As enfermidades do sistema circulatorio son as que máis mortes provocan entre as mulleres en Galicia. Un grupo no que se encadran doenzas cardiovasculares como as insuficiencias cardíacas e o infarto agudo de miocardio, no que tamén se observa unha diferenza por sexo nas defuncións: hai maior taxa de mortalidade en mulleres que en homes. Isto fai necesaria unha investigación que atenda as diferenzas entre sexos e, por iso, veñen de publicarse dous estudos elaborados por expertos da área sanitaria de Vigo. Un deles determina a fenda entre homes e mulleres, independentemente da idade, nos tempos de atención ante un infarto de miocardio. Elas tardan 23 minutos máis ca eles. A segunda investigación analiza as variables que afectan as posibilidades de sufrir enfermidades das arterias coronarias en mulleres novas.
Neste segundo artigo participa persoal do Instituto de Investigación Sanitaria de Galicia Sur (IISGS), do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e da Universidade de Vigo (UVigo), fai un seguimento dos casos de 52 mulleres de menos de 40 anos atendidas na área sanitaria de Vigo para analizar eses factores. O documento describe unha asociación entre a depresión, o índice Castelli —a relación entre colesterol total e HDL, o coñecido como colesterol bo— e un risco incrementado de eventos cardiovasculares adversos.
Tabaco, depresión, colesterol e factores xenéticos
Un dos investigadores participantes no informe é Pablo Juan Salvadores, coordinador técnico da Unidade de Investigación cardiovascular do IISGS, que fixo xa a súa tese sobre cardiopatía isquémica na poboación nova. “Agora centrámonos nas mulleres porque teñen uns factores de risco diferentes”, explica. “O que máis nos destacou foi que hai un alto número de mulleres que fuman que son as que presentan enfermidade coronaria, e hai un baixiño número de factores de risco que coñecemos como tradicionais, por exemplo, como hipertensión, diabetes, obesidade, consumo de drogas…”, argumenta, en relación a un primeiro evento de tipo cardiovascular.
As cousas cambian cando se fala dun segundo episodio. “Hai un risco elevado de volver a ter un evento coronario”, incide. Case un 21% destas mulleres, di, poden ter risco de volver a ter un episodio grave. “Aquí o que nos chamou a atención é que ten moito valor o índice de Castelli e tamén a depresión”, apunta. A prevalencia desta última é maior nas mulleres, sinala, o que debería ter un impacto na atención. “Entendemos que hai que prestarlle máis atención non só ao colesterol, senón tamén a outros factores que a veces non se teñen tanto en conta, como pode ser a saúde mental”, engade.
Que papel desenvolven os xenes?
Porén, hai un factor que destaca sobre o resto. “Vemos que moitas mulleres novas teñen antecedentes de presentar enfermidade cardiovascular; ou sexa, nós pensamos que hai algo máis para poder manifestala de forma tan temperá”, sostén. Este algo máis sería un elemento xenético, “que pode modificar ou aumentar os riscos de forma significativa”, máis aló de que outros factores como o sedentarismo poidan influír.
O estudo, no que colaboran o doutor Andrés Íñiguez, investigador principal da unidade do IISGS na que traballa Juan Salvadores, e Víctor Jiménez Díaz, director do grupo, fala tamén dun incremento de casos entre a xente nova. Malia que Juan Salvadores prefire non aventurar os motivos concretos deste aumento, si apunta á influencia dos cambios nos hábitos alimenticios e de factores como a obesidade, máis presente, a diabetes, que aparece a idades máis temperá, ou o consumo de tabaco, no que se está observando un aumento entre mulleres novas.
Pero volve á importancia da xenética. “En xente nova, a poboación asiática ten unha incidencia moito máis alta ca nós. En Europa, as mulleres están no 1% de prevalencia, en Asia pode ser ata de un 16%, en India, China, moito máis alto. Ou sexa, hai un factor xenético que inflúe moito máis na xente asiática”.
Diferenzas entre mulleres e homes
Cando se fala destas patoloxías, o sexo é clave á hora de recibir unha atención adecuada. María Generosa Crespo Leiro, cardióloga e xefa de sección de Insuficiencia cardíaca no servizo de cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), considera que “existen diferenzas biolóxicas obvias entre homes e mulleres que deben terse en conta para axudar no diagnóstico e tratamento”. En ocasións, explica, “minimizouse o risco das mulleres para padecer enfermidade cardíaca e sobreestimar o efecto protector das hormonas femininas na idade fértil”.
Crespo, quen tamén é profesora titular de Medicina na Universidade da Coruña (UDC), sinala que “os factores de risco cardiovasculares ‘tradicionais’ compórtanse de maneira diferente en homes e mulleres”. Por exemplo, as mulleres con diabetes ou fumadoras teñen un risco cardiovascular maior que os homes. “Os sinais de alarma e síntomas iniciais da enfermidade clínica poden diferir entre sexos. Así, hai atrasos no diagnostico en mulleres de patoloxías tan prevalentes e graves como o infarto, as arritmias ou a insuficiencia cardíaca e aplicación menos intensiva de certos tratamentos”, declara.
Juan Salvadores fai un inciso para lembrar que non se debe falar de síntomas atípicos en mulleres; se son síntomas propios de todo o sexo, dicir que son atípicos é caer na linguaxe sexista, propia dunha visión androcentrista. Así, cando se fala da sintomatoloxía no infarto agudo de miocardio, a manifestación máis habitual de enfermidades coronarias nos dous sexos, hai diferenzas. “É importante que a sociedade coñeza que os síntomas (nas mulleres) non só son dor de peito, ás veces hai falta de aire, molestias, incluso gástricas, mandibulares, sudoración… Hai moitos síntomas que se poden correlacionar co infarto”, explica.
Cada minuto conta
Juan Salvadores alude a outro artigo publicado este ano desde a Unidade de Investigación cardiovascular do IISGS onde destacan as diferenzas nos tempos de atención entre mulleres e homes ante un infarto de miocardio, independentemente da idade. “Vimos que as mulleres teñen retraso tanto en acudir ao médico como dentro do sistema sanitario”, resume. Entre os resultados do estudo: o tempo pasado desde o inicio dos síntomas ata a apertura da arteria foi de 197 minutos nos pacientes varóns, mentres que nas mulleres este alóngase aos 220 minutos. De aí a importancia de recoñecer a distinta sintomatoloxía, que permita identificar antes que está pasando e buscar atención médica.
“No infarto dise que cada minuto conta. A cada minuto que pasa estás perdendo miocardio, o músculo do corazón”, destaca o investigador. Se ben dentro do hospital os tempos xa están máis controlados, non se pode facer nada nese retraso en acudir ao centro. Aquí Juan Salvadores apunta a outros nesgos de xénero que poden influír, como a carga de coidados nas mulleres. “Responsabilidades que fan que teñan que pospoñer esa consulta médica ou o acudir a urxencias porque se están ocupando doutras cousas que poñen por riba, incluso, da saúde”, resume.
Máis mulleres nos ensaios clínicos
O descoñecemento da distinta sintomatoloxía ou da influencia dos factores de risco en enfermidades cardiovasculares ten a súa orixe nunha tradicional desigualdade na investigación entre mulleres e homes. Crespo Leiro establece distintas causas, como a infrarepresentación das mulleres nos ensaios clínicos. “Ás veces por asuncións erróneas de que os resultados en homes son extrapolables ás mulleres, cando existen diferenzas biolóxicas, metabólicas e/ou hormonais que poden causar diferenzas”, expón. Ademais, as mulleres en idade fértil poden excluírse dos estudos, ben polas posibilidades de quedar embarazadas ou pola lactación. “Por todo iso”, conclúe a doutora, “é importante concienciar sobre a importancia da saúde cardiovascular na muller e reducir os nesgos de xénero na investigación cardiovascular”.
Referencias:
- TCT-775 Behind the Heart of Women: Coronary Artery Disease in Very Young Women (Publicado en Journal of the American College of Cardiology)
- Sex differences in delay times in ST-segment elevation myocardial infarction: A cohort study (Publicado en Medicina Clínica)