Ventos furacanados e ondas de sete metros: así será o impacto do exfuracán Kirk en Galicia

A borrasca atrasará a súa chegada ao litoral galego ata a madrugada do mércores, activando alertas amarelas e laranxa en toda a comunidade

Os restos do furacán Kirk chegarán a Galicia reconvertidos nunha potente borrasca. Aínda que inicialmente as axencias meteorolóxicas prognosticaron o seu paso pola comunidade a partir deste martes, segundo os datos actualizados por MeteoGalicia a súa entrada na Península Ibérica non será ata a madrugada do mércores. A borrasca impactará primeiro no norte da provincia coruñesa, moi preto da costa de Fisterra, activando a alerta laranxa en toda a comunidade galega. Agárdanse ventos furacanados de ata 140 quilómetros por hora na Mariña lucense e acumulacións de auga de 161 litros por metro cadrado en rexións do interior de Pontevedra.

Malia que os efectos máis fortes da borrasca aínda non tiveron lugar, o seu achegamento a Galicia déixase sentir xa nalgunhas zonas costeiras: é o caso de Lires, no municipio coruñés de Cee, onde un usuario de X compartiu un vídeo onde se aprecia a chegada dunha manga mariña. O certo é que o litoral galego estará exposto a temporais mariños estes días, deixando ondas de ata sete metros de altura e fortes refachos de vento.

Publicidade

O peor de Kirk, no mar

Segundo as previsións da AEMET, o oeste de Galicia vivirá estes días chuvias moi abundantes, con alta probabilidade de ser persistentes e fortes e, con moita seguridade, acompañadas dunha tempestade ao final desta xornada de martes. Malia que Kirk xa perdeu a categoría de furacán, quedan por diante máis de 48 horas nas que os territorios da Península e, especialmente Galicia, veranse expostos a condicións atmosféricas extremas.

A alertas amarela e laranxa por refachos de vento de ata 100 km/h manteranse activas na provincia da Coruña e Pontevedra dende as 18.00 horas deste martes ata as 21.00 horas do mércores. Nestes intres tamén hai avisos amarelos por acumulacións de auga na meirande parte do territorio, así como por vento.

Publicidade

A alerta laranxe estenderase por todo o territorio galego na xornada do mércores. Foto: Eltiempo.es

Con todo, o impacto máis forte verase no litoral atlántico, onde terán lugar potentes temporais marítimos. Segundo MeteoGalicia o mércores as chuvias serán xeneralizadas e persistentes en Galicia, con ventos que soprarán moi fortes. En canto ás temperaturas, as mínimas seguirán sen cambios significativos, mentras que as máximas ascenderán lixeiramente ante a chegada desta borrasca, acadando cifras superiores aos 20 ºC na totalidade das principais cidades galegas.

A marcha da borrasca

Na xornada do xoves as precipitacións irán remitindo na comunidade. Agárdanse intervalos de ceos nubrados con chuvascos intermitentes, e o vento perderá intensidade, tanto no interior como no litoral. Estímase que a borrasca irá desprazándose cara o resto do Cantábrico ata abandonar Galicia por completo o venres.

A comunidade permanecerá baixo a influencia das baixas presións: con todo, a chuvia permanecerá cara a fin de semana. Agárdanse precipitacións tódolos días, e unha alternancia de ceos moi nubrados con outros con nubes e claros. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso, e as máximas permanecerán sen cambios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Austen activa a alerta laranxa en Galicia por ondas que poderán superar os sete metros

Trátase da segunda das tres frontes atlánticas que pasarán por Galicia esta semana, coa terceira prevista para o domingo

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX