Fernando Serrulla: “É incrible que os forenses fagamos gardas de 24 horas toda a semana por 1,40 euros a hora”

O colectivo denuncia que os forenses do Imelga son os que menos cobran e os únicos do Estado que non teñen descanso entre gardas

Os forenses galegos veñen de lanzar un ultimato á Xunta: ou adaptan as súas condicións laborais ás do resto do Estado ou estudarán levar o asunto aos tribunais. “É incrible que fagamos gardas de 24 horas durante os sete días da semana por menos de 1,50 euros á hora”. Son palabras de Fernando Serrulla, presidente da Asociación Galega de Médicos Forenses, que relata as condicións dos forenses galegos que traballan nas sedes das sete cidades galegas do Instituto de Medicina Legal de Galicia asistindo a xuíces, maxistrados e fiscais.

“Os médicos forenses de Galicia somos os únicos do Estado que non temos recoñecido o dereito ás gardas de 24 horas, que implica unha organización do traballo moito máis racional, non ao besta como o de agora”, sinala o antropólogo que forma parte do equipo do Imelga en Ourense.

Publicidade

Os forenses galegos mantéñense nun sistema que implica estar de garda as 24 horas do día durante unha semana completa. Un modelo que foi declarado ilegal hai seis anos pola Unión Europea, que obriga a establecer xornadas de descanso para os profesionais públicos entre unha quenda de garda e a seguinte.

Por iso, reclaman que a Administración galega adopte o modelo que xa funciona no resto do Estado e que implica que cada traballador asuma unha xornada de garda durante 24 horas para ser relevado ao día seguinte por un compañeiro. A final de mes, manteríase o número de gardas por cada doutor pero con xornadas de descanso polo medio, o que facilita, como resalta Serrulla, a conciliación da vida persoal ca profesional.

Publicidade

“As semanas que estás de garda sabes que non podes facer outra cousa”, engade o doutor, que tamén recalca que o actual sistema prolongado durante toda a semana repercute no servizo que prestan polo cansazo que acumulan. Unha carga que tamén os pon en perigo polo tempo que pasan na estrada. É que un forense pode chegar a facer ata 1.800 quilómetros co seu coche á semana para asistir a levantamentos de corpos ou agresións sexuais.

“É unha situación insostible”

Para o doutor Serrulla, a situación chegou a un punto “totalmente insostible” que require da intervención directa da Xunta. “Somos profesionais altamente cualificados que facemos un traballo moi difícil e de moita responsabilidade. E, aínda así, págannos 1,40 a hora. Algo incrible, pero é así”.

O antropólogo asentado no concello ourensán de Verín sinala que o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeuse nos seus anos como número dous do Goberno autonómico a arranxar este problema nas condicións laborais dos forenses. Unha solución que aínda agardan e que fai que estuden mesmo recorrer aos tribunais.

Os cálculos da Asociación Galega de Médicos Forenses, que agrupa a uns 70 profesionais, cifran en 400.000 euros a partida orzamentaria que debería empregar a Xunta para equiparar as condicións económicas das gardas ás do resto do Estado. “Con ser importante, non é unha contía que vaia arruinar á Xunta”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla