Juan Picos: “Estamos diante dos incendios máis grandes dos que imos ter rexistros”

A provincia de Ourense enfróntase a unha vaga de lumes sen precedentes recentes, con focos en Chandrexa de Queixa e Maceda, impulsados pola seca extrema, o vento do nordés e a acumulación de combustible

Galicia está a vivir este verán unha grave vaga de incendios. A provincia de Ourense é a máis afectada, con lumes que xa arrasaron unhas 4.600 hectáreas. Onte, a Xunta de Galicia decretou o nivel de alerta 2 para axilizar a mobilización e xestión dos recursos destinados a combater o lume.

A situación máis complicada dáse en Maceda e na veciña Chandrexa de Queixa. En Maceda, o fogo avanza preto de núcleos de poboación, mentres que en Chandrexa se atopa o incendio máis grande do verán en Galicia: próximo a Requeixo, Vilar e Zamorela, calcinou 3.500 hectáreas nunha zona de difícil acceso.

Publicidade

Segundo datos do EFIS (European Forest Fire Information System) da Comisión Europea, publicados polo profesor en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo Juan Picos no seu perfil de X, obsérvase unha tendencia á alza nos incendios estivais en toda España, cun pico claro dende xuño.

Pero, cales son as causas? Cal é a situación real de Galicia? E que se pode facer para frear esta vaga de incendios? O experto explica a GCiencia todas as claves desta emerxencia.

Publicidade

—Como describirías a situación actual neste verán en termos de superficie afectada e número de focos?

—O realmente importante é o cambio da tendencia: aínda que a cifra total require confirmación, os cambios na detección dos puntos quentes indican a intensidade desta vaga de incendios en toda España, sobre todo no noroeste. 

En canto a Galicia, os datos dispoñibles son os da Consellería do Medio Rural. Estamos diante dos incendios máis grandes dos que imos ter rexistros. Por exemplo, o de Chandrexa de Queixa xa se conta por milleiros de hectáreas, situándose entre os eventos máis extensos documentados. 

Tradicionalmente, considerábase que existía un “límite mental” de 10.000 hectáreas, xa que antes de 2022 Galicia nunca rexistrara lumes de tal magnitude. Aínda que en 2017 houbo un incendio de 9.000 hectáreas e algúns grandes que afectaron as zonas de Portugal, se sumásemos a cifra conxunta, foi no ano 2022 cando se rexistraron os primeiros incendios galegos superiores a 10.000 hectáreas: o do Courel e o de Valdeorras, ambos no mesmo día.

Neste evento actual, é probable que algúns incendios tamén alcancen esas cifras. Aínda que é moi pronto para falar de datos finais, a magnitude e duración indican que o resultado final será extremadamente grande.

—A escaseza de precipitacións que estamos a vivir e a recente vaga de calor contribúe á seca dos bosques. Que consecuencias ten isto para a vexetación e os sistemas forestais?

—Practicamente levamos tres ou catro semanas cun compoñente de vento marcadísimo do nordés, con ventos desecantes nun momento en que as temperaturas se manteñen anormalmente altas. Isto implica que as noites apenas permiten recuperar humidade, mantendo o aire e a vexetación en condicións extremas para arder.

Gráfico das humidades relativas no ano 2024 (arriba) fronte ás humidades relativas do 2025 (abaixo) en Cabeza de Manzaneda (Ourense), que evolucionan dun xeito totalmente distinto.
Gráfico das humidades relativas no ano 2024 (arriba) fronte ás humidades relativas do 2025 (abaixo) en Cabeza de Manzaneda (Ourense), que evolucionan dun xeito totalmente distinto. Foto: Juan Picos

En moitas partes de Galicia rexístranse humidades relativas extremadamente baixas. Nalgunhas montañas ourensás, a humidade pode caer ata o 20% e case non recuperarse pola noite. Isto afecta directamente á vexetación, sonbre todo aos combustibles finos como a herba seca, que poden alcanzar humidades inferiores ao 4%, comparables ao papel de periódico. Entón, chega un momento no que o lume é capaz de espallarse.

—Como inflúen estas condicións meteorolóxicas extremas na capacidade de controlar os incendios en Galicia?

—A combinación destes factores cos efectos locais, como a diferenza de altitudes, fai que o control dos incendios sexa extremadamente difícil. Estamos fóra da capacidade de extinción, non só pola intensidade do lume, senón tamén pola velocidade do frente. 

Se engadimos a simultaneidade de múltiples incendios como os de Chandrexa ou Maceda, os equipos de extinción ven a súa capacidade repartida entre varios focos durante días. É como correr unha maratón onde cada quilómetro novo resulta máis esixente que o anterior.

 Aínda que se esperan pequenas melloras entre hoxe e mañá, as condicións de risco continuarán durante algún tempo. O desafío non é só controlar a superficie afectada, senón tamén o perímetro dos incendios, que pode alcanzar centos de quilómetros e require asegurar e impedir que volva a activarse. Cada día, a tarefa complícase, e o traballo cos medios dispoñibles resulta esixente.

O mesmo está pasando en Castela e León, o norte de Portugal e Extremadura. O aumento exponencial da superficie queimada e a rapidez da propagación do lume dificultan enormemente o control, mentres se manteñen estas condicións extremas.

—Obsérvase un aumento na intensidade e frecuencia dos incendios de Galicia?

—Non é tanto a frecuencia dos incendios, nin a superficie media afectada. O ano 2024 foi un ano con pouca superficie ardida, e en xeral, observamos unha tendencia á baixa nas superficies. Isto indica que ao arder menos en moitos lugares, os combustibles acumúlanse e é moi difícil de ser controlado, porque se consolida rápido e con moita intensidade. 

En Galicia, somos efectivos mantendo moitos incendios en tamaños pequenos, pero cando un foco se escapa, é ese incendio excepcional o que realmente contribúe á maior superficie queimada da serie histórica. 

É o mesmo patrón. Estes grandes incendios son os que aportan a maior parte da superficie queimada nos últimos dous ou tres anos. O problema actual é que o noso dispositivo de extinción foi deseñado para actuar moi rápido sobre moitísimos focos pequenos, pero agora necesitamos adaptalo para enfrontar menos incendios, pero de maior tamaño. 

Isto supón cambios que a Consellería está tentando implementar: especialización de equipos, análise estratéxica dos incendios e maior capacidade loxística. Por exemplo, cando se despraza moito persoal a un incendio grande, é necesario garantir aloxamento, alimentación e substitución nos turnos, o que complica a operación.

—Que factores contribúen á espansión dos lumes?

—O incremento da superficie, ou máis precisamente da cantidade de combustible dispoñible, combínase coa situación climática para xerar condicións moi desfavorables sostidas no tempo. Esta combinación é a que está a provocar un cambio no resumo do incendio: pasamos de ter miles de incendios de superficies pequenas a menos incendios, pero algúns con superficies moi grandes.

Pero teñen que coincidir as circunstancias. O combustible acumulado durante décadas, debido á inercia do control dos incendios e ao crecemento da vexetación, non desaparece de repente. Ademais, a tendencia climática cara a períodos de seca moi prolongados e vagas de calor aumenta o risco. 

Mesmo os orixes dos incendios forestais tampouco son novos: sempre houbo neglixencias, accidentes e mesmo causas dolosas. Con todo, o problema xorde cando estes tres factores se combinan: combustible acumulado, condicións climáticas extremas e presenza de fontes de ignición. Aí xorde o problema.

—Hai rexións concretas máis vulnerables?

—Estes días atrás, onde tiñamos os problemas ao principio? Era na costa, porque as circunstancias estaban a darse fundamentalmente nesa área. Pero é unha problemática practicamente global, aínda que hai unha serie de cousas que son distintas, mesmo os incendios son diferentes. 

En todos os sitios estase a producir un proceso de acumulación de moito combustible no territorio e de crecemento desa masa vexetal. Nalgúns lugares maniféstase antes, naqueles lugares máis secos e maior abandono rural. Pero noutros puntos tamén está latente, e algún día pode darnos un disgusto. Por tanto, non todo é igual, pero a música de fondo si é a mesma.

—A falta de prevención é un tema recorrente na análise dos incendios. Que medidas preventivas considera máis urxentes para reducir o risco de incendios en Galicia?

—En Galicia non temos moita capacidade de actuación, aínda que si temos moita responsabilidade. Non podemos cambiar completamente a situación, pero o territorio é noso, e si podemos intervir nel para reducir riscos. 

A clave está en actuar sobre a acumulación, o que nós chamamos puntos estratéxicos: aqueles sitios onde a eficiencia dos tratamentos é maior. Non podemos tratar todo o territorio, non vamos ter orzamento, nin poboación no medio rural para facelo, pero si podemos determinar cales son as áreas máis vulnerables e onde a intervención preventiva resulta máis eficiente para evitar grandes incendios.

O traballo, dende o punto de vista científico, é entender ben o proceso, comprender como se comportan os incendios e localizar as áreas que hai que tratar si ou si. O orzamento destinado á prevención debe empregarse nesas zonas prioritarias, porque son as que poden cambiar de forma significatuva o risco. Agora mesmo, estase facendo prevención onde se pode, non sempre onde se debe. 

Outras medidas céntranse máis en localizar ao propietario e cumprir a norma que en obter a máxima eficiencia. É fundamental determinar cales son as áreas estratéxicas de xestión e dotarnos de instrumentos xurídicos que permitan intervir nelas, mesmo sendo de propiedade privada. 

A maior parte da terra en Galicia é privada, pero os efectos dun incendio non o son: se non se fai prevención e arde o seu monte, o lume pode extenderse a outras zonas, afectando a bens e persoas alleas. Por iso, deberíamos ter ferramentas legais para garantir a intervención preventiva nas áreas de maior eficiencia, co obxectivo de manter un territorio menos proclive a grandes incendios forestais incontrolables. Os incendios sempre van existir, pero temos que telos baixo un umbral mínimo que permita o seu control.

—O comportamento humano tamén xoga un papel importante. Pensa que se precisa cambiar a mentalidade social sobre os incendios?

—Si, no fondo, unha parte do problema está na tendencia a abandonar o medio rural, a vida do campo pola vida de cidade. Mesmo o noso patrón de consumo adoita favorecer o prezo máis barato do mercado, sen reparar en que iso tamén inflúe na nosa capacidade de protexernos dos incendios.

Se o resto da sociedade non asumimos esa parte de corresponsabilidade, estaremos abocados a esquecer o que pasou ata o seguinte incendio, repetindo mesmo ciclo. Hai unha parte moi importante de liderado que corresponde á administración, pero tamén penso que a cidadanía ten unha gran capacidade de mobilización para buscar alternativas, e mesmo investir en proxectos que permitan dinamizar o medio e mantelo dun xeito máis saudable. 

—A súa experiencia en Galicia e noutros contextos europeos permite establecer comparacións. Que leccións podemos aprender doutros territorios que sufren de forma recorrente incendios forestais?

—Este ano vimos en Francia incendios moi grandes. En realidade,  Europa está empezando a sufrir incendios de gran magnitude, pero nós levamos moito tempo padecéndoos. Temos moita xente traballando contra os incendios forestais, e sabemos que é moi difícil que chegue unha solución máxica doutros lugares, porque o contexto condiciona todo.

O que si podemos facer é advertir a aqueles lugares que, a día de hoxe, aínda non sufriron os incendios que nós temos sufrido, de que o risco de entrar na mesma dinámica é alto. Case nos toca, dende un punto de vista europeo, ser o laboratorio: quizais non para aprender o que hai que facer, pero si para aprender o que non hai que facer. Ás veces, esa poder ser unha lección máis dura para quen a sofre, pero máis eficiente para quen a aprende. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe