Así funciona a nova aplicación gratuíta para alertar dos lumes en Galicia

A Xunta presenta melloras tecnolóxicas como o lanzamento dun sistema de avisos cidadán e a incorporación de intelixencia artificial á rede de videovixilancia

O lume é un vello coñecido nos montes galegos. Ano tras ano, a súa presenza estival vólvese reincidente no campo de Galicia: o fume érguese sobre as terras e consome o seu verde sen miramentos. Os episodios ígneos de agosto de 2025 morderon a comunidade con especial forza e aínda permanecen na memoria —e, por suposto, no ecosistema—. A chegada da calor abre a tempada de maior risco de incendios e, con el, volven as olladas preocupadas cara ao horizonte para comprobar que non hai unha columna negra que indique un novo foco. Agora, coa fin de fomentar a detección temperá, a Xunta lanza ALume, unha aplicación móbil que permite implicar a cidadanía no proceso de alertar dun incendio.

ALume ten dúas formas de notificar a existencia dun lume forestal en Galicia: a través dun aviso emitido a través da aplicación ou chamando directamente ao 085, o teléfono gratuíto para comunicar a presenza de incendios forestais na comunidade. A aplicación está dispoñible tanto para Android como para Apple.

Publicidade

Como funciona ALume

A interface de ALume é sinxela e directa, ideada coa fin de facilitar a alerta rápida dun foco por parte da cidadanía. O menú inicial presenta dous botóns principais. O primeiro é de cor vermella e ten a opción de alertar dun incendio activo. Con esta función, o usuario pode xeolocalizar nun mapa o lume. Para facelo, é necesario que teña activa a localización no seu dispositivo. A continuación, poderá adxuntar imaxes, gravar un audio no que explique a situación do momento e mesmo engadir observacións escritas que considere relevantes (que arde, cales son as dimensións, cal é a dirección do vento, canta proximidade ten coas vivendas, etc.). Para presentar o aviso só terá que pulsar ‘Enviar alerta‘.

O segundo botón é de cor azul e serve para chamar ao 085. A maiores, conta cunha opción de ‘Axustes’ e de ‘Acerca de’, para personalizar e saber máis sobre a aplicación.

Publicidade

Pladiga 2026

ALume forma parte do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) de 2026. Outras actualizacións tecnolóxicas que inclúe este programa son: o uso de intelixencia artificial para detectar fume a través das cámaras da rede de videovixilancia, a ampliación de dita rede co uso de tres novos drons e o aumento dos recursos humanos e materiais coa incorporación de 42 novas brigadas na tempada de alto risco e de novos vehículos destinados ás tarefas de prevención e extinción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

O lume a vista de paxaro: descubre como se combate un incendio dende o helicóptero

A conta da rede social X da Xunta de Galicia dedicada á prevención fronte ao fogo publica un vídeo sobre como loitan os medios aéreos contra as lapas