“De non haber fósiles en Galicia a estar repleta a zona do Courel”, comenta o biólogo e guía de montaña Guillermo Díaz. Entre as aldeas de Seceda e Sobredo, no municipio de Folgoso do Courel, esténdese un xacemento de grande magnitude de crinoideos, o grupo máis primitivo de todos os equinodermos —onde pertencen as estrelas de mar—. Existen artigos científicos que identificaran esta zona, mais nunca estivera tan visible para a súa contemplación. Os lumes de xullo de 2022 arrasaron coa vexetación que hoxe permite observar estes fósiles mariños de 416 millóns de anos, os únicos dos que se teñen constancia do Devónico, un período do Paleozoico que terminou hai 359 millóns de anos. Suponse que, por aquel entón, esta zona do Courel era unha costa onde se acumulaban animais mariños.
O depósito ocupa 30,6 hectáreas, segundo os cálculos do biólogo que acudiu á zona para medilo cun GPS. Díaz estudara a zona fai sete ou oito anos e non lle parecía tan grande. “Está bastante ben para ser Galicia”, comenta. Ademais dos crinoideos, atopou unha zona con cunchas de braquiópodos, que son un filo de animais mariños que pertencen aos lofoforados. A ciencia identificou máis de 16.000 especies fósiles, mais na actualidade só existen 335. “Teñen cuncha pero unha asimetría distinta. Son animais que todavía non están extinguidos e que apareceron a finais do Cámbrico. Teñen unha abundancia bastante grande, e medran de diante cara atrás, ao contrario que os berberechos”, explica Díaz. Atopou cunchas nunhas rochas que partiran e que posúen unha cor “extraña”, xa que na superficie, pola erosión, non se poderían ver.
Díaz conta tamén que no “camiño vello” que vai entre Seceda e Sobredo hai tres caleiros, onde a xente colocou pedra arredor para poder fabrical o cal nos fornos. Este elemento está feito con pedras con fósiles, onde se poden ver os talos dos crinoideos. Eran animais que tiñan un pedúnculo que ramificaba na parte superior nun cáliz, do que agromaban tentáculos para amarrar a comida. “Semellan a un plumeiro para quitar o pó. Eran moi abundantes e ao morrer, parten. O que se ve nas fotos é o que queda delas”, explica Guillermo Díaz.
Estes fósiles mariños poderán verse pero non por moito tempo, xa que cando medre a vexetación quedarán cubertos. “Esta zona quedará atoada polas uces e será totalmente inaccesible. É a protección natural”, comenta o biólogo. O lugar, como todo o Courel, atópase baixo o amparo da Rede Natura 2000, sendo unha Zona de Especial Conservación (ZEC). Ademais, o material do Paleozoico ten protección engadida. “Cando se fan pistas e cortalumes non se respecta moito”, comenta o biólogo. Engade tamén que estes fósiles mariños non teñen valor coleccionista.