Sábado 20 Abril 2024

Falar galego pode mellorar a nosa intelixencia: descubre por que

A Real Academia Galega (RAG) dedícalle o Día das Letras Galegas do 2023 ao escritor Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da RAG e unha das figuras centrais do galeguismo, ademais de ensaísta, narrador e editor cunha extensa obra centrada na cultura e na literatura galega. Dende a súa creación, a RAG non deixou de organizar actividades culturais para a promoción da lingua galega, inda que nos últimos anos vén anunciando que o galego sufriu un declive importante, especialmente nas grandes vilas e durante as etapas educativas. Aínda que é certo que historicamente o desprestixio lingüístico percibido na sociedade en contra do galego pode ser un dos motivos de rexeitar falalo, na actualidade non se pode negar a implementación de plans de dinamización da lingua galega que tentan fomentar o seu uso. Porén, en lugar de ser motivadores, non parecen ser moi efectivos, xa que as enquisas mostran que existe un estancamento do uso habitual do galego na mocidade que non atopa os estímulos suficientes. Aínda que o galego parece estar ameazado polo castelán, ou incluso polo inglés, raramente analizamos estas circunstancias como unha oportunidade para adaptarse ao bilingüismo ou multilingüismo e aproveitar así as súas vantaxes. 

“Existen razóns máis que sólidas e contundentes para entender os beneficios de falar dúas ou máis linguas”

Unha vez máis ten que vir a curiosidade científica, en particular, a neurociencia da linguaxe, a sacarnos desta encrucillada para convencernos da necesidade do uso da lingua galega. A motivación para integrar o galego como lingua de uso cotiá ó mesmo tempo co castelán, ten moitas ganancias no proceso de aprendizaxe. Podemos formular o seguinte interrogante: que efectos ten o bilingüismo no cerebro das persoas? É importante ter en conta que avanzar no coñecemento de como o bilingüismo esculpe o cerebro é unha cuestión socialmente importante e axudará a desmentir algunhas ideas erróneas que apuntaban que as crianzas expostas a dúas linguas sofren unha perda de aprendizaxe e comprensión. Existen razóns máis que sólidas e contundentes para entender os beneficios de falar dúas ou máis linguas, e tamén teñen que ver co moldeado do noso cerebro. Basicamente, a maneira na que o cerebro bilingüe procesa a información é diferente, e isto aporta vantaxes nas nosas vidas. 

Publicidade

A neuroanatomía do bilingüismo

O bilingüismo axuda a comprender os cambios neuroanatómicos asociados á aprendizaxe dunha segunda lingua. As persoas unicamente castelanfalantes teñen peor procesamento da linguaxe que as que falan galego e castelán, xa que o cerebro adquire novas habilidades cognitivas e funcionais durante a adquisición dunha ou varias linguas, favorece as conexións cerebrais, potencia o desenvolvemento cognitivo ademais da capacidade metalingüística, analítica, de atención e concentración, mellora a súa autoestima e fomenta a sensibilidade intercultural. A experiencia bilingüe altera a estrutura do cerebro e mellora certas funcións cognitivas e tamén pode afectar ao procesamento matemático.

A  literatura sobre diferenzas estruturais entre persoas adultas bilingües e monolingües é sólida. Estudos de neuroimaxes mostran evidencias de que o procesamento da linguaxe implica non só as áreas clásicas de Broca, senón todo o cerebro, dende os lóbulos frontais ata os temporais e os parietais. En comparación cos monolingües, as persoas bilingües presentan máis materia gris, e maior integridade da materia branca, nas rexións asociadas á lingua e ao control executivo.

“As persoas unicamente castelanfalantes teñen peor procesamento da linguaxe que as que falan galego e castelán”

Unha exalumna miña da Universidade de Georgetown (Washington, DC, EE.UU), Alison Schug, publicou recentemente un interesante traballo de neuroimaxe na revista Human Brain Mapping. Atopou relativamente máis volume de materia gris nos nenos e nenas bilingües nas cortizas frontal bilateral, frontal inferior dereita e parietal superior dereita, que son rexións cerebrais asociadas ao control executivo. En conxunto, as crianzas bilingües manifestan diferenzas relativas ao volume de materia gris e, sorprendentemente, estas non varían moito das observadas nos estudos de adultos bilingües, a pesar que levan menos anos de exposición ás dúas linguas. Outra rexión anatómica do cerebro de interese é o cerebelo. A súa estrutura e función relacionouse coa fluidez da linguaxe verbal na poboación en xeral, a redución do tamaño do cerebelo está implicada na dislexia e as lesións no cerebelo asócianse coa afasia. A actividade do cerebelo no contexto da memoria procesual e do procesamento gramatical está potenciado nas persoas bilingües. 

Neuroplasticidade do cerebro bilingüe

A aprendizaxe dunha lingua está baseada na memoria e na actividade cerebral que envolve os dous hemisferios. Os cativos parecen aprender máis doadamente grazas á neuroplasticidade do seu cerebro en desenvolvemento, o que lles fai empregar os dous hemisferios na adquisición da linguaxe, mentres que na maioría dos adultos a linguaxe está lateralizada nun hemisferio. O grao de solapamento entre as dúas linguas depende principalmente do dominio da segunda lingua e, en certa medida, da idade de inicio da adquisición da segunda lingua. As rexións cerebrais dedicadas á percepción auditiva son as que máis se desenvolven nos primeiros meses de vida, mentres que a cortiza prefrontal non madura ata a puberdade. Os rexistros fonolóxicos procésanse nas rexións auditivas a curtas idades, mentres que a asociación e o procesamento da gramática aparece máis adiante. Por iso, cando falamos do control dunha lingua, no contexto da súa aprendizaxe hai que diferenciar cando as distintas rexións do cerebro adquiren a plasticidade e madureza suficiente. 

Beneficios do bilingüismo no cerebro

Os factores de maduración no bilingüismo afectan a conectividade neuronal no cerebro infantil. Os estudos de neuroimaxe demostran que os cativos bilingües presentan unha maior actividade en cinco áreas do hemisferio esquerdo relacionadas coa fala e a lectura desenvolvendo un procesamento auditivo máis eficiente. A cortiza frontal e prefrontal mostran unha actividade incrementada en bilingües en comparación cos monolingües durante as tarefas de comprensión, como pode ser a lectura, e desempeña un papel na función executiva, inhibe as distraccións na resolución de problemas, axuda ás tarefas de concentración ao filtrar información irrelevante.

O multilingüismo mellora a función executiva e modula de forma fiable o conéctoma funcional cerebral correspondente. Por tanto, podemos pensar que os bilingües afrontan un aumento das demandas de procesamento debido á necesidade adicional de controlar as dúas linguas. 

“Canto máis cedo se implante o bilingüismo, moito mellor para o cerebro”

O tempo de exposición ás dúas linguas na etapa infantil parece ser importante para fortalecer os circuítos neuronais. Os cativos bilingües que tiveron exposición a dúas linguas antes dos 3 anos tiñan maior conectividade neuronal en comparación cos que o fixeran entre os 3 e 5 anos. Entre os 8 e os 11 anos, observouse un aumento da conectividade estrutural nos tractos da materia branca específicas da linguaxe nos bilingües en comparación cos monolingües. Polo tanto, canto máis cedo se implante o bilingüismo, moito mellor para o cerebro. Un ambiente familiar onde se falen dúas ou tres linguas é moi beneficioso para as crianzas e posibilita vantaxes ó longo da súa vida. Aínda que che digan que é imposible, non é certo, e dígoo por experiencia propia xa que as miñas fillas foron criadas falando inglés e galego sen dificultade ningunha.

O bilingüismo protéxenos do alzhéimer

Falar dúas linguas ten efectos positivos sobre as funcións cerebrais como o control executivo ou a capacidade de atención, habilidades que tamén se manteñen en idades avanzadas e protexen contra a deterioración cognitiva. É máis, o bilingüismo de por vida asóciase á aparición tardía da demencia, incluída a demencia de alzhéimer, o que suxire un efecto protector sobre o cerebro. Polo tanto falar dúas linguas ou máis ao longo da vida como fenómeno dicotómico e continuo, ten un impacto no metabolismo cerebral e na conectividade neuronal en persoas con demencia de alzhéimer. Este fenómeno demostrouse en estudos de neuroimaxe onde se observou efectos neuroprotectores do bilingüismo permanente actúan tanto contra os procesos neurodexenerativos como mediante a modulación da conectividade das redes cerebrais. A relevancia do bilingüismo ao longo da vida apoia a educación bilingüe e as intervencións sociais dirixidas ao uso e o mantemento de dúas ou máis linguas, incluídos os dialectos, o que é especialmente crucial nas persoas maiores.

“Deberíase falar galego dende a etapa infantil xa que é o período onde se esculpe a neuroplasticidade”

O bilingüismo precoz en combinación coa práctica regular de dúas linguas pode asociarse a un mellor rendemento nalgunhas tarefas de control executivo así como a unha maior conectividade entre as redes neuronais debido ao tempo dedicado a usar e controlar dous sistemas lingüísticos. Con todos estes argumentos, non se debería de deixar de pasar a oportunidade de falar galego dende a etapa infantil xa que é o período onde se esculpe a neuroplasticidade e as estruturas cerebrais que nos facilitan mellores habilidades para outras tarefas ao longo da nosa vida. Posiblemente Don Paco xa intuía estas vantaxes, e dalgunha maneira sabía que tamén falar galego nos facía máis intelixentes. 


*Sonia Villapol é xefa de laboratorio e profesora de Neurocirurxía no Instituto Académico de Investigación do Hospital Metodista de Houston (Texas) e profesora de Neurociencia na Facultade de Medicina no Weill Cornell de Nova York.

  1. En galego non se deberia dicir cortiza,senón córtex,o de cortiza e’ copia do castelàn “corteza”.En portugués p.ex.cortiça e’ só a da sobreira

  2. Os nosos fillos naceron na suiza, e nos falamoslle o noso galego, e con 8 anos empezaron co castelan,hoxe falan os dous seis idiomas e defendense en outros dous,

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Sonia Villapol demostra que os probióticos axudan a recuperarse do dano cerebral

A neurocientífica publica un estudo que proba como as cepas de 'Lactobacillus' contribúen a reducir a inflamación no cerebro despois dunha lesión

Villapol: “Un fámarco contra a covid pode reducir á metade a lesión cerebral”

Un novo estudo en ratos demostra que o tratamento é máis efectivo en machos que en femias

Pesticidas e párkinson: unha conexión fóra de toda dúbida

Diferentes estudos realizados demostran que ata dez insecticidas, funxicidas e herbicidas producen danos neuronais asociados a esta doenza.

Sonia Villapol: “En 2050 haberá tres veces máis pacientes de alzhéimer”

Entrevistamos á científica galega co gallo do décimo aniversario de Gciencia: "Aválavos o contido de calidade. Outros medios cópianvos sen avergoñarse"