Dous investigadores de Santiago, premiados polas súas achegas á investigación sanitaria

Os científicos do IDIS Anxo Fernández Ferreiro e Alana Aragón Herrera foron recoñecidos polos seus estudos nos eidos da farmacia e da cardioloxía

Os científicos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) Anxo Fernández Ferreiro e Alana Aragón Herrera recibiron o primeiro e segundo galardón, respectivamente, na modalidade ‘Traxectorias Emerxentes’ dos I Premios de Investigación en Saúde Transfronteirizos Galicia-Norte de Portugal. Este recoñecemento outórgano o Sergas e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) co obxectivo de darlle visibilidade á colaboración sanitaria entre o territorio galego e o luso.

A innovación no eido farmacéutico

Fernández Ferreiro, do grupo FarmaCHUSLab do IDIS, é coordinador da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. Outorgáronlle o premio “polas súas achegas innovadoras no ámbito farmacéutico”. “Non é só un recoñecemento persoal, senón o reflexo do traballo en equipo, do esforzo conxunto e da dedicación de tantas persoas coas que tiven o privilexio de colaborar”, asegurou o premiado durante o acto de entrega dos galardóns, celebrados hai uns días no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Publicidade

No seu discurso, o investigador tamén enxalzou o traballo dos seus compañeiros de FarmaCHUSLab e da unidade que el mesmo coordina, así como ao IDIS e ao Hospital Clínico de Santiago. Destas dúas últimas institucións salientou que o seu apoio “foi clave” para desenvolver o seu labor investigador. Tamén adicou unhas palabras aos finalistas, poñendo en valor o seu “traballo, esforzo e dedicación”.

Tratamentos máis eficaces para enfermidades do corazón

O segundo premio na modalidade ‘Traxectorias Emerxentes’ recaeu en Alana Aragón Herrera, investigadora posdoutoral do grupo de Cardioloxía Celular e Molecular do IDIS. O premio foi outorgado “polas súas investigacións sobre as enfermidades cardiovasculares e metabólicas”. A científica incorporouse ao instituto compostelán en 2016 e nos últimos anos publicou 22 artigos científicos e participou en diversos proxectos de investigación financiados por distintas entidades, como o Instituto de Saúde Carlos III ou a farmacéutica Bayer.

Publicidade

“Este galardón supón unha motivación e un gran estímulo para continuar desempeñando o meu labor científico e investigar novas estratexias terapéuticas no contexto das enfermidades cardiovasculares. En concreto, a insuficiencia cardíaca con fracción de exección preservada, para a que non existe un tratamento eficaz”, expresou a premiada, quen tamén puxo en valor “a calidade científica” dos finalistas e adicou os seus agradecementos aos seus compañeiros de laboratorio, así como á investigadora principal do grupo, Francisca Lago Paz.

Finalistas de Galicia e Portugal

Ademais de Anxo Fernández e Alana Aragón Herrera, outros tres investigadores do IDIS foron finalistas nesta primeira edición dos Premios de Investigación en Saúde Transfronteirizos: Alberto Ouro Villasante, do grupo Neuroenvellecemento; Javier Conde Aranda, do grupo Gastroenteroloxía Molecular e Celular, e Juan Ruiz Bañobre, do grupo Oncoloxía Médica Traslacional, Oncomet.

Estes Premios de Investigación en Saúde enmárcanse no proxecto europeo de cooperación territorial Transfiresaúde, co que Galicia e o Norte de Portugal traballan na procura de solucións vinculadas ao envellecemento activo e para o impulso da medicina personalizada. Este proxecto conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros.

Na modalidade destinada á Rexión do Norte de Portugal valoráronse os Proxectos de Investigación e Talentos emerxentes, con aplicación nos coidados de saúde primarios. En Galicia, ademais da modalidade na que resultaron premiados os investigadores do IDIS, recoñeceuse como o mellor Proxecto de Investigación Sanitaria en Atención Primaria o de E-consulta avanzada de Cardioloxía, dirixido polo doutor Juanatey, do CHUS, e cuxo equipo de investigación está conformado polos doutores Juan José Sánchez Castro, Alejandro Virgós Lamela e María Pilar Mazón Ramos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Unha investigación galega abre unha nova vía para mellorar o diagnóstico de tumores en tecidos brandos

O equipo de Radioloxía do CHUS e do IDIS combina por primeira vez a elastografía e a microvascularización para coñecer mellor o comportamento biolóxico das lesións

O Álvaro Cunqueiro realiza o implante pioneiro dunha nova válvula para tratar a insuficiencia aórtica

O dispositivo está deseñado especificamente para o tratamento desta patoloxía e emprégase por primeira vez en España