Despois de nove días de calor abafante en Galicia, as temperaturas comezan a dar unha tregua. Este luns, segundo o Ministerio de Sanidad, toda a comunidade queda fóra do nivel alto de risco por calor, situándose entre o risco medio e a ausencia de risco.
MeteoGalicia informou a través do seu perfil na rede social X que, ao longo desta semana, os termómetros descenderán en boa parte do noroeste, mentres que no interior a calor persistirá, aínda que de forma máis moderada. Os próximos días estarán marcados por posibles brétemas, nubes e claros, e non se descartan treboadas nas zonas de montaña. Esta mañá, a previsión incluía inestabilidade atmosférica con néboas e brétemas costeiras, que se irán disipando cara ao mediodía.
A xornada máis cálida desta vaga de calor coincidiu coa fin de semana. O domingo, os termómetros superaron os 40 graos no interior de Lugo e Ourense. Así, a máxima rexistrada foi na estación de San Clodio en Ribas de Sil (Lugo), onde ás 17:20 horas MeteoGalicia marcou a temperatura máis alta do día e tamén do ano: 43 graos.
Fóra da zona vermella
Despois dunha semana de temperaturas extremas, Galicia afástase do alto risco para a saúde. O mapa de Meteosalud amosa que a maior parte do territorio pasa agora a niveis de risco medio ou baixo, con cores laranxa e amarelo no mapa, e mesmo zonas que ata hai pouco figuraban en vermello atópanse xa sen perigo.
Este é o caso das Rías Baixas, que quedan fóra de risco tras máis de sete días de advertencias. Tamén o oeste e suroeste da Coruña presentan agora ausencia de risco.
O Miño de Pontevedra, habitual entre as comarcas con nivel alto, sitúase hoxe en risco 2, igual que o interior da provincia. Pola súa banda, o centro e a montaña de Lugo manterán áreas en laranxa, así como o sur de Ourense e Valdeorras. A Coruña é a única provincia que se libra por completo desta calor intensa.
En cambio, o centro e noroeste coruñés alcanzarán o nivel 1 de risco, ao igual que a Mariña lucense, o sur de Lugo e o noroeste e a montaña de Ourense. Así, Galicia afástase pouco a pouco da vaga de calor que aínda afecta ao conxunto da península.
Saltos de temperatura
Aínda que as temperaturas comecen a descender, cómpre destacar os rexistros que deixou ata agora esta onda de calor. En Galicia, as cifras máis altas superaron os 40 graos. Ademais dos 43 graos acadados onte en Lugo, o pasado luns tamén se mediron valores extremos: 42,8 graos na estación de Ribadavia da Axencia Estatal de Metereoloxía (Aemet) e 42,5 graos en Ourense cidade, segundo MeteoGalicia.
Porén, estas marcas non foron a tónica xeral da comunidade. A vaga de calor deixou fortes contrastes térmicos, con diferenzas de máis de 20 graos nun mesmo día. Un exemplo foi o da provincia de Lugo, onde se chegou a unha diferenza de 24 graos entre Ribas de Sil e Burela (A Mariña).
Segundo a previsión, a vaga de calor podería rematar o mércores. Non obstante, a Aemet advirte de que a partir do xoves a evolución das temperaturas é incerta. Se os termómetros seguen elevados, esta vaga podería prolongarse ata os 11 días, converténdose nunha das máis longas dende que hai rexistros.
Máximos históricos
No seu perfil de X, MeteoGalicia lembrou os rexistros históricos das principais cidades galegas, para facilitar así a comparación coas temperaturas alcanzadas durante esta última vaga de calor.
Ourense lidera a táboa, con 42,6 graos en agosto de 2024, o valor máis alto rexistrado en Galicia. Lugo alcanzou os 40,2 graos en 2018, superando por unha décima a Pontevedra, que chagara aos 40,1 graos en 2016. Xa no ano 2003, Lugo tocara por primeira vez a barreira dos 40 graos.
Por debaixo desa cifra, Santiago de Compostela chegou aos 37,9 graos e Vigo aos 37,7, ambas marcas en 2018. Pola súa banda, A Coruña mantén o récord de máxima máis máis baixa de Galicia, con 31,3 graos alcanzados en agosto de 2023.














