Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

A cata arqueolóxica realizada en Serantes (Ferrol) baixo a coordinación do grupo Histagra (USC e CISPAC), co obxectivo de determinar a localización e o estado dunha das foxas da violencia derivada do golpe de Estado de 1936, xa deu os primeiros resultados. Os traballos, que comezaron o 31 de agosto, permiten confirmar a existencia dunha foxa no espazo intervido e os restos óseos de tres individuos en posición primaria a unha profundidade que supera os 1,50 metros. Polo momento, descoñécese a profundidade total da foxa, así como o número de persoas que puideron ser inhumadas neste espazo.

Esta información foi presentada nunha rolda de prensa na que a investigadora responsable do estudo histórico sobre a foxa de Serantes, Lucía Santiago Sanmiguel, afirmou que puideron confirmar que “apareceron na cota de profundidade de 1,50 metros; podemos observar as extremidades superiores e vemos que están superpostos“. Ademais, observaron que a foxa continúa máis aló de onde fixeron a cata, xa que “ten unha morfoloxía máis alongada e tamén máis profunda“. Mentres, ocoordinador da análise forense dos restos atopados, Edgard Camarós, que quixo destacar a importancia deste descubrimento “porque a partir de hoxe iniciamos este proceso de identificación, tanto antropolóxico como xenético, que vai permitir identificar as vítimas e dar resposta ás familias que están buscando os seus seres queridos”.

Publicidade

Un enterramento irregular cun elevado número de vítimas

O investigador de Histagra e decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Antonio Míguez Macho, explicou que inicialmente se calculaba que nesa zona “podía haber enterradas 170-175 vítimas, de asasinatos produto da violencia iniciada tras o golpe de 1936 e nos seguintes anos, polo menos até o ano 1942, xa na posguerra”. “Hoxe —proseguiu— estamos case seguros de que son arredor de 200 persoas, o que nos está dicindo que estamos nun lugar no que se produciu unha masacre, unha violencia extrema, e que as persoas que o fixeron procuraron non enterrar dunha maneira normal, senón algo moito máis parecido a ocultalas”.

Santiago explicou que, coa intervención arqueolóxica dirixida por Oria Ferreiro, se confirmaron algunhas das hipóteses iniciais. “É un espazo de enterramento irregular, cun elevado número de vítimas, probablemente sen alterar, e no que fixemos unha intervención de 2,50 metros de longo por 1,20 de ancho, e cunha profundidade de 1,50 metros, que é onde aparece a marca da foxa”, sinala.

Publicidade

A intervención, realizada no marco do convenio entre a Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña con financiamento procedente do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, rematará o venres 11 de setembro. Alén da realización da cata, a investigación histórica continúa a avanzar en boa medida grazas á colaboración das familias das vítimas, que manifestaron o seu interese na continuidade dos traballos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro