A Caniza, Cangas de Morrazo e O Riós: a Xunta e a RAG impulsan 2.500 cambios na toponimia galega

Durante o proceso tivéronse en conta cuestións como a ausencia do artigo, a zona dialectal e revisións xeográficas

A Real Academia Galega (RAG) e a Xunta propoñen cambiar 2.532 denominacións de concellos, parroquias e lugares no Nomenclátor de Galicia, o rexistro dos nomes das entidades de poboación da comunidade. A análise realizada tomou datos do propio Nomenclátor e do Instituto Nacional de Estatística (INE) para analizar diversas cuestións lingüísticas. O cambio afecta aos topónimos de 14 concellos, como son A Caniza (agora A Cañiza), Cangas de Morrazo (agora Cangas do Morrazo) e O Riós (agora sen artigo).

Durante o proceso, analizáronse cuestións lingüísticas. Por exemplo, a ausencia do artigo no nome oficial. Tamén xeográfico-administrativas, referidas a problemas de localización ou categorización poboacional, con 13.788 revisións.

Publicidade

Os criterios para seguir baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos e no uso oral e escrito que fai a veciñanza do topónimo. Na revisión tamén se tivo en conta o respecto pola forma dialectal de cada lugar e, ademais, tratouse de emendar os erros detectados no Nomenclátor de 2003, fundamentalmente no relacionado co uso dos artigos.

Máis de 4.000 topónimos estudados

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou “a necesidade de actualizar este documento, un labor imprescindible para non perder a nosa riqueza toponímica”. Fíxoo no pleno da Comisión de Toponimia, onde tamén se comprometeu a revisar estes nomes cunha maior periodicidade.

Publicidade

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, Lingua e Mocidade, na xornada avaliáronse as conclusións derivadas de actualizar o traballo feito no ano 2003. “En total estudáronse 4.398 topónimos ditaminando a modificación da denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares”, sinalou López Campos antes de precisar que os cambios afectan os concellos da Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.

Recuperar 90.000 microtopónimos

Así mesmo, o representante do Goberno galego agradeceu a implicación cidadá e da RAG para recuperar preto de 90.000 microtopónimos e “salvagardar a identidade que nos define como pobo e difundir a relevancia de conservar a denominación dos nosos lugares como parte fundamental do que somos como galegos e galegas”. Neste sentido, precisou que o traballo feito pola Comisión permitiu incorporar 1.655 novos nomes con respecto ao último documento elaborado en 2003, conseguindo así un total de 42.909 rexistros.

Unha vez completado este traballo, López Campos mostrou o compromiso da Xunta de Galicia para iniciar os trámites para elaborar un documento que recolla tamén os nomes relacionados cos mares, océanos e costas de Galicia “necesario polo gran vínculo da nosa terra e as nosas xentes co mar, e que cobra máis sentido aínda despois do traspaso á Comunidade da xestión do litoral”, especificou.

1 comentario

  1. O topónimos nos carteis das estradas son unha fonte importante de información para o seu uso. É moi frecuente que neles se omitan acentos ou artigos. Así podemos ver Milladoiro, Porriño ou Ramallosa en lugar de O Milladoiro, O Porriño ou A Ramallosa. Outras veces é na linguaxe coloquial que se eliminan como Obradoiro e Quintana no lugar de O Obradoiro ou A Quintana. Sería importante que a RAG e a Xunta coidaran que os carteis sexan correctos e facer campaña para o uso dos artigos. Alguén se imaxina decir Ángeles por Los Ángeles nos Estados Unidos?. Alí o simplifican chamándolle LA pero non quitan a primeira letra do artigo…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona