasou os derradeiros meses da súa vida en Santiago, onde faleceu en 1824 e foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño. 

Publicidade

Os obxectos da vida de Rodríguez

Como bens materiais, Rodríguez deixou libros, mapas, algúns instrumentos científicos e coleccións de mineraloxía que se expoñen nesta mostra, enviados na súa maioría polo matemático á Universidade de Santiago por consideralos fundamentais para o ensino público.

É o caso dun metro patrón de latón de 1817, subdividido en milímetros, traído polo homenaxeado dende París e que se garda na facultade de Física da USC. Así mesmo, pode admirarse o teodolito que Domingo Fontán empregou para realizar a Carta Xeométrica de Galicia e que na actualidade se atopa na facultade de Xeografía e Historia da USC.

De esquerda a dereita: Juan Lema, presidente da RAGC; Román Rodríguez, conselleiro de Educación; José Crespo, alcalde de Lalín; José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller Ulloa da USC; e Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC.

O abade René Haüy, considerado o fundador da cristalografía, regaloulle unha colección de 1024 modelos cristalográficos feitos en madeira de pereira, que se conserva no Museo de Historia Natural da USC, unha selección da cal se exhibe nesta exposición. Esta colección acrecentou o interese dos científicos pola cristalografía e contribuíu a que a Universidade compostelá tivese a primeira cátedra de España nesa ciencia.

Entre o material cedido por outras institucións, destaca unha maqueta do Observatorio Astronómico Nacional (Madrid) e un círculo de Borda -tamén do OAN-, empregado no século XVIII para medir o arco do meridiano entre Dunkerque e Barcelona, o que permitiu asignar unha lonxitude ao metro. Por outro lado, o Colexio Pío XII de Santiago colabora cedendo o seu planetario.

Colaboración para contar a súa historia

Ademais de edicións antigas de material bibliográfico diverso, a mostra reúne unha serie de documentos orixinais vencellados ao matemático Rodríguez, como a súa acta de nacemento ou o seu título de Bacharel en Filosofía, cartas redactadas por el mesmo, entre outros. Inclúe así mesmo dous vídeos, un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida. O Concello de Lalín realizou un folleto ilustrado e un podcast sobre a vida do científico, recursos accesibles tamén nesta mostra. A exposición péchase cunha biografía do homenaxeado, realizada polo astrónomo Ramón María Aller, o seu primeiro biógrafo. 

A mostra realízase en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; a USC; o Consello da Cultura Galega; e o Concello de Lalín. Ao acto de inaguración asistirán, ademais do presidente da RAGC, Juan Lema; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora de Gain, Carmen Cotelo; o alcalde de Lalín, José Crespo; o reitor da USC, Antonio López; Elena Vázquez Cendón, do Consello da Cultura Galega; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e o historiador de Lalín Daniel González; entre outros representantes de diversas institucións políticas, educativas e culturais galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño