Os gatos con demencia, unha nova fiestra ao estudo do alzhéimer en humanos

Un estudo revela que os felinos desenvolven cambios cerebrais similares aos das persoas, o que os converte en modelos naturais prometedores para a investigación da enfermidade neurodexenerativa

Científicos da Universidade de Edimburgo veñen de descubrir unha acumulación da proteína tóxica beta-amiloide nos cerebros dos gatos que padecen demencia, unha das características que definen a enfermidade de alzhéimer. Segundo os expertos, os achados ofrecen unha imaxe máis clara de como a beta-amiloide pode provocar disfuncións cerebrais relacionadas coa idade e a perda de memoria nos gatos.

Moitos destes felinos de idade avanzada desenvolven demencia, o que provoca cambios de comportamento como un aumento do miaño, a confusión e os trastornos de sono, síntomas similares aos que se observan nas persoas con alzhéimer.

Publicidade

A metodoloxía consistiu en examinar os cerebros de 25 gatos de distintas idades tras o seu falecemento, incluídos os que presentaban signos de demencia. Así, unhas potentes imaxes microscópicas revelaron unha acumulación de beta-amiloide nas sinapses, as conexións entre células cerebrais, dos gatos maiores e con demencia.

Semellanzas entre humanos e felinos

As sinapses permiten o fluxo de mensaxes entre as células cerebrais e son vitais para o bo funcionamento do cerebro. A súa perda predí unha diminución da memoria e o pensamento nos pacientes de alzhéimer.

Publicidade

O equipo de investigadores tamén atopou probas de que os astrocitos e a microglía, células de apoio do cerebro, engulían as sinapses afectadas. Este proceso, denominado poda sináptica, é importante durante o desenvolvemento do cerebro, pero pode contribuír á perda de sinapse na demencia.

Segundo os expertos, estes achados non só axudarán a comprender e tratar a demencia nos gatos, senón que, dadas as súas semellanzas, tamén poderían contribuír ao desenvolvemento de futuros tratamentos para os enfermos de alzhéimer.

Avances no coñecemento

No pasado, os científicos que estudaban esta enfermidade neurodexenerativa recorrían en gran medida a modelos de roedores modificados xeneticamente. Estes animais non desenvolven demencia de xeito natural, polo que o estudo con gatos con demencia ten o potencial de facer avanzar os coñecementos e axudar a desenvolver solucións tanto para os gatos como para as persoas, segundo aseguran no estudo.

O doutor Robert McGeachan, líder da investigación, explica: “A demencia é unha enfermidade devastadora, tanto se afecta a humanos, gatos ou cans”. Así, os seus achados abren a porta a explorar se novos tratamentos prometedores para a alzheímer en humanos poderían axudar tamén ás mascotas a envellecer.

Xa que os gatos desenvolven a enfermidade de forma natural, tamén poden ofrecer un modelo máis preciso da doenza que os animais de laboratorio tradicionais, o que beneficiaría a ambas as especies e aos seus coidadores.


Referencia: Amyloid‐Beta Pathology Increases Synaptic Engulfment by Glia in Feline Cognitive Dysfunction Syndrome: A Naturally Occurring Model of Alzheimer\’s Disease (Publicado en European Journal of Neuroscience)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas