O Ministerio declara alerta vermella no sur da provincia de Pontevedra ante a chegada de temperaturas extremas

As autoridades sanitarias activan o nivel máximo de risco para a saúde pública tras superar os umbrais establecidos, mentres a zona do interior continúa nunha situación leve

Durante esta semana, Galicia está a vivir unha onda de calor. De luns a domingo, as temperaturas superarán os 30 graos na zona de Pontevedra, o que xera preocupación pola saúde pública. O Ministerio de Sanidade alerta do alto risco por calor nas Rías Baixas e o Baixo Miño, converténdose na única área con esta categoría en España.

Os datos, facilitados por Meteosalud, baséanse na superación dos umbrais de temperatura máxima establecidos para avaliar o impacto na saúde. É dicir, son aquelas temperaturas a partir das que se detecta un aumento significativo da mortalidade relacionado coa calor. Se a temperatura máxima prevista supera eses umbrais, xérase unha alerta.

Publicidade

O nivel de risco determínase en función de canto e durante cantos días seguidos a temperatura máxima prevista supera o umbral establecido en cada zona. O risco baixo (Nivel 1) indica que a temperatura supera lixeiramente o umbral, cun exceso acumulado en tres días igual ou inferior a 3°C. O risco medio (Nivel 2) corresponde a un exceso acumulado entre 4°C e 6°C. Finalmente, o risco alto (Nivel 3), no que se atopan actualmente as Rías Baixas, significa que o exceso total supera os 6°C durante tres días consecutivos.

Pontevedra, foco da calor

As dúas zonas marcadas en vermello no mapa facilitado polo Ministerio de Sanidade sinalan as Rías Baixas e o Baixo Miño como as áreas máis perigosas do país segundo a calor á que se está acostumado. O umbral de temperatura nas Rías Baixas de Pontevedra establécese en 29,5°C, mentres que no Baixo Miño, o percentil provincial fixa o umbral en 31,1°C.

Publicidade

Con todo, estes días as temperaturas nesta zona de Galicia están a ser moi elevadas. Na costa pontevedresa, as máximas oscilarán entre os 32,1°C e os 35,9°C dende hoxe ata o domingo 3 de agosto, superando o umbral de temperatura en máis de 6°C. Pola súa banda, as mínimas previstas no mesmo período situaranse entre 16,9°C e 17,9°C.

No caso da comarca do Baixo Miño, que inclúe A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, as máximas serán aínda máis extremas, oscilando entre 35°C e 37,7°C. Non obstante, a diferenza entre as temperaturas máximas e mínimas é maior que nas Rías Baixas, con mínimas que varían entre 15,1°C e 17,5°C. Esta diferenza podería alcanzar os 20 graos.

Un baixo risco no interior

Xunto á Meseta de Salamanca, algunhas zonas da provincia de Extremadura, a Serra de San Vicente e a campiña sevillana, áreas que teñen umbrais de temperatura significativamente máis altos que Galicia, atópase tamén o interior de Pontevedra. Todas estas rexións presentan actualmente un risco baixo para a saúde debido á calor.

Nas terras do interior de Pontevedra, afastadas da costa, as temperaturas máximas para o período do 30 de xullo ao 3 de agosto oscilarán entre 33°C e 38,6°C, segundo as previsións de Meteosalud. As mínimas serán máis baixas que nas zonas costeiras, sitúandose entre 10,8°C e 14°C. O umbral de temperatura máxima para esta zona é de 33,3°C, segundo a AEMET.

A día de hoxe, o nivel de risco é baixo, pero espérase un aumento de dous niveis para o 1 de agosto debido ao incremento das temperaturas.

“Goza este verán con saúde”

No marco do Plan Nacional de actuacións preventivas dos efectos do exceso de temperatura sobre a saúde, o Ministerio de Sanidade lanza o décalogo “Goza este verán con saúde”, onde se recollen os principais consellos para protexerse das altas temperaturas.

Entre as recomendacións, destaca beber auga e líquidos con frecuencia, mesmo sen sentir sede. É importante evitar as bebidas con cafeína, alcol ou moi azucradas, xa que poden favorecer a deshidratación.

Nas zonas de alto risco, hai que prestar especial atención a bebés e nenos, mulleres embarazadas, persoas maiores ou con enfermidades que poidan empeorar coa calor, como problemas cardíacos ou hipertensión. Nestas circunstancias, o máis recomendable é permanecer o maior tempo posible á sombra ou en espazos climatizados, e gardar as medicinas en sitios frescos. Nunca se debe deixar a ningunha persoa nun vehículo estacionado ou pechado.

E aínda que o verán invita a saír, convén reducir a actividade física e evitar deportes ao sol nas horas centrais do día. Ademais, ao saír á rúa, escolle roupa que permita transpirar e opta por comidas frescas, como ensaladas, froitas ou verduras, que axudan a repoñer as sales minerais perdidas coa suor. Con todo, se experimentas síntomas relacionados coa calor que persisten máis dunha hora, o mellor é consultar con profesionais sanitarios.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia