O grupo Histagra da USC fai un chamamento para investigar fosas de vítimas do franquismo

Os expertos Ángel Carracedo, Fernando Serrulla e José Carlos Sánchez colaborarán nas pesquisas previstas en Crecente, Vilagarcía e Aranga

O grupo de investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela lanza “un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas”, segundo expón o investigador principal do equipo, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto. Esta procura vai ser un dos obxectivos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia que baixo a coordinación do grupo Histagra, acometerá tamén, ata 2024, a  dignificación dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible”, sinalou Fernández Prieto, que apunta que as persoas interesadas poden contactar a través do email histagra@usc.es ou no teléfono 881 812 734.

Este Plan de Memoria xorde como froito do convenio de colaboración asinado pola institución compostelá, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo; e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. “Queremos levar a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista”, apuntan dende Histagra. Alén da coordinación de Fernández Prieto, integran o equipo o arqueólogo e profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo; o catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, quen se encargará da análise xenética; e o médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), Fernando Serrulla Rech, encargado da investigación forense dos restos humanos.

Publicidade

De xeito específico, neste 2021, está prevista a realización da exhumación e identificación da fosa no concello de Crecente, provincia de Pontevedra. No caso de que esta exhumación ofrecese problemas na súa realización, prevese intervir en Vilagarcía de Arousa. Asemade, levarase a cabo traballo de investigación e análise de restos no concello coruñés de Aranga.

‘Nomes e Voces’

O Grupo Histagra alberga unha fonda experiencia neste eido logo de levar a cabo o proxecto de investigación ‘Nomes e Voces’, ao abeiro dos traballos que se realizaron ao redor do Ano da Memoria en 2006 e que estivo en funcionamento ata 2012. Neste proxecto estudouse a violencia franquista durante a Guerra Civil e a ditadura, e ofrecéronse á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou da súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abordouse dende a perspectiva da investigación histórica, como parte do interese dos especialistas polo tema da Guerra Civil e da represión.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De catacumbas a foxas comúns: o forense que estudou dende Galicia máis de 300 cerebros saponificados

Fernando Serrulla é unha referencia no estudo de órganos conservados, sobre todo no contexto da Guerra Civil española

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

O proxecto Xenoma Galicia detecta 42 persoas con variantes xenéticas de risco

O programa pioneiro de cribado xenético analiza 2.504 mostras e acada unha taxa de positividade do 1,7% para enfermidades hereditarias graves