As primeiras escorrentías tras os lumes de agosto: “Xa están chegando ao río Sil”

O "chapapote do monte" leva consigo cinzas, lodos e residuos tóxicos cara aos leitos fluviais, poñendo en risco a calidade da auga, que xa afecta á comarca de Valdeorras

Valdeorras comeza xa a padecer as primeiras consecuencias dos incendios do verán de 2025. As 170.000 hectáreas queimadas en Galicia, segundo o sistema europeo Copernicus, e as 120.000 hectáreas de monte espido da bacía do Miño-Sil están a provocar fortes escorrentías co inicio das chuvias de outono, a pesar de que as precipitacións aínda son leves.

Este fenómeno xa tivo un impacto directo na subministración de auga potable en varios concellos da comarca, como Vilamartín, O Barco, A Rúa ou Petín, onde o “chapapote do monte” arrastra cinzas e lodos monte abaixo, colapsando os sistemas de potabilización. A resposta tivo que ser rápida: os servizos municipais distribuíron garrafas de auga á veciñanza e instalaron fontes portátiles para garantir o abastecemento básico.

Publicidade

Xosé Santos Otero, traballador forestal e membro do colectivo Amigas das Árbores, advirte da gravidade da situación: “Despois de dous meses dende que se pediu unha xuntanza do Consello Forestal para avaliar a situación, a Administración non fixo nada”. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia confirmou que as competencias sobre o tratamento dos terreos queimados con risco de arrastres recaen nas confederacións hidrolóxicas do Miño-Sil e do Douro.

A Consellería tamén mobilizou arredor de 700 voluntarios, mais Santos considera que estes medios “non son nada comparados coa dimensión do desastre”. O traballador insiste en que é necesario activar actuacións de emerxencia e implicar todos os recursos dispoñibles para que os arrastres sigan afectando os mananciais de Valdeorras.

Publicidade

O estado actual das escorrentías

As montañas máis altas de Pena Trevinca ou da serra de Queixa presentan unha pendente pronunciada, característica que agrava os efectos das escorrentías tras os incendios do verán. As súas terras quedaron espidas logo da vaga de lumes, que arrasou diversos ecosistemas. A intensidade das lapas e as altas temperaturas xeraron unha seca extrema, sumadas á vaga de calor previa. Como explica Santos Otero: “Nos lumes de primavera e outono o fogo pasa moi rápido e queima vexetación aérea, pero non penetra tanto na terra”.

O resultado foi un mosaico de cinza nos montes galegos, especialmente en Ourense, con tons gris, xofre e amarelo que evidencian a profundidade e intensidade da combustión. Esta acumulación de cinza está a provocar as escorrentías actuais: “Xa están chegando ao río Sil”, confirma Santos.

Todos estes refugallos flúen río abaixo, xerando un efecto bioacumulativo que afectará, a medio prazo, á desembocadura do Miño. Entre os contaminantes máis preocupantes están os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs), así como metais pesados e outros elementos volátiles que non só se inhalan, senón que tamén chegan aos leitos fluviais.

Como explica Xosé Santos, a orixe destes problemas é clara: “Todas estas toneladas de terra, cinza e hidrocarburos aromáticos policíclicos proceden da mala combustión da madeira e da vexetación”. En definitiva, ao impacto visual nos montes súmase unha grave contaminación que percorre os ríos galegos e que chegará ao Atlántico.

“Ten que haber unha implicación moito máis alá”

Aínda que o traballo dos voluntarios é fundamental, Xosé Santos Otero lembra que, como indica a propia palabra, trátase do pouco tempo que unha persoa pode sacar do seu día ou fin de semana. “Ten que haber unha implicación moito máis alá”, sinala o traballador forestal.

Imaxe tomada o día 24 de outubro no monte da Costa (Maceda), na parte baixa da Serra de San Mamede, no Macizo Central Ourensán.
Imaxe tomada o día 24 de outubro no monte da Costa (Maceda), na parte baixa da Serra de San Mamede, no Macizo Central Ourensán. Foto: Xosé Santos

Santos subliña a necesidade de medios materiais, técnicos e humanos da Administración para levar a cabo traballos estratéxicos de emerxencia. “Non se fixo, e iso é grave”, engade.

Tamén denuncia que, en zonas como Larouco, Valdeorras ou Pena Trevinca, a Xunta de Galicia non realizou ningún traballo de restauración, recuperación ou rexeneración para previr os arrastres de cinzas. “Nos cursos fluviais non houbo ningunha instrución, nin para os servizos forestais nin para os de conservación da natureza”, explica.

Que habería que ter feito?

Segundo Xosé Santos, o principal foco da Administración nas semanas posteriores á vaga de incendios debería ter sido minimizar os arrastres da cinza cara aos ríos. Nas 170.000 hectáreas afectadas hai numerosos regatos e cursos fluviais que agora sofren as consecuencias destes arrastres dende as montañas.

Outra medida imprescindible para Santos Otero sería convocar o Consello Galego de Medio Ambiente, órgano público e colexiado, considerado o “máximo órgano de representación en temas medioambientais da Xunta de Galicia”, xunto co Consello Forestal. Nestes consellos reúnense os principais actores do sector: empresas de servizos forestais, propietarios de montes, colexios oficiais de biólogos e técnicos forestais, permitindo unha representación “interdisciplinar e multidisciplinar” para planificar actuacións de urxencia.

“Tíñase que botar paia estratexicamente; tíñanse que colocar filtros vexetais en pequenos regueiros”, explica Santos. Nos ríos, tamén sería necesario instalar barreiras nas cabeceiras, nos mananciais máis altos con forte pendente. Con todo, isto sería só o primeiro paso. Queda por ver que pasará cando cheguen as chuvias fortes.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

2 COMENTÁRIOS

  1. Rueda de Vil, inePPto: reclamaba máis medios ao Estado mentres as motobombas da Xunta durmían en naves. Remite, burro!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual