Quiñón, serventía, choupín… Unha escolma de termos para reivindicar a ciencia en galego

A UVigo publica un mini-dicionario de palabras enxebres relacionadas co ámbito xurídico, medio ambiental e micolóxico

“Quiñón”, “augas de pilla pillota e de torna a torna”, “serventía”, “esteiro”, “petróglifo”, “choupín” ou “fungo”. Estas palabras teñen en común, ademais de pertencer aos ámbitos xurídico, medio ambiental e micolóxico, un vínculo entre o coñecemento especializado e a identidade galega. Os termos sumados a outros 26 integran o primeiro glosario Escolma de termos científicos, un mini-dicionario de vocabulario científico e técnico, unha iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, co obxectivo de recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio.

Os docentes e investigadores da UVigo Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro son os autores da escolma de termos nos ámbitos do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, respectivamente, que se corresponden coas súas áreas de investigación e que escolleron pola súa relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia. “Normalizar o uso do idioma propio no ámbito educativo, facer visible o traballo investigador que se realiza na Universidade de Vigo en galego e apoiar a investigación científica nesta lingua”, son os obxectivos da publicación, segundo explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, no acto de presentación do volume, que tivo lugar este mañá no edificio Redeiras. 

Publicidade

“Oportunidade para manter viva a lingua”

Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio agradeceu aos autores o seu traballo e manifestou a súa preocupación “porque teño a sensación de que o galego se está a perder e aínda que é unha liña estratéxica da UVigo, na rúa non se fala”. Ante esta situación, Rubio, parafraseando a Álvaro Cunqueiro, contrapuxo a achega que supón esta Escolma de termos científicos “como unha oportunidade para manter viva a lingua e que dure 1000 primaveras máis”.

A publicación, que se prevé sexa a primeira dunha serie que continuaría no marco do Plan de Ciencia de Ida e Volta 2025-2026, compleméntase coa edición de medio milleiro de almanaques con fotografías de Luís Dorado, Manuel Ángel Pombal, Vinctoriano da Ghoreña, Josefina Fangúndez, Ricardo Bara e Fernando J. Costas e nos que se destacan unha ducia das palabras seleccionadas da Escolma de termos científicos. Os almanaques foron repartidos entre os centros, facultades e servizos da Universidade de Vigo.

Publicidade

Termos de seu no ámbito xurídico

A terminoloxía xurídica galega é a protagonista da primeira parte do libro, autoría de Xosé Manuel Pacho, que foi o responsable da escola do vocabulario relacionado coa súa área de investigación, ben pola súa relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia. O profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e o Traballo recompilou unha ducia de conceptos entre os que se atopan termos como “quiñón”, “montes veciñais en man común” ou “serventía”.

Neste capítulo, Pacho ofrece ademais unha liña cronolóxica de fitos na historia de Galicia, que van do Foro do Burgo de Castro Caldelas ata o III Congreso de Dereito Galego celebrado no ano 2002 e con especiais mencións ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos. “Somos diferentes e temos unha mirada singular”, dixo Pacho, que defendeu esta obra como un exemplo da singularidade de Galicia, así como da necesidade de que esta se recolla nun volume coma este.

“Millo”, “lamprea” ou “petotes”

O termos relacionados co medio ambiente centran a segunda parte da escolma. O docente e investigador do Departamento de Bioloxía funcional e ciencias da Saúde Manuel Ángel Pombal desprega nesta sección termos asociados ás tradicións gastronómicas como o “millo” ou a “lamprea”, complementados coas receitas dos “petotes” ou das “bolas de tixola”.

O resto de palabras abranguen desde o “Miño” e outras relacionadas con el, como “pesqueira” ou “esteiro” a outras centradas na semántica da “besta” e os “curros”. “Xuntei algúns dos termos relacionados coas miñas actividades dentro e fóra da Universidade co obxectivo de divulgar”, explicou Pombal en relación coa súa achega, lembrando, que por exemplo, no caso da lamprea, “acompáñame como modelo de experimentación desde hai 37 anos”.

Fungos en galego

Pola súa banda, María Cabaleiro, docente e investigadora do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo é responsable da escolma de termos da terceira parte do volume, centrada na micoloxía. Ademais de ofrecer unha guía sobre os tipos de fungo, abordasen as partes que os forman, afondándose na Macrolepiota procera, coñecida como “choupín” ou “cogomelo”.

O uso dos fungos da cociña, as súas propiedades curativas ou ditos populares relacionados con eles completan este capítulo. Cabaleiro, que lembrou que abordou este proxecto tras rematar a súa tese, defendeu o coñecemento en galego, “porque o mundo da ciencia pode facerse e transmitirse en galego”.

A publicación deste volume insírese nas actividades vencelladas á celebración do Día da Ciencia en galego, que forma parte o plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta da UCC+i, que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia y la Tecnología- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. 
 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra