Coa chegada do verán, as temperaturas aumentan, pero nos últimos anos este ascenso vai máis alá do habitual. O fenómeno de El Niño, asociado ao quecemento anómalo do Pacífico, xogou un papel clave no verán de 2023, o máis cálido dos últimos 2000 anos no hemisferio norte.
Neste contexto investiga Rafael Carballeira, profesor da Universidade da Coruña (UDC) e investigador do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA).
Carballeira participa nun proxecto internacional que busca reconstruír a historia de El Niño ao longo de milleiros de anos. A investigación céntrase na lagoa La Niña, na costa norte do Perú, un espazo clave para o estudo do clima do Pacífico. Falamos con Rafael Carballeira para coñecer os detalles deste proxecto e afondar no papel de El Niño no contexto climático actual a nivel global.
—Como definiría o fenómeno de El Niño dende unha perspectiva científica e cal é a súa relevancia no sistema climático global?
—ENSO (El Niño-Oscilación do Sur) é un ciclo climático natural que ten lugar no océano Pacífico ecuatorial e que inflúe significativamente no clima global. Está composto por tres fases principais: El Niño, que corresponde á fase cálida; La Niña, á fase fría; e unha fase neutra, sen anomalías destacadas.
A fase El Niño caracterízase por un aumento anómalo da temperatura da auga nas zonas central e oriental do Pacífico ecuatorial. Este quentamento altera os patróns de vento e precipitación, e pode provocar chuvias intensas e inundacións en rexións como a costa pacífica de Sudamérica. Ao mesmo tempo, pode producir secas noutras partes do mundo, como Australia e Indonesia, así como influír na actividade dos furacáns, na pesca e na agricultura. Polo tanto, El Niño está marcado polo quentamento anómalo do Pacífico oriental, con impactos climáticos extremos en distintas rexións do globo pola inmensa enerxía que acumula o océano Pacífico e transfire á atmosfera.
—Está a participar nun proxecto internacional en Perú vinculado a este fenómeno. Que papel xoga a lagoa La Niña na reconstrución da historia de El Niño?
—Perú atópase nunha posición estratéxica para estudar o fenómeno de El Niño e, de feito, é un dos países que máis desastres sofre asociados a este evento. A lagoa de La Niña de Sechura, situada na rexión de Piura, está localizada xusto na zona de converxencia intertropical, onde conflúen as masas atmosféricas dos hemisferios norte e sur, preto do ecuador. Por tanto, é a zona de máis intensidade do fenómeno ENSO, tanto nas fases de El Niño como nas de La Niña.
Mais esta lagoa ten unha peculiaridade: cando hai La Niña, seca, mentres que durante El Niño, debido ás intensas chuvias na costa de Perú, chega a inundarse. Así, funciona como un sensor climático natural.
Neste contexto, o que imos facer é sacar un testemuño do sedimento da lagoa, onde se rexistran as alternancias entre fases de seca e enchente. Deste xeito, poderemos reinterpretar o fenómeno ENSO nos últimos 10.000 anos, cunha resolución maior, esperemos, da que se dispón actualmente. Este tipo de estudo pode contribuír á explicación da dinámica do ENSO, a súa orixe e axudar a predicir estes fenómenos de enorme impacto socioeconómico.
—Que tipo de información permite obter esta reconstrución sobre a frecuencia e intensidade deste evento?
—Ata o de agora, a información da que dispoñemos corresponde, principalmente, ao período instrumental, é dicir, dende que se comezou a rexistrar sistematicamente información de tipo climática a nivel global. Con todo, ese período abrangue, como moito, dende os anos cincuenta ata a actualidade, e mesmo así, non con igual densidade nin cobertura en todas as rexións do mundo. Por iso, realizar este estudo implica obter un modelo de idade dos sedimentos da lagoa e poder ampliar o abano temporal máis aló da era instrumental, chegando mesmo a abarcar o Holoceno, é dicir, os últimos 10.000 anos.
Esta reconstrucción baséase na inferencia da composición de cada unha das capas sedimentarias, que mostran as condicións climáticas do pasado. Agardamos que reflictan a alternancia de fases secas e de inundación en función aos episodios de El Niño e La Niña, o que nos permitirá entender por que se produce este fenómeno. Á súa vez, este estudo tamén nos axudará a afondar no impacto que estas variacións climáticas teñen no propio ecosistema.
—Máis en detalle, cal é o labor que vostede desempeña neste proxecto e en que consiste?
—Teño certa experiencia como paleolimnólogo. Realicei a miña tese na Escola dos Lagos de Galicia, e un dos aspectos nos que traballei foi na paleoreconstrución ambiental. É dicir, como reconstruír eventos pasados a partir de rexistros sedimentarios, facendo inferencias sobre as condicións ambientais en momentos pasados, mediante marcos cronolóxicos baseados, por exemplo, na datación por carbono 14.
O meu papel neste proxecto, polo tanto, é de paleolimnólogo e bioxeoquímico, concretamente na interpretación da composición dos sedimentos e no estudo de certos indicadores biolóxicos, como as diatomeas, que nos permiten identificar os procesos procesos que houbo dentro da lagoa. Isto pódenos axudar a obter máis información de como era o sistema, e como foi cambiando e por que ao longo do tempo.
—Centrándonos en Galicia, existen evidencias actuais de que o fenómeno El Niño-Oscilación do Sur (ENSO) afecta o clima da rexión?
—Hai un traballo publicado na revista científica Nature no ano 2024, que analiza os datos correspondentes ao verán de 2023. Neste estudo confírmase o incremento das temperaturas no hemisferio norte e a gran influencia que tivo o fenómeno El Niño no quecemento deste hemisferio. Nos últimos anos observouse unha sucesión de aumentos e récords de temperatura no hemisferio norte, acompañada tamén dunha concatenación de eventos de El Niño no océano Pacífico.
—Cales son os principais efectos que pode ter El Niño no noroeste peninsular en termos de precipitación, temperaturas ou eventos extremos?
—Unha das cuestións directas son as temperaturas extremas que estamos a ter, que superan o que ata agora era considerado habitual, así como os períodos estivais que, ás veces, tenden a alongarse máis do previsto. Este aumento das temperaturas ten consecuencias directas, como a mortandade de persoas polas ondas de calor intensa que superan os límites fisiolóxicos soportables para os seres humanos.
Porén, hai outro factor que moitas veces non se ten tan en conta: o cambio no réxime de precipitacións. Están a alterarse os patróns tradicionais de precipitacións nesta zona, e isto adoita pasar desapercibido porque Galicia é unha rexión atlántica na que, historicamente, chove moito. Con todo, somos altamente dependentes desas precipitacións.
A diferenza doutras rexións como o Mediterráneo español, onde a rocha se disolve e forma cavidades nas que se almacena a auga, en Galicia a auga circula continuamente nos sistemas fluvais. O recambio desa auga prodúcese cando hai precipitacións e, se non as hai, os niveis de auga baixan rapidamente. No territorio galego estase a ver que, se este réxime hidrolóxico cambia, xera consecuencias visibles: cidades como A Coruña ou Vigo chegaron a ter problemas coa dispoñibilidade de auga potable en determinados períodos. Este feito é un problema, xa que a auga é un recurso fundamental e básico do ser humano.
—Durante os episodios máis intensos de El Niño, observáronse cambios concretos no clima galego? Por exemplo, seca ou choivas intensas.
—Nestes mesmos anos, El Niño propicia vagas de calor moi intensas no hemisferio norte, incluíndo rexións como Galicia, onde se rexistran eventos concatenados e de gran intensidade que tamén están relacionadas coa alteración dos patróns de precipitación que mencionamos anteriormente.
—Existe algún tipo de patrón recorrente entre os eventos de El Niño e o clima de Galicia?
—Aínda non o sabemos con certeza, pero dende 2023 empezouse a ver unha conexión, polo menos entre o quecemento do hemisferio norte e o fenómeno tan intenso de El Niño no Pacífico.
—Como poderían afectar estes cambios climáticos ao territorio galego? Especialmente, sobre o sector agrogandeiro ou no referente á xestión de recursos hídricos.
—No mar estamos a observar que as augas máis superficiais do litoral se están a quentar máis do habitual, chegando a superar os 20 graos. Este fenómeno non se limita ás costas de Galicia, senón que tamén afecta zonas como as illas Azores, no medio do Atlántico, onde están experimentado temperaturas mariñas de récord.
Isto afecta o ecosistema mariño, por exemplo, provocando mortandades de navallas nas Rías Baixas polo exceso de temperatura. Ademais, as tallas de moitos moluscos bivalvos de interese económico, que se explotan en Galicia, poden verse reducidas polo incremento das temperaturas. Incluso, con estas condicións, poden chegar a asentarse especies non autóctonas que antes non existían nesta zona.
Mais tamén afecta o medio terrestre, onde a dispoñibilidade de auga é un dos factores limitantes máis importantes. A auga é un recurso básico para o benestar e a vida humana e silvestre, así como para numerosos procesos socioeconómicos e industriais. Por exemplo, a actividade de empresas como Altri require grandes cantidades de auga para abastecer a produción de celulosa. Por tanto, os cambios no réxime hídrico poden repecutir negativamente neste tipo de procesos industrias e, en consecuencia, na economía e o medio ambiente da rexión.
—É posible anticipar os efectos de El Niño sobre Galicia con antelación suficiente como para aplicar medidas de prevención?
—Moitos dos estudos científicos céntranse en predicir canto aumentarán as temperaturas no futuro. Poucos hai que nos poidan axudar a adaptar ou mitigar os efectos deste fenómeno, que está a avanzar máis rápido do que se pensaba inicialmente.
Existen accións que podemos levar a cabo localmente, pero trátase dun problema global que non só depende de nós. Non obstante, na medida en que poidamos actuar, unha das propostas que están a promover tanto a Unión Europea como os seus gobernos é a conservación dos recursos naturais que xa temos, especialmente dos humedais.
En Galicia, unha das zonas do sur de Europa con maior presenza de turbeiras, estes ecosistemas desempeñan un papel importante como sumidoiros de carbono, xa que a formación de turba permite capturar e almacenar carbono atmosférico. Esta é unha das estratexias de mitigación dispoñibles actualmente, xunto coa regulación da emisión de gases de efecto invernadoiro.
—Existen ferramentas que permitan prever o impacto deste fenómeno na nosa contorna?
—O organismo internacional IPCC (Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático) encárgase de ofrecer recomendacións e realizar proxeccións sobre o futuro do clima en función de varios escenarios. Un dos aspectos preocupantes é que hai zonas da península ibérica especialmente afectadas pola desertificación, un problema que se prevé que terá un maior impacto no sur de Europa, onde o balance hídrico é máis axustado.
Aínda que se coñece o potencial impacto negativo destas tendencias, actualmente hai certa resistencia para reducir as emisións de CO2, así como modificar os procesos industriais que dependen dos combustibles fósiles. Por iso, atopámonos ante unha situación complexa.
—Considera vostede que, coa intensificación do cambio climático global, Galicia podería verse cada vez máis afectada por fenómenos como El Niño?
—Totalmente, sobre todo no que respecta aos fenómenos derivados de El Niño no hemisferio norte. Non estamos a falar dun problema futuro, senón do presente, porque xa se observa como o clima está a cambiar con respecto ao que a nosa experiencia previa nos dicía. Vemos veráns cada vez máis intensos, con récords de temperatura, e un desaxuste crecente nos patróns de precipitación.
Hai tamén factores que ás veces non se mencionan, pero que resultan moi relevantes. Por exemplo, o incremento das temperaturas está favorecendo a reaparición de enfermidades que xa estaban erradicadas na península ibérica como a malaria, ou doutras máis propias da África continental. Isto débese a que os vectores de transmisión, como certos mosquitos, atopan agora condicións máis favorables para establecerse no sur de Europa, debido ás temperaturas máis elevadas.
Pode parecer un detalle menor, pero todo isto ten consecuencias negativas en cadea. Non vai ser o fin da humanidade, pero o máis sensato é actuar con prudencia e previsión, sendo conscientes de que moitas das cuestións climáticas afectan a vida humana cotiá. Está claro que numerosos recursos naturais veranse afectados e, con eles, tamén todas as actividades que deles dependen. Haberá que adaptarse a estas novas circunstancias. É cada vez máis urxente que os gobernos desenvolvan plans de mitigación e adaptación a estes escenarios futuros, para poder anticiparnos a calquera cuestión negativa e minimizar o seu impacto na sociedade.














