Localizada a foxa do Val en Narón, unha das máis grandes de Galicia

A investigación apunta a inhumación dun mínimo de 51 persoas entre 1936 e 1938 no cemiterio, e a maioría eran mariños, oficiais e suboficiais da Armada

A memoria oral conservou ao longo das décadas a localización aproximada dunha gran foxa común no cemiterio de Santa María A Maior do Val, en Narón. Agora, o grupo Histagra da Universidade de Santiago (USC) vén de confirmar o lugar onde estan enterradas un mínimo de 51 persoas que foron inhumadas entre 1936 e 1938 en relación ao golpe militar en Ferrol. A maior parte dos casos —documentados en rexistros civís e sumarios militares— correspóndense con mariños, oficiais e suboficiais da Armada que foron executados tras recibir a sentenza de pena de morte. Durante as intervencións arqueolóxicas e forenses no cemiterio, entre 2023 e 2024, non se puido exhumar ningún corpo, dado que a meirande parte da foxa —unha das máis grandes de Galicia— está situada debaixo duns nichos construídos nos anos sesenta.

“O noso principal obxectivo foi localizar a foxa, a onde xa apuntaba toda a veciñanza. En realidade non é unha só enterramento, senón que houbo entre sete e oito datas diferentes”, explica a historiadora Conchi López Sánchez, participante no proxecto. Nas catas realizadas atopáronse numerosos restos na parte dianteira dos nichos, mais non se exhumaron porque, tal e como sospeitan, a maior parte están debaixo da construción dos anos sesenta. O informe elaborado polo antropólogo forense Fernando Serrulla, participante na intervención, recomenda a retirada dos nichos para a exhumación completa das foxas.

Publicidade

Nas intervencións realizadas entre marzo e novembro de 2024, o equipo puido localizar un mínimo de 30 individuos e, nalgúns dos restos analizados por Serrulla, atopáronse signos de violencia. Así mesmo, nunha das catas atopouse unha vaíña disparada dun fusil Mauser que suxire “algún fusilamento no interior do cemiterio”. En canto aos pasos a seguir, López Sánchez recoñece que o obxectivo principal está cumprido e que para dar novos pasos sería preciso que o propio concello ou a veciñanza tomasen unha decisión ao respecto. Esta actuación enmárcase no Plan de Memoria Democrática de Galicia que apoian a Secretaría de Estado de Memoría Democrática e a Xunta.

O director do grupo Histagra, Lourenzo Fernández Prieto, sinala que as intervencións no Val permiten reconstruír a historia da foxa. “Achéganos información sobre como os executores xestionaron o lugar dos asasinatos e, tamén, como moitas persoas seguiron acudindo ao lugar para depositar flores”, sinala. Fernández Prieto tamén menciona a exhumación particular de cadáveres, nun intento dos familiares de recuperar os corpos, un comportamento común a outras foxas. Isto vai en consonancia con outros achados da intervención no Val, que apuntan a certo grao de alteración da foxa. “Tras falar cun antigo enterrador do cemiterio, descubrimos que se quitaron algúns restos cando se comezaron a construír os nichos nos sesenta”, engade López Sánchez.

Publicidade

O antropólogo forense Fernando Serrulla con algúns dos restos atopados durante as catas no Val. Foto: Histagra - USC- CISPAC
O antropólogo forense Fernando Serrulla con algúns dos restos atopados durante as catas no Val. Foto: Histagra – USC- CISPAC

Entre 18 e 43 anos

Segundo os datos históricos recabados polo equipo, as vítimas enterradas no Val tiñan entre 18 e 43 anos e arredor do 63% naceran en Galicia. A experta aclara que debido ás características da profesión militar, moitas delas eran de fóra. En realidade non se trata dunha gran foxa, senón de varias pequenas, malia que as datas que deixaron unha maior pegada foron os asasinatos perpetrados entre o 26 e o 27 de decembro de 1936. “Non podemos descartar a existencia doutras foxas noutros espazos do cemiterio, incluso algunha de carácter individual”, sinala un dos informes.

O traballo do grupo Histagra estivo acompañado pola veciñanza, por membros da Asociación Cultural de Memoria Histórica Democrática e por familiares das vítimas, así como por outros colectivos. As escavacións realizounas o equipo de Tempos Arqueólogos e o traballo conxunto entre a documentación histórica, as catas e a análise forense logrou poñer coordenadas ao que, ata o momento, estaba na oralidade. Os tres informes elaborados sobre a gran foxa do Val apuntan o mesmo: á retirada de nichos para a exhumación dos corpos e para restaurar a memoria das vítimas e dos familiares que, durante décadas, deixaron flores nunha tumba sen nomes.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Se conseguirmos restitución do carácter da pena por tribunais, hai apenas un mes por carecer de sentido a rebelión ditaminada por xuices golpistas contra os auténticos valedores da orde constitucional de entón, por que non poderiamos dar sepultura digna ós nosos devanceiros. Non é dende logo unha pregunta, senón a determinación de que todo isto sirva para emendar erros do pasado, polo que seguimos adiante en memoria do noso avó. E francamente impórtanos pouco en canto sentiranse agraviados outros. É de Xustiza, esta debe ser igual para todos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

A USC busca vítimas do franquismo no cemiterio ferrolán de Serantes: “Cremos que hai 197 persoas”

Histagra inicia a cata arqueolóxica neste espazo que, segundo os datos historiográficos, podería ser un dos lugares de Galicia cun maior número de enterramentos

Un estudo revela como a Guerra Civil e o franquismo afectan 90 anos despois os familiares das vítimas

A investigación interdisciplinar identificou diferentes patróns psicolóxicos en función de se puideron recuperarse ou non os restos mortais da vítima

“Perdeu a vista nun ollo pola malleira”: a pegada da violencia machista no arquivo do psiquiátrico de Conxo

A investigadora da USC Noelia Valiño rescata 23 historias clínicas que recollen evidencias das agresións físicas, verbais e psicolóxicas sufridas por mulleres entre 1937 e 1973