“Investigamos a mortalidade do tabaco porque buscamos endurecer a lei”

A investigadora da USC Julia Rey, premiada pola Sociedade Española de Epidemioloxía, constata que desde 2001 morren menos homes e máis mulleres a causa do tabaco

Julia Rey, no centro da imaxe, nunha imaxe reciente xunto a outras investigadoras da Área de Medicina Preventiva. Foto: USC.
Julia Rey, no centro da imaxe, nunha imaxe reciente xunto a outras investigadoras da Área de Medicina Preventiva. Foto: USC.

Julia Rey pasou case un ano recompilando todos os estudos publicados en España sobre o que sería o tema principal do seu traballo de fin de mestrado, agora recoñecido co premio á mellor tesina pola Sociedade Española de Epidemioloxía. Con toda esa información, a alumna do máster de Saúde Pública da Universidade de Santiago quería actualizar o retrato do impacto do tabaco na mortalidade da poboación, en España e nas comunidades autónomas, e a súa evolución ao longo do tempo. “É necesario lembrar que o consumo de tabaco segue causando, hoxe en día, moitas mortes. Pasan os anos e cada vez sabemos máis sobre o tabaco pero a xente parece non entender o enorme risco que supón”, asegura a investigadora.

A primeira análise de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco realizouse en España en 1978 e a última en 2017. Nese intervalo de tempo, Rey identificou 146 estudos publicados dos cales apenas dúas decenas foron finalmente seleccionados. Menos da metade incluían estimacións sobre a situación nas comunidades autónomas. “Hai moi pouca información publicada, as últimas estimacións son de hai moitos anos. Isto acontece a nivel nacional pero tamén das comunidades autónomas. Deberíamos actualizar os datos de maneira máis continuada, periódica”, afirma.

En 2017 faleceron en España 53.825 persoas maiores de 35 anos debido ao consumo de tabaco, o 13% do total

Segundo os datos achegados por Julia Rey, en 2017 morreron en España 53.825 persoas maiores de 35 anos, un 13% das mortes totais, debido ao consumo de tabaco. Preto dun 30% desas mortes, foron por cancro de pulmón, seguido de enfermidades cardiovasculares e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC). En Galicia rexistráronse 3.600 falecementos polo tabaco ese ano. “Somos a comunidade autónoma coa prevalencia máis baixa de consumo de tabaco. Os datos da mortalidade atribuída a este consumo tamén son baixos. Estamos en mellor situación en comparación con outras comunidades autónomas pero non hai que esquecer que o número de mortes é importante, iso é o principal”, explica a investigadora de Medicina Preventiva na USC, antes de engadir que se hoxe morren máis homes en Galicia polo consumo de tabaco é porque comezaron a fumar moito antes que as mulleres, pero tamén advirte de que “o tabaco non fai dano ao día seguinte, só despois de moito tempo”.

Julia Rey Brandariz
Julia Rey Brandariz recibe o premio ao mellor Traballo Fin de Máster en Epidemioloxía e Saúde Pública.

No seu traballo de fin de mestrado en Epidemioloxía e Saúde Pública, publicado na Revista Española de Cardiología, Julia Rey subliña as diferenzas entre os estudos realizados ata hoxe polo seu alcance xeográfico, os grupos de idade ou metodoloxía. Para a investigadora, a realización de estimacións periódicas nas que se inclúa información homoxénea doutras unidades territoriais como as comunidades autónomas, sería fundamental para valorar o impacto das medidas tanto clínicas como lexislativas vixentes para o control do tabaquismo.

Se é necesario endurecer as leis, pois hai que facelo. Agora, por exemplo, coa Covid-19, estableceuse a norma de non fumar nas terrazas e creo que foi positivo. Coa publicación de datos buscamos, dalgunha maneira, un endurecemento das leis. Debemos saber que o tabaco continua causando moitas mortes e que as leis deben mudar se é necesario”, afirma.

“Debemos saber que o tabaco segue causando moitas mortes e que as leis deben mudar se é necesario”

Unha das conclusións claras que presenta o traballo de Rey, considerado este ano o mellor de todos os realizados na súa área nos mestrados das universidades de España, é que a mortalidade atribuída ao consumo de tabaco aumentou nas mulleres españolas, desde as primeiras estimacións hasta as máis recentes, mentres que, nos homes, descendeu a partir de 2001.

Rey tamén expón que o cancro de pulmón é hoxe en España, a causa á que se asocia unha maior mortalidade polo tabaco en ambos os sexos. Pero os datos dispoñibles, insiste a xove investigadora, non son suficientes para coñecer correctamente a evolución da situación. “Os datos que temos son da Enquisa Nacional de Saúde e o problema é que, xustamente, o número de persoas ás que se enquisa é moi reducido como para facer divisións por sexo, idade ou comunidades autónomas. Isto fai que a obtención de datos sexa unha tarefa difícil”, explica. E remata asegurando que “para o traballo dos investigadores, no futuro, aínda que sexa algo moi difícil, o ideal sería poder incluír no certificado de morte se a persoa era fumadora ou non porque hoxe, isto, non se pregunta”.


Referencia: Mortalidad atribuida al consumo de tabaco en las comunidades autónomas de España, 2017 (Publicado na Revista Española de Cardiología).

1 comentario

  1. Cando un tema dá cartos non se investiga demasiado e ocúltase baixo a mesa. Os impostos especiais, tabaco e alcol, foron transferidos ás CC.AA. e no caso do tabaco recadamos arredor de 9.000 millóns cada ano (repartidos entre as autonomías é un bo pico).

    As terrazas existen grazas aos fumadores: non esquecer que a súa proliferación deuse logo da prohibición do tabaco no interior das cafeterias. O cinismo neste asunto é de tal categoría que ninguén quere entender que se o tabaco existe a día de hoxe é grazas ao precinto azul da Facenda de España que aparece pegado a cada paquete de labores do tabaco. Nada máis e nada menos que o 80% son impostos. Cada subida no prezo do tabaco supón unha enorme cantidade de cartos para as CC.AA. en definitiva para o Estado.

    Un paquete de tabaco ronda os 4,75 €, dos que o Estado recada 3.8 € do resto viven as multinacionais e comerciantes 0,95 € por paquete. Entendemos agora por que se combate o contrabando ilegal de tabaco ?

    Unha prohibición de vender tabaco sería moito máis eficaz a longo prazo pero moito menos rentable para o gran Estado “protector” (?) Acaso podo mercar Opio ou Heroína no estanco ou na farmacia?

    Con receta médica deberan despachar o tabaco… pero diso ninguén falará nunca. É moito máis sinxelo perseguir aos fumadores e consideralos os culpables de tódolos males dunha sociedade cada vez máis puritana e hipócrita.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.