Do lume ao risco de erosión: as chuvias que apagarán os incendios tamén ameazan o solo queimado

As precipitacións anunciadas para esta semana poden arrastrar as cinzas das zonas afectadas, coa conseguinte perda de nutrientes e contaminación das augas

Tras dúas semanas marcadas polo lume, Galicia amence asolada. O satélite europeo Copernicus cifra en máis de 156.000 hectáreas a superficie arrasada, unha mancha negra que tingue boa parte das terras ourensás. Aínda que a situación se foi estabilizando, segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural seguen activos tres incendios. Coas chuvias á volta da esquina, a atención vira agora cara ás consecuencias que pode traer a chegada das primeiras gotas.

En Ourense, os lumes manteñen aínda a súa pegada. Seguen con evolución favorable os de Chandrexa de Queixa e Vilariño, Carballeda de Valdeorras-Casaio, e nas últimas horas rexistrouse un novo foco en Avión, con arredor de 60 hectáreas afectadas. O grande incendio de Larouco con 30.000 hectáreas queimadas, figura como estabilizado, do mesmo xeito que os de Oímbra e A Mezquita, tres dos grandes episodios que devastaron a provincia dende o pasado 12 de agosto.

Publicidade

Segundo a previsión de MeteoGalicia, as precipitacións comezarán a chegar o mércores pola tarde e prolongaranse o xoves. “Non terán moita intensidade, serán choivas de orixe atlántica“, informan. Mentres, o vento sopra do suroeste, sen entrada de aire frío en altura, aínda que a atmosfera comezará a refrescar a mediados de semana. Como é habitual, a posición do anticiclón das Azores marcará a entrada ou bloqueo das borrascas.

Estas previsións tradúcense en boas novas. Así o subliña o edafólogo do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, quen advirte que a chuvia “polo miudiño” será positiva: permitirá humedecer os solos queimados sen provocar grandes arrastres de cinza nin erosión, o que suporá menos riscos.

Publicidade

As chuvias despois do lume

Coa extinción dos incendios, o gran desafío é preservar as zonas queimadas. Estes terreos atópanse agora desprotexidos, xa que, como explica o investigador do CSIC, antes estaban cubertos de vexetación e hoxe “xa non teñen paraugas”. A partir desta situación, coa chegada das chuvias a áreas como Ourense poden darse dous escenarios, un positivo e outro negativo.

Como adianta Serafín González, o máis favorable sería que comezase a chover de forma suave. Deste xeito, os solos poderían xermolar as sementes que sobreviviron ao lume e permitir o rebrote de especies que rexorden de cepo ou de tronco. Así, aparecerían os primeiros brotes verdes.

Pero pode darse o caso contrario: “Se empeza a chover con forza, non hai coberta vexetal que poida protexer ao solo do impacto da chuvia”, explica González. A isto súmase un dos efectos máis dañinos dos incendios: o aumento da repelencia á auga. Nos solos queimados, a choiva non se infiltra con facilidade, senón que tende a escorrer pola superficie.

Neste escenario, a auga percorre lentamente o solo e despois descende pola ladeira. “Canto máis longa sexa e máis pendente teña a ladeira queimada, máis velocidade vai coller a auga”, sinala o investigador. Ese movemento incrementa a capacidade erosiva e provoca maiores danos. Só a caída de follas queimadas das árbores podería crear unha capa protectora sobre o chan, imitando a función dunha cobertura vexetal. O risco é especialmente grave en zonas montañosas e con forte pendente, como o Macizo Central, Larouco ou parte do Courel. Porén, coa devastación actual en Galicia, a realidade é que apenas queda vexetación en pé nas áreas queimadas.

O arrastre das cinzas

O arrastre das cinzas e do solo queimado provocado por chuvias abundantes pode xerar un problema importante de erosión e empobrecemento do terreo. Para comprender a súa importancia en cómpre ter en conta a composición destas cinzas: conteñen parte dos nutrientes da vexetación queimada e procedentes do propio solo.

O risco principal é que, coa escorrentía, se perdan estas propiedades. O solo queimado pode ver reducida aínda máis a súa fertilidade, sumando esta perda á xa ocasionada polo lume.

Outro aspecto que preocupa é a erosión da capa superficial do solo e, con ela, a desaparición da materia orgánica. Esta é fundamental porque funciona como reserva de nutrientes e tamén como banco de auga. “Canta máis materia orgánica se perda, máis capacidade se perde para almacenar nutrientes”, explica Serafín González. Isto tradúcese nunha menor dispoñibilidade de auga para a vexetación nos vindeiros anos e nunha redución da capacidade de alimentar os mananciais que abastecen á poboación.

Impacto na calidade da auga

As cinzas arrastradas polas chuvias sempre acaban chegando a algún lugar, e en moitas ocasións o seu destino son os ríos e encoros. Estes restos, ademais de nutrientes, conteñen tamén partículas branquecinas e carbóns. Cando a combustión da materia orgánica é incompleta, na maioría de casos formánse produtos coñecidos como hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP).

O problema é que moitos destes compostos son tóxicos, con efectos potencialmente canceríxenos e mutaxénicos. “Se eses compostos se arrastran e se acumulan en encoros e chegan a ríos, poden xerar problemas”, advirte o investigador Serafín González.

Ademais, as cinzas actúan como fonte de nutrientes, pero poden liberar cantidades superiores ao recomendable dalgúns elementos. Igual que sucede coas vitaminas, que en exceso deixan de ser beneficiosas, nutrientes como o zinc ou o manganeso poden resultar prexudiciais en altas doses. De feito, o investigador do CSIC detectou excesos destes metais en varias zonas queimadas, o que pode provocar episodios de toxicidade puntual.

“Sabemos que os hidrocarburos aromáticos policíclicos se teñen detectado no fondo dalgúns encoros, tanto en Galicia como noutras partes do mundo”, lembra González, chamando a atención sobre os posibles efectos negativos para as augas fluviais.

Unha situación que se repite

Se botamos a vista atrás, a vaga de incendios do 2006 foi a máis devastadora da historia de Galicia. Ao rematar os lumes, unha sucesión de borrascas provocou graves inundacións, xa que apenas houbo tempo para planificar medidas e actuar. Pero, que aconteceu daquela?

“Os solos estaban moi queimados, moi recentes”, lembra o investigador do CSIC. Contra a liña costeira, as primeiras treboadas bateron con forza na Costa da Morte, en zonas de forte pendente como o monte Pindo. A maior preocupación pola erosión estaba precisamente neses espazos onde a vexetación quedara totalmente calcinada e a choiva caeu con intensidade. Pola contra, as condicións foron máis favorables en áreas con menos pendente e cunha maior cobertura vexetal sobrevivente.

Posteriormente, chegou a vaga de lumes de outubro de 2017. As intensas chuvias caídas poucos días despois deron lugar ao que moitos medios bautizaron como “chapapote de monte”, un episodio de contaminación severa das augas. Con todo, daquela experiencia os profesionais extraeron aprendizaxes valiosas e hoxe dispoñen de novas ferramentas para detectar os contaminantes.

Por unha banda, cómpre avaliar o nivel de severidade dos lumes: se o impacto sobre a vexetación e o solo é baixo, a recuperación pode producirse de forma natural; se, pola contra, o dano é grave, existe un risco real para o abastecemento de auga. Neses casos, o recomendable é aplicar alfombrados de palla ou restos vexetais que freen a erosión e eviten o arrastre do solo. Por outra banda, a análise da calidade da auga é clave, incorporando novos indicadores como a presenza excesiva de HAP arrastrados pola escorrentía para garantir a súa potabilidade.

Un outono de riscos

Tras o cese dalgúns dos focos máis importantes, cabe preguntarse que será das terras queimadas durante o outono, unha época marcada polas treboadas. A situación preocupa, como asegura Serafín González, “sobre todo cunhas superficies afectadas tan enormes e uns incendios tan continuos”.

As áreas queimadas, moitas situadas en zonas de montaña, caracterízanse agora por ladeiras espidas e vulnerables. Nestes terreos, a chegada das chuvias outonais pode facer que a auga escorra con maior velocidade, gañando poder erosivo. “Se as chuvias veñen fortes, o escenario será moi malo”, advirte o investigador do CSIC.

Con todo, xa se están a tomar medidas para avaliar as zonas de maior risco de erosión. “Hai que comezar a adoptar medidas inmediatas para a proteción do solo”, insiste González, explicando que o método máis eficaz segue a ser o alfombrado de palla ou doutros materiais vexetais secos ou triturados.

Así, o futuro inmediato das terras queimadas dependerá en boa medida do tipo de chuvias que cheguen a Galicia. Entre a esperanza e a ameaza, o outono preséntase como a proba definitiva para comprobar a resistencia da natureza galega.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é o risco de incendio no teu concello? Descúbreo no novo mapa interactivo da AEMET

A ferramenta en liña combina variables meteorolóxicas con parámetros sobre o estado real do territorio para anticipar o perigo de incendios

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

Unha borrasca derruba as temperaturas en Galicia: ata 10 graos menos en só 24 horas

Unha borrasca fría procedente do suroeste peninsular traerá chuvias, vento e forte inestabilidade no mar durante martes e mércores

Unha nova app de ciencia cidadá facilitará a detección temperá de incendios en Galicia

A Xunta ten previsto o seu lanzamento en xullo e estará integrada cos sistemas de alerta existentes e coa rede de vixilancia con intelixencia artificial