Físicos discrepan da Sociedade Británica do Sono e defenden o cambio de hora no Reino Unido

O profesor da USC Jorge Mira expón a naturalidade e a utilidade de adaptar a vida social á luz diúrna do país anglosaxón

O cambio estacional de hora sincroniza o inicio da actividade humana co amencer, é dicir, permite que a xornada diaria bote a andar ao mesmo tempo que a luz diúrna. É así como a sociedade se adapta ao feito de que o intre da saída do sol vaia mudando ao longo de todo o ano. Acompasar o arranque do día co da luz natural facilita, por exemplo, que se poida gozar de máis ocio diúrno nas tardes estivais, cando os días son máis longos.

Dende esta perspectiva, os profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira Pérez, e da Universidade de Sevilla, José María Martín Olalla, expoñen, nun artigo publicado no Journal of Sleep Research, a naturalidade e a utilidade do cambio estacional de hora en resposta ao manifesto da British Sleep Society (BSS) que pide a súa retirada en Reino Unido e a adopción permanente do horario de inverno.

Publicidade

Os investigadores repasan a historia do cambio estacional de hora en Reino Unido destacando a súa aplicación case ininterrompida desde 1916, o que o converte nun caso óptimo para describir a aplicación do cambio de hora e os seus efectos. Sinalan que as mudanzas no horario proporcionaron durante máis dun século un experimento natural sobre a adaptación da xornada laboral ás estacións do ano, permitindo no verán o goce dunha hora máis de lecer diúrno durante a tarde.

Unha referencia social 

A partir de enquisas de emprego do tempo, os autores constataron que a aceptación colectiva do cambio de hora demóstrase no feito de que, en cen anos, a sociedade británica non eliminou esta mudanza horaria, nin a contrarrestou modificando, por exemplo, os seus horarios laborais dependendo das estacións.

Publicidade

En referencia a unha xornada laboral típica en Reino Unido, o estudo lembra que “dende 1916 a poboación británica preferiu un horario de 9 a 5 no inverno e de 8 a 4 no verán”, que logo de efectuar os correspondentes cambios de hora mantense constante nos reloxos (de 9 a 5) ao longo de todo o ano. Isto constitúe unha referencia social que permite aproveitar ao máximo as horas de sol, xa que fai que a actividade diaria camiñe da man da luz diúrna que nos meses de verán aparece antes. Os profesores Martín-Olalla e Mira resaltan que a función do cambio estacional da hora é adecuar a actividade laboral á luz matinal de cada estación.

Parecen cumprirse –engaden os autores– as predicións que facían hai máis dun século os propoñentes orixinais da práctica: a poboación agradece achegar o inicio da xornada laboral ao amencer e así poder gozar de maior lecer diúrno durante as tardes de verán.  “Se a poboación británica tivese percibido un desaliñamento crónico durante os meses da hora de verán, teríao contrarrestado modificando os seus hábitos”, explican.

Descartar un horario de verán permanente

Os profesores sinalan que a BSS subscribe o fundamento do cambio de hora no seu manifesto: a luz matinal desempeña un papel crucial na nosa activación diaria. A BSS resalta este papel no inverno para descartar un horario de verán permanente debido á escuridade matinal que, ao seu xuízo, causaría no inverno. O matiz que esquece a BSS e outras sociedades similares é que no verán amence máis cedo, o que fomenta o inicio máis temperán da actividade humana. “En Reino Unido, a hora do amencer no verán adiántase polo menos catro horas respecto á do inverno”, destacan.

Os autores rematan sinalando que na discusión actual sobre o cambio estacional da hora as sondaxes mostran unha maioría favorable á hora de verán respecto da hora de inverno. “É outro indicio de que a proposta estacional de 1916 continúa sendo aceptada no Reino Unido, tamén polas xeracións actuais. É como un clamor: encántannos os nosos horarios actuais no verán, por favor non os atrasen”, conclúen.   

1 comentario

  1. Defender, polo sr Mira, o horario de desfase galego de 2 horas, non se sostén. Dá unha explicación Mandril- céntrica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos