A síndrome de disfunción cognitiva canina (SDCC) é a enfermidade equivalente ao alzhéimer nos cans. Porén, debido á ausencia de linguaxe falada nas mascotas, o seu diagnóstico resulta complexo e a súa manifestación clínica é moi variada. Entre os signos máis frecuentes atópanse a desorientación —como non recoñecer o lugar no que están— ou a perda de hábitos hixiénicos. Nalgúns casos tamén aparecen medos e ansiedade asociados á soidade. “As relacións cambian: poden mostrarse máis cariñosos cos seus titores ou, se antes se levaban ben con todos os cans, agora volverse máis reticentes”, sinala Belén Larrán Franco, investigadora predoutoral do Instituto de Investigacións en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago (iTerra), distinguida co galardón J. Jerry Kaneko, que recoñece a mellor comunicación oral defendida por persoal investigador novo no XXII International Society for Animal Clinical Pathology Congress celebrado en Brasil.
A investigación de Larrán, ligada á Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, céntrase nas implicacións dos cambios nos minerais do cerebro dos cans que poderían favorecer a aparición da síndrome de disfunción cognitiva. Así, observou que os cerebros de cans con SDCC presentan menores concentracións de calcio, ferro, magnesio, manganeso e zinc. “Isto podería ser relevante porque os minerais participan en múltiples funcións normais do cerebro”, explica, aínda que subliña que é necesario continuar investigando para determinar se este factor contribúe á produción de encimas disfuncionais ou a un maior estrés oxidativo.
Similitudes cos humanos
“Os cans son os mellores modelos naturais da enfermidade do alzhéimer”, afirma a investigadora da USC, especialmente no caso de exemplares de idade avanzada. Isto débese a que outros animais de laboratorio, como ratas ou coellos, non desenvolven a enfermidade de forma natural, senón que é necesario inducila mediante modificacións xenéticas. Unha das razóns principais é que os cans levan moitos anos expostos ao mesmo ambiente ca os humanos, o que os converte nun modelo especialmente valioso para o estudo desta patoloxía.
A partir dos oito anos, os profesionais veterinarios recomendan iniciar revisións clínicas periódicas nos cans. A enfermidade progresa co envellecemento, podendo presentar distintos graos de disfunción cognitiva, desde formas leves ata casos máis severos. “A partir dos 15 anos, máis da metade dos cans sofren disfunción cognitiva”, sinala Belén Larrán. Esta é unha das principais similitudes cos humanos, xa que se trata dunha enfermidade neurodexenerativa máis frecuente en idades avanzadas.
Ademais, segundo a investigadora, existen múltiples cambios a nivel cerebral que son comúns en cans e humanos. Por exemplo, o beta-amiloide, un péptido asociado ao dano cerebral nas fases iniciais do alzhéimer, tamén está relacionado coa síndrome de disfunción cognitiva canina. Unha das hipóteses apunta a que esta podería representar unha fase inicial do alzhéimer nos cans, xa que a enfermidade non chega a desenvolverse completamente debido á súa menor esperanza de vida. Así mesmo, considérase que o estrés oxidativo xoga un papel relevante en ambas as patoloxías.
Observación de cerebros
A metodoloxía da investigación de Belén Larrán baseouse na análise comparativa de cerebros de cans sans e de cans con disfunción cognitiva. No caso destes últimos, mentres estaban vivos eran atendidos en consultas especializadas da USC e de Zaragoza. Tras o seu falecemento, os seus titores decidiron doar os cerebros para contribuír ao estudo da enfermidade. A partir destas mostras, o equipo centrouse nas rexións cerebrais máis afectadas pola SDCC —a cortiza prefrontal, temporal, occipital e parietal— e analizou a concentración de distintos minerais presentes nelas. En total, examináronse 15 cerebros de cans cun envellecemento saudable e 24 de animais diagnosticados con síndrome de disfunción cognitiva.

Diagnóstico precoz como tratamento
“Non existe un tratamento estrela para a SDCC, igual que ocorre co alzhéimer”, explica Belén Larrán. Por iso, a mellor estratexia é lograr un diagnóstico o máis precoz posible para aplicar canto antes as terapias máis eficaces. “Todo o que se fai ten como obxectivo retardar a progresión da enfermidade”, engade. Con todo, os síntomas varían dun individuo a outro e, en consecuencia, tamén os tratamentos. A investigadora sinala que, por exemplo, se algúns cans desenvolven medo ou ansiedade, a intervención debe centrarse neses aspectos. Se o problema está relacionado co estrés oxidativo, poden adaptarse dietas ricas en antioxidantes e ácidos graxos omega-3. No caso de que os minerais teñan un papel relevante, a resposta tamén podería orientarse nesa dirección, incorporando nutrientes como o zinc ou o manganeso. O resultado son tratamentos personalizados, axustados ás necesidades de cada animal.

“As rutinas son moi beneficiosas pero, sobre todo nestes casos, deben ser constantes e ben marcadas”, sinala. O exercicio moderado, o tempo de calidade cos titores e a estimulación mental —como a busca de premios— son actividades que contribúen positivamente ao seu benestar e rendemento cognitivo.
Estudos futuros
Tras completar a análise dos minerais en cerebros con disfunción cognitiva, o equipo de Belén Larrán centra agora os seus esforzos en avanzar cara a un diagnóstico máis temperán. Para iso, buscan cans maiores de oito anos en Vigo, Ferrol, A Coruña e proximamente en Lugo cos que poder traballar mediante analíticas sanguíneas, co obxectivo de detectar indicios da enfermidade e actuar canto antes. Un dos principais retos é que o diagnóstico require descartar previamente outras patoloxías que poden presentar síntomas similares, o que complica o proceso. “Xa estudamos o cerebro; agora queremos analizar o animal vivo para comprender que lle está a ocorrer”, conclúe Belén Larrán Franco.















Olá¡
Desexaría contactar con Belén Barrán sobre este tema, xa q o meu can, penso que ten este problema, eu son de Vigo e podo colaborar neste estudio.
Saudos
Manuel
Bo día Manuel. Creo que xa entramos en contacto, pero, no caso de que non, podes escribirme a belen.larran.franco@usc.es
Calquera can de máis de oito anos é máis que benvido a participar no proxecto, tanto se pensamos que está perfecto como se sospeitamos dalgún cambio de comportamento.
Moitas grazas por querer participar, e esperamos poder axudarvos!