Martes 3 Decembro 2024

A erosión do solo derivada dos lumes impedirá reforestar os espazos naturais

Investigadores da USC adiantan unha importante degradación das superficies queimadas e unha menor existencia de masa arbórea no futuro

Os incendios que devastaron a paisaxe galega hai máis dunha semana xa están extintos, baixo control ou estabilizados. Porén, as súas consecuencias persistirán de maneira permanente na comunidade. Segundo explican os expertos, a degradación do solo calcinado provocará unha maior vulnerabilidade que de cara ao futuro dificultará a posible repoboación da cortiza vexetal galega. A superficie de solo queimado supuxo unha das maiores perdas por incendio da historia de Galicia, pois estímase que máis de 30.000 hectáreas foron arrasadas entre os focos do Courel, Valdeorras e Quiroga, con importantes perdas de fauna, flora e de terreo en espazos naturais protexidos.

“A maior parte do que se queimou é, na súa maioría matogueira, neste e noutros incendios. Cando existe unha masa de árbore ben formada, a cantidade de matogueira é moi reducida e o lume non se expande con tanta facilidade, ten menos posibilidades de prosperar”, expón Agustín Merino profesor e investigador na Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “O problema aquí é que os bosques incendiados están formados por estas matogueiras, e isto ocorre porque os solos fóronse degradando, tanto de maneira natural como polo paso doutros incendios ou pola tala de árbores, e isto provoca unha maior vulnerabilidade do terreo que impide a posterior plantación de árbores nesas zonas”, revela.

Publicidade

“Os solos fóronse degradando, tanto de maneira natural como polo paso doutros incendios ou pola tala de árbores”

AGUSTÍN MERINO, profesor e investigador na USC

Os que foron considerados como os incendios máis devastadores da historia de Galicia, que afectaron na súa maioría zonas naturais protexidas, espertaron a alarma de varios colectivos que reclaman a aplicación de medidas efectivas e plans de protección do medio afectado, a pesar de que, segundo explican os expertos, agora hai un novo reto por superar: a recuperación do espazo natural que caracteriza a paisaxe de Galicia. “Recuperarnos dos incendios vai ser complicado porque a erosión do solo, causada por unha maior exposición ao vento e as chuvias tras os incendios, vai impedir a reforestación do terreo”, revela o investigador.

A progresiva erosión do solo

A degradación do solo é unha das causas que dificulta enormemente a reforestación na zona afectada. Segundo indica a publicación da Xunta de Galicia da Guía de Accións Urxentes contra a Erosión en Áreas Forestais Queimadas, o cambio climático está a introducir un novo elemento de preocupación nese contexto, xa que se prevé un empeoramento das condicións meteorolóxicas para os decenios vindeiros, polo que os incendios en Galicia chegarán a tender cara a unha maior intensidade e severidade, agravándose posiblemente os seus efectos a nivel de vexetación e de solo. “Na recuperación desta superficie queimada son moi importantes as circunstancias meteorolóxicas, pois poden causar perdas considerables de solos por erosións, debido aos arrastres polas chuvias”, explica Antonio Rigueiro, enxeñeiro de montes e profesor na USC.

Publicidade

Desta forma, as consecuencias dos recentes incendios van depender de varios factores, entre os que destaca a topografía do lugar, intensidade da erosión, taxa de rexeneración da cuberta vexetal post-incendio, recorrencia, intensidade e duración do lume. “Agora que os incendios están apagados puidemos visitar algunhas das zonas afectadas e vimos que a superficie queimada era importante e que, se ata agora a erosión do solo era un problema importante, agora serao máis ca nunca”, alega Agustín Merino. “É unha situación moi triste. En concreto vimos que hai unha gran cantidade de cinza que vai acabar vertida nos ríos, ademais da propia perda do solo que tamén será importante e que supón un problema á hora de repoboar a zona”, engade.

“Os tratamentos de recuperación de solo son moi custosos”

ANTONIO RIGUEIRO, enxeñeiro de montes e profesor na USC

Ademais, segundo indica a Xunta, a curto e medio prazo a capacidade de rexeneración da vexetación nas zonas afectadas xoga un papel esencial na redución do risco hidrolóxico-erosivo, ao limitar o impacto directo da chuvia no solo. Porén, segundo adiantan os expertos, se a degradación continúa esta cortiza vexetal tardará moitos anos en volver aparecer. Ante a situación actual de emerxencia, existen unha serie de medidas denominadas Medidas Urxentes de Recuperación de Solo, pioneiras en Galicia e que a curto prazo axudan a paliar os efectos negativos da erosión tras un incendio forestal.

A maioría das especies de matogueira de Galicia adoitan agromar despois dun incendio. Porén, a súa capacidade para prestar unha rápida cobertura do solo, os primeiros meses despois do lume, é limitada. Por ese motivo, dende a Xunta indican que en lugares onde os incendios presentan alta severidade, como foi o caso dos últimos en Galicia, son necesarias medidas que aseguren a cobertura do solo inmediata, para limitar a posible erosión. “Unha cousa é a repoboación para frear a longo prazo as consecuencias dos incendios no terreo, pero a curto prazo tamén existen estas medidas, que consisten en aplicar por medios aéreos, nas zonas máis susceptibles á erosión, unha capa de palla“, expón o investigador.

Pola súa parte, Antonio Rigueiro explica que cubrir o espazo afectado con palla, de troncos de madeira, ou formar barreiras nos regatos, son formas eficaces de previr que a chuvia non caia directamente sobre a superficie vulnerable e provoque así menos perdas por erosión e menor arrastre de solo polo aumento do caudal dos ríos. Porén, a superficie afectada tras os recentes incendios en Galicia é demasiado extensa como para que estas medidas poidan ser aplicadas. “Ademais son tratamentos moi custosos e, aínda que teñen unha gran eficacia, existe unha forte crítica por parte da poboación por investir recursos económicos en recuperar terreos que son fundamentalmente matogueira, baleiros dende o punto de vista de produción humana”, engade.

O futuro da fauna e flora tras os incendios

Despois de vivir unha perda considerable de fauna e flora, de cara a unha reforestación, explica Agustín Merino, nestes solos degradados hai certa imposibilidade á hora de recuperar especies de árbore que, polas condicións do terreo, non poden ser plantadas. “É o caso dos castiñeiros, carballos ou dos eucaliptos, flora que precisa unha cantidade de solo mínimo para poder vivir e que neste caso non existe”, confesa o experto.

Antonio Rigueiro, pola súa parte, indica que sería necesario un rexistro e unha posterior estimación das especies máis afectadas e vulnerables por estes incendios forestais. “As comunidades afectadas nestas áreas, desgraciadamente, xa están moi adaptadas ao lume, porque moitas son froito doutros incendios como as matogueiras“, indica o experto. “Despois de queimar o terreo, hai certos bancos de semente que de forma natural xerminan de novo e con certa rapidez, en aproximadamente 4 ou 5 anos a superficie de mato de antes de arder rexenérase. O problema aquí é a plantación de bosques e plantas naturais, pois a súa recuperación vai tardar moito máis tempo”, alega.

“Recomendaría que non se introduza material xenético alleo nun espazo tan sensible e tan valioso como é o caso da Serra do Courel”

ANTONIO RIGUEIRO, enxeñeiro de montes e profesor na USC

No caso de plantar novas especies arbóreas, adianta Rigueiro, as máis indicadas para un tipo de terreo cunhas características como as do Courel, serían as especies frondosas: soutos de castiñeiro, carballo albar, carballo común, bidueiro ou teixo, entre outros; árbores naturais que foron severamente afectadas nesta zona xeográfica concreta. “Eu o que recomendaría é que non se introduza material xenético alleo nun espazo tan sensible e tan valioso, como é no caso da Serra do Courel, polo seu capital natural”, admite o investigador. “O apropiado sería entón recoller semente das árbores da zona ou multiplicar in vitro árbores propias desta área, sempre con material xenético de alí, da Serra do Courel, non contaminar este tesouro natural con material xenético foráneo”, engade.

Dende as administracións, indican os expertos, deberían traballar no deseño de plans e medidas para minimizar os efectos dos aínda recentes incendios. “O labor de prevención en Galicia debe estar fomentado por iniciativas levadas a cabo dende os distintos concellos, nos que as partes afectadas sexan escoitadas e nas que se ideen medidas de educación e formación para que as persoas individuais poidan contribuír a favor desta causa”, comenta Agustín Merino. “A maior parte dos concellos en Galicia enseguida teñen plans de contención de incendios pero deberiamos comezar por unha tarefa máis a longo prazo, para previr que esas zonas que son susceptibles de erosión vaian cada vez a peor e previr futuros incendios”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia do estraño golfiño que permaneceu agochado 40 anos nun instituto de Vilagarcía

Un grupo de estudantes atoparon os restos na praia de Compostela en 1979 e pensaron que era un arroaz, mais tratábase da especie de augas tropicais 'Steno bredanensis'

O aire frío do Atlántico norte deixará na ponte de decembro temperaturas xélidas en Galicia

Os valores máis baixos rexistraranse o domingo nas comarcas de interior e Lugo non superará os oito graos de máxima

Julio Vilas, deportista con discapacidade: “Tiven atrapamento umbilical, pero son afortunado”

O xogador do Amfiv Vigo, que compaxina deporte de elite con traballo a tempo completo, explica como é a súa vida cunha diversidade funcional física

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións