Unha nova técnica permite detectar o alzhéimer cunha análise de sangue

Un equipo con participación española deseña unha proba capaz de diagnosticar precozmente a enfermidade a persoas con síntomas de deterioración cognitiva

Unha simple análise de sangue. Un equipo de investigadores internacionais liderados polo Barcelonaβeta Brain Research Center (BBRC) conseguiu, coa Universidade de Gotemburgo e a de Lund, en Suecia, validar a capacidade de detectar casos de alzhéimer en persoas con síntomas de deterioración cognitiva a través dun biomarcador en sangue.

A precisión da proba é moi elevada, con máis dun 90% de efectividade tras analizar a súa utilidade en 1.767 persoas. É dicir, unha eficacia similar á da punción lumbar. Certo tipo de pacientes poden obter datos moderadamente peores, como é o caso dos maiores de 80 anos.

Publicidade

O estudo logrou concluír que un biomarcador, o phospho-tau217, permite aos expertos diagnosticar estes casos. Non é a primeira vez que se estuda este indicador como unha posible forma de detectar o alzhéimer. A diferenza é que este informe, moi amplo e de alta calidade científica, permite dar un paso importante na aplicación deste biomarcador nas clínicas. Ademais, inclúe os resultados da súa aplicación en atención primaria.

Unha técnica máis sinxela e económica

“Pódenos permitir determinar que persoas se teñen que someter a outras probas coma no caso da punción lumbar ou dun PET (un tipo de tomografía) e a cales non”, destaca o doutor Marc Suárez-Calvet. A nova ferramenta pode aforrar aos pacientes entre un 60% e un 81% dos custos das probas diagnósticas. No caso da punción lumbar, é un método moito máis invasivo. Este impacto, sumado á facilidade para ser aplicado a grande escala, pode contribuír en boa medida á detección temperá.

Publicidade

O alzhéimer é unha das doenzas máis frecuentes en xente maior e a enfermidade neurodexenerativa máis importante de España, con 800.000 casos rexistrados na actualidade. O estudo é un gran paso adiante na detección, crucial para poder actuar con rapidez ante o avance desta patoloxía. Non obstante, é necesario realizar novos estudos antes de que se poida aplicar na práctica.

O tempo é crucial na loita contra o alzhéimer. Os métodos actuais son principalmente paliativos. As medicacións actuais están pensadas para afrontar os síntomas da enfermidade. Hai algunha excepción, como o caso do lecanemab, un composto capaz de reducir a deterioración cognitiva nun 27%. Este tratamento foi foco da polémica hai uns meses porque inicialmente a Axencia Europea de Medicamentos (EMA) non recomendara a súa autorización. Finalmente si se aprobou, pero tardará anos en chegar a España. As investigacións actuais apuntan a que poderían atoparse, nuns anos, fórmulas para atrasar máis o avance do alzhéimer. Con todo, dependerá da evolución dos actuais estudos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas