Xoves 10 Outubro 2024

María José Alonso, nomeada ‘honoris causa’ pola Universidade de Nottingham

A catedrática da USC e investigadora do CiMUS quixo compartir esta distinción “con todo o equipo que me acompañou ao longo da miña carreira"

A catedrática da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María José Alonso acaba de ser nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Nottingham, institución de referencia a nivel internacional no ámbito da Farmacia e Farmacoloxía. A profesora Alonso agradeceu esta distinción e fíxoa extensiva a todos os seus compañeiros. “Síntome sumamente honrada por tan marabilloso recoñecemento. Quero expresar toda a miña gratitude á Universidade de Nottingham, un referente mundial no campo da Farmacia, e en especial a Maria Marlow e Cameron Alexander polo seu apoio. Así mesmo, quero compartila con todo o equipo que me acompañou ao longo da miña carreira”, dixo a tamén investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).

Este nomeamento supón un novo recoñecemento á destacada traxectoria da profesora Alonso por parte de institucións científicas internacionais, tras a súa elección como membro da Academia Nacional de Medicina dos Estados Unidos en 2016, do prestixioso College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) en 2017, e do College of Fellows de Controlled Release Society (CRS) en 2018. Así mesmo, foi distinguida polo Premio Nacional de Investigación Juan de la Cierva 2021, outorgado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España.

Publicidade

Traxectoria Investigadora

María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica e, de 2006 a 2010, foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. Traballou como científica visitante na Universidade de Paris XI, (1986-87), na Universidade de Angers, Francia (1989) e no Massachusetts Institute of Technology (MIT) durante o período 1991-1992 e en 2012.

O seu laboratorio ten tres décadas de experiencia na formulación de macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en polímeros, e foi pioneiro en numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a nanomedicina. María J. Alonso coordinou varios consorcios de investigación financiados pola Organización Mundial da Saúde, a Fundación Gates e a Comisión Europea. Recentemente, pasou a formar parte da Power List dos investigadores máis influentes no campo da Biofarmacia (The Medicine Maker, 2020).

Publicidade

Tamén foi moi activa transferindo os seus coñecementos á industria. É inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas con licenza para a industria e é parte de dúas start-up. Traballou na Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, durante 15 anos, e foi Presidenta da CRS (2017-19). Tamén é editora en xefa de Drug Delivery and Translational Research, unha revista oficial da CRS, e forma parte do consello editorial de doce revistas científicas.

Recibiu máis de 36 premios, entre eles a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I, a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas. É membro do College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) e Fellow da Controlled Release Society, membro de dúas academias en Galicia, a Real Academia de Farmacia de España (RANF), membro da Real Academia de Medicina de Bélxica e tamén membro da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

A USC participa nun consorcio europeo para desenvolver vacinas nasais

Os grupos de Noémi Csaba e María José Alonso forman parte dunha iniciativa que quere evitar infecciósn respiratorias de alta prevalencia

María José Alonso, no podio das investigadoras máis influíntes do Estado

Ocupa o posto número tres na lista das mulleres científicas máis importantes en función do impacto das súas publicacións

Unha galega abre o camiño para aplicar intelixencia artificial na administración de vacinas

A investigación valeulle a Lorena García del Río o IX Premio Julián Francisco Suárez da Real Academia de Farmacia de Galicia