A USC busca vítimas do franquismo no cemiterio ferrolán de Serantes: “Cremos que hai 197 persoas”

Histagra inicia a cata arqueolóxica neste espazo que, segundo os datos historiográficos, podería ser un dos lugares de Galicia cun maior número de enterramentos

Entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro desenvólvese en Serantes (Ferrol) unha cata arqueolóxica coordinada polo grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao CISPAC, que ten como obxectivo determinar a localización e o estado dunha das fosas da violencia franquista rexistradas no cemiterio. De acordo co estudo histórico previo, realizado pola investigadora Lucía Santiago e que contou coa colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e de familiares das vítimas, entre os anos 1936 e 1942 foron enterradas en varias fosas do cemiterio de Serantes como mínimo 197 persoas, a maior parte durante os meses que seguiron o golpe de Estado.

“Por que tiveron que matalos?”

“Facemos isto porque nos seguimos facendo unha pregunta: hai 90 anos comezaron a matar xente, pero ‘por que tiveron que matalos?’ É unha pregunta histórica, democrática e de dereitos humanos”, salientou o catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto na rolda de prensa ofrecida este martes 1 na que se deu conta do inicio dos traballos. “Xa sabemos e sabedes vós tamén que isto ten que ver con honrar as persoas asasinadas, e ir máis alá do que aquí vedes”, engadiu.

Publicidade

Pola súa parte, a investigadora Lucía Santiago destacou que “nesta investigación histórica tentamos determinar cantas persoas foron inhumadas entre 1936 e 1942, que é a última data da que temos rexistro. A través da revisión bibliográfica críamos que a cifra oscilaba entre as 170 e 175 vítimas. A través do proxecto Nomes e Voces, 189, e despois deste traballo de investigación, cremos que 197 persoas”.

A investigadora relatou como se está a realizar “unha análise microespacial sobre a historia do cemiterio e as sucesivas transformacións”. A idea é, dixo, tentar determinar “cantos espazos de enterramento irregulares poden seguir hoxe íntegros, cales poden estar alterados. Con esta cata e estes traballos tentamos dar unha serie de respostas a estas hipóteses”. Asemade, destacou que “o chamamento ás familias tivo moi boa resposta”.

Publicidade

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, tamén participou na rolda de prensa acompañado de Soledad Agra Tuñas, deputada provincial de Dereitos Civís. Formoso puxo o foco en como “a memoria democrática necesita fortalecerse”. Esta é, dixo, “unha investigación moi ampla, rigorosa, histórica que busca delimitar as fosas, escavar e recuperar os restos das vítimas”. 

Marco do convenio e equipo de traballo

Os datos sitúan este espazo entre os lugares de Galicia que albergan un maior número de enterramentos de vítimas da violencia franquista. Os seus nomes poden ser consultados no apartado da fosa do cemiterio de Serantes da páxina web de Nomes e Voces . Os resultados do estudo arqueolóxico, coordinado por José Carlos Sánchez Pardo (grupo AEVUM da USC e CISPAC) e que desenvolve con Tempos Arqueólogos, determinarán as seguintes fases de traballo. No caso de seren localizados restos óseos terá lugar a análise forense, coordinada por Edgard Camarós (grupo GEPN-AAT da USC e CISPAC), que permitirá confirmar se se rexistran signos de violencia compatibles co obxecto da investigación.

A intervención enmárcase no convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, con financiamento procedente do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que prevé a investigación histórica, arqueolóxica e forense do cemiterio de Serantes (Ferrol), así como dos de Beira (Carral) e Boisaca (Santiago de Compostela).

Un equipo multidisciplinar da USC encárgase de desenvolver a investigación baixo a coordinación científica de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, membros do grupo de investigación Histagra (USC) e do CISPAC. Histagra ocúpase de desenvolver a análise histórica a través do traballo dos investigadores Xurxo Antelo e Lucía Santiago.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela como a Guerra Civil e o franquismo afectan 90 anos despois os familiares das vítimas

A investigación interdisciplinar identificou diferentes patróns psicolóxicos en función de se puideron recuperarse ou non os restos mortais da vítima

“Perdeu a vista nun ollo pola malleira”: a pegada da violencia machista no arquivo do psiquiátrico de Conxo

A investigadora da USC Noelia Valiño rescata 23 historias clínicas que recollen evidencias das agresións físicas, verbais e psicolóxicas sufridas por mulleres entre 1937 e 1973

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

Localizada a foxa do Val en Narón, unha das máis grandes de Galicia

A investigación apunta a inhumación dun mínimo de 51 persoas entre 1936 e 1938 no cemiterio, e a maioría eran mariños, oficiais e suboficiais da Armada