Un estudo cuestiona os riscos para a saúde atribuídos ao cambio horario

Investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla revisaron a literatura científica máis citada a este respecto

Os estudos científicos que cuestionan a viabilidade do cambio estacional de hora ao atribuírlle efectos nocivos na saúde humana poderían estar a xerar unha alarma innecesaria. Os investigadores da USC, Jorge Mira Pérez, e da Universidade de Sevilla, José María Martín Olalla, analizaron os 13 artigos máis citados neste campo, utilizados en informes de avaliación da Comisión Europea para cuestionar a viabilidade da práctica do cambio de hora, e concluíron que os seus resultados fundaméntanse en mostras analíticas insuficientes. Os profesores destacan que varios deses resultados alarmantes débense ao feito de atoparse sustentados en análises estatísticas con números de casos reducidos, o que fai aumentar a marxe de erro no resultado final.

En concreto, o artigo titulado ‘Sample size bias in the empirical assessment of the acute risks associated with daylight saving estafe transitions’, publicado na revista Chronobiology international, aborda a metodoloxía empregada en oito artigos que miden a influencia do cambio de hora en infartos de miocardio e en isquemias; e outros cinco traballos que o fan en base a datos de accidentes de tráfico e en admisións a urxencias por traumatismos. Os investigadores españois analizan a relación do risco estimado co número total de casos investigados e limitan a incidencia dos riscos asociados ao cambio de hora de primavera ao 5%, mentres que para o cambio de outono non detectan incrementos asociados.

Publicidade

“Os traballos que máis chaman a atención son os que maiores riscos reportan; observamos que son tamén os que se limitan a unha rexión máis concreta ou a un período de anos máis curto; cando se desconta o tamaño do estudo todos os resultados son compatibles cun incremento dos riscos do 5%, que se cualifica habitualmente como lixeiro”, explican os investigadores. Ademais, subliñan que o estudo dos riscos asociados ao cambio de hora é só unha parte do proceso de avaliación, o cal debería incluír tamén un estudo dos riscos vinculados con non practicar dita modificación horaria.

“Os traballos que máis chaman a atención son os que maiores riscos reportan; observamos que son os que se limitan a unha rexión máis concreta ou a un período de anos máis curto”

JORGE MIRA E JOSÉ MARÍA MARTÍN, responsables da investigación

“Hai países practicando o cambio estacional da hora dende hai máis de 100 anos sen sobresaltos, agora as técnicas estatísticas e a minuciosidade dos rexistros permiten afinar os cálculos e identificar impactos sociais e na saúde, que antes pasaban desapercibidos porque son pequenos en comparación cos múltiples factores que inflúen no problema”, sinala Jorge Mira. “Observamos que practicar o cambio de hora axudou a non adiantar os horarios no inverno, algo que se demanda por parte de profesionais da Medicina e especialistas en fisioloxía porque en si mesmo implica unha mellora en cuestións sociais e de saúde”, matiza Martín Olalla.

Publicidade

Hai tan só unhas semanas, os mesmos investigadores cuestionaron un manifesto da Sleep Research Society que pedía eliminar o cambio de hora en Estados Unidos e manter a hora de inverno. “Na nosa latitude seguiremos tendo amenceres temperáns no verán e tardíos no inverno; o cambio de hora é unha forma de ligar o inicio da xornada laboral co amencer”, sinala Mira. Pola súa banda, Martín Olalla destaca que “o cambio de hora é un pouco como o cambio de armario: molestias que traen as estacións á nosa latitude; para moitos non sería agradable calzar sandalias no inverno ou botas no verán”. Este traballo acaba de ser obxecto dunha recensión no marco dunha perspectiva publicada sobre a cuestión horaria polo boletín do Journal of the American Medical Association.


Referencia: Sample size bias in the empirical assessment of the acute risks associated with daylight saving estafe transitions (Publicado en Chronobiology international)

2 COMENTÁRIOS

  1. Xa sabemos o arianismo de Miras neste tema .
    ..
    Hai científicos pra todo . En todo caso Galiza tería que ter o horario de Portugal .

    España adoptou o horario de Alemaña por motivos políticos . Ou non ?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos