En palabras de Juan Picos, profesor de Enxeñaría Forestal na Universidade de Vigo (UVigo), “estamos diante dos incendios máis grandes dos que imos ter rexistros”. Unha afirmación que gaña forza a medida que pasan os días e medra a superficie queimada. As cifras confirman a gravidade da situación, ata o punto de que o Goberno declarará como zona catastrófica as rexións afectadas pola vaga de lumes, con especial incidencia en provincias como Ourense. Galicia, terra marcada polo lume, alterna historicamente períodos de forte actividade incendiaria con outros de relativa calma, mais sempre con este fenómeno presente como unha ameaza.
Como adoita dicirse, quen non coñece a historia está condenado a repetila. Por iso, botamos man dos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), elaborados a partir da información da Consellería do Medio Rural, para analizar a evolución do número de incendios forestais e da superficie afectada dende o ano 2007.
Cómpre salientar, con todo, que estas cifras históricas quedan xa eclipsadas pola vaga de incendios actuais. O lume de Larouco, cunha superficie queimada estimada de 20.000 hectáreas, convértese no maior da historia de Galicia, superando o rexistro de Chandrexa de Queixa, que xa acabou con 17.500 hectáreas. Estes incendios, pola súa dimensión e capacidade, marcan un punto de inflexión no xeito de afrontar a loita contra o lume.
A catástrofe do 2006
Botando man da hemeroteca, comprobamos que o ano 2006 pasou á historia como un dos máis devastadores en canto a incendios forestais en Galicia. Segundo recollía La Voz de Galicia, o 16 de agosto a Consellería do Medio Rural informaba da perda de 77.000 hectáreas en apenas doce días, o que representaba arredor do 2,6% da superficie total do territorio galego.
Entre os episodios máis graves destacou o incendio de Cerdedo, que se estendeu por cinco concellos (Cerdedo, Cotobade, Forcarei, Ponte Caldelas e Campo Lameiro) e acabou arrasando unhas 8.000 hectáreas. Naquel verán, ata corenta lumes superaron as 500 hectáreas queimadas. Curiosamente, a provincia máis afectada non foi Ourense, senón Pontevedra, onde arderon unhas 38.500 hectáreas dentro das súas fronteiras.
No balance final, o 2006 pechou con máis de 95.000 hectáreas queimadas, unha das marcas máis elevadas das que se teñen rexistros. A vaga de lumes só rematou coa chegada das chuvias: doce horas de precipitacións intensas na provincia de Pontevedra, con ata 35 litros por metro cadrado.
Unha análise posterior, elaborada polas investigadoras María L. Loureiro e Melina Barrio, elevaba aínda máis a magnitude da traxedia. Estimaban que o desastre afectara o 4,6% da superficie forestal galega. Ademais, calculaban que o impacto económico da vaga de lumes ascendía, polo menos, a 248 millóns de euros, unha cifra que ilustra o alcance da catástrofe. Con estes números sobre a mesa, comeza a escribirse un dos capítulos máis dramáticos da historia dos incendios de Galicia.
Vagas de incendios en 2017 e 2022
Despois da vaga de lumes de 2006, tiveron que pasar once anos para rexistrar outro desastre de dimensións semellantes, aínda que non comparables. En 2017, o lume arrasou 62.096,26 hectáreas en Galicia. Ourense, que dende 2007 vén acumulando ano tras ano a maior superficie queimada, volveu ser a provincia máis castigada: arderon 30.448,32 hectáreas. Moi preto situouse Pontevedra, con máis de 21.100 hectáreas calcinadas.
Segundo recollía o diario treintayseis, o episodio máis dramático chegou na primeira quincena do mes de outubro, cando o furacán Ophelia, ao pasar preto da península, espallou as lapas procedentes de Portugal cara a Galicia. O domingo 15 de outubro as chamas cruzaron o río Miño e prenderon no concello das Neves, que ardeu case por completo en apenas unha hora. O lume estendeuse tamén a Vigo, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño e Ponteareas. No sur da provincia de Pontevedra, os incendios queimaron preto de 1.600 hectáreas e deixaron un balance tráxico de tres persoas falecidas.
O seguinte ano crítico foi 2022, cando arderon máis de 51.000 hectáreas —16.766 de superficie arborada e 36.876 de superficie rasa—. Unha vez máis, Ourense resultou ser a provincia máis afectada, con 32.079,52 hectáreas calcinadas. Séguena Lugo, con 14.501,32 hectáreas queimadas, unha cifra que se insire nun período no que a provincia superou as 1.000 hectáreas arrasadas en cada exercicio entre 2021 e 2023.
A historia repítese na actualidade. Os dous grandes lumes foron os do Courel, con 11.800 hectáreas queimadas, e Valdeorras, con 10.500. Máis de medio cento de incendios tiveron a súa orixe nos máis de 6.000 raios caídos durante a tarde-noite do 14 de xullo, consecuencia dun fenómeno meteorolóxico coñecido como sistema convectivo de mesoscala.
Descanso en 2018 e 2024
Con todo, as vagas de incendios amosan un certo carácter cíclico. Proba diso é o ano 2014, o exercicio con menos superficie queimada dende que existen rexistros da Consellería do Medio Rural: apenas 1.991,14 hectáreas en toda a comunidade, repartidas en 1.227 lumes.
Resulta significativo o que acontece nos anos posteriores ás grandes catástrofes. Así, 2018 e 2024 sitúanse como o segundo e o terceiro ano con menos hectáreas calcinadas en Galicia. A explicación pode atoparse na acción devastadora dos incendios previos, que deixaron os montes sen combustible vexetal ao arrasar amplas extensións de terreo.
En 2018 arderon 2.599,66 hectáreas en 1.338 incendios, o que supón unha diferenza de máis de 59.400 hectáreas respecto ao ano anterior. Pola súa banda, en 2023 e 2024 a superficie queimada reduciuse tamén de maneira significativa, quedando por baixo das 10.000 hectáreas: 6.748,92 e 2.644,60, respectivamente.
Porén, a tendencia á baixa durou pouco. Coas cifras deste verán, as chamas xa superaron o limiar marcado polo bienio 2023-2024, cando se rexistraran algo máis de 9.300 hectáreas en total.
Que teñen en común coa vaga de incendios actual?
Como explica Juan Picos, estes grandes lumes son consecuencia da coincidencia de múltiples factores nun mesmo momento e lugar: condicións meteorolóxicas, ecolóxicas e mesmo humanas.
En 2017, o paso do furacán Ophelia foi decisivo. Os cambios de vento repetinos asociados a este fenómeno arrastraron as lapas dos incendios ata Galicia. En 2022, tras unha semana de alerta vermella por calor e risco extremo de incendio, Ourense rexistrou o récord histórico de temperatura; poucas horas despois, unha tormenta eléctrica desencadeou máis de medio cento de focos.
Segundo advirte Picos, a vaga actual responde a combinacións semellantes: acumulación de combustible nos montes, varias semanas de condicións climáticas extremas e fontes de ignición alimentadas polo vento do nordés. A incidencia varía segundo o territorio, marcada polo crecemento da masa vexetal e polo abandono rural que deixa vastas áreas convertidas nunha trampa.
Deste xeito, o que distingue un lume devastador dun incendio menor non é un único factor, senón a suma de todos eles. E cando se xuntan ao mesmo tempo, o resultado é unha vaga de incendios que marca a memoria colectiva.














