Os procesos diagnósticos das enfermidades neurodexenerativas poden ser moi longos. En ocasións, poden tardar seis, nove, doce meses. Por iso, calquera ferramenta que poida axudar na súa detección pode ser a clave para tratar, da forma máis temperá posible, unha persoa afectada. Neurocloud é unha innovadora plataforma galega que pretende mellorar este proceso e que recentemente gañou o Premio e-Inclusión do Colexio Profesional en Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Neurocloud aloxa algoritmos de posprocesamento que se utilizan para a obtención de biomarcadores en imaxe. A ferramenta procesa de forma automática neuroimaxes e identifica zonas anormais do cerebro, en función do tipo de escaner feito e das análises que se realicen.
Os datos que obtén permiten axilizar as tradicionais fórmulas de revisar estes procesos. Aínda así, é algo complementario, polo que o médico sempre ten que facer unha revisión dos resultados (aínda que xa é un traballo menos manual). A maiores, a plataforma proporciona información sobre biomarcadores e outro tipo de cálculos máis exactos que un equipo médico non pode facer visualmente. O procesamento destas neuroimaxes fano útil, por exemplo, en enfermidades neurodexenerativas como demencias, alzhéimer e párkinson. Pero tamén noutras que simplemente son neurolóxicas, como a epilepsia.
Unha spin-off do IDIS
“A singularidade de Neurocloud é que non hai moitas plataformas que realicen análises estruturais ou funcionais coma o noso”, explica Daniel Fernández, director executivo de Qubiotech, que é a empresa galega detrás desta ferramenta. Iso si, subliña que hai outros axentes e outras aplicacións no sector. “Pero a maior parte dos competidores están enfocados nas imaxes de radioloxía porque son as máis comúns”, destaca.
A empresa naceu a finais de 2014 como unha spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Concretamente, do grupo de Imaxe Molecular do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Para Fernández é “un exemplo de como a investigación básica pode dar lugar a produtos que se venden xa non só en España senón noutros países da Unión Europea”, explica Fernández.
Premio e-Inclusión do CPEIG
A ferramenta xa se usa en 40 centros de España, Portugal e Italia. Nos próximos anos busca continuar a súa expansión coa obtención do certificado Food and Drug Administration (FDA) dos Estados Unidos. Polo momento, xa realizaron máis de 20.000 análises con resultados satisfactorios. Iso si, a empresa adapta a súa tecnoloxía segundo as necesidades do centro para integrala da mellor forma no fluxo de traballo clínico. Segundo a aplicación recibe a imaxe, a plataforma crea un informe obxectivo en apenas minutos.
Desde a empresa tamén destacan que non só é importante para o diagnóstico temperá das enfermidades. A plataforma tamén xera unha base de datos estruturada, que pode ser útil para cruzalas con outras fontes do sistema de saúde e cos modelos de predición.
O proxecto galego gañou o Premio e-Inclusión da XVII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2025 do CPEIG. Segundo a organización, “trátase dunha solución innovadora que achega o diagnóstico neurolóxico a hospitais e centros sanitarios de toda España”. Ademais, destacan que a tecnoloxía pode contribuír a unha maior equidade no acceso aos servizos sanitarios especializados.
Unha enfermidade cada vez máis común
Neurocloud tamén segue a traballar en novos programas de innovación, con estudos clínicos colaborativos con universidades e centros de investigación de diversos lugares do mundo. Por exemplo, buscan desenvolver novos biomarcadores para a detección precoz da deterioración cognitiva leve. Tamén algoritmos de predición para esas enfermidades que son neurodexenerativas e a extensión a outras patoloxías cerebrais como poden ser tumores.
As enfermidades neurodexenerativas están moi presentes na sociedade galega. As estimacións din que poden afectar a máis de 70.000 galegos. Este número pode aumentar de forma exponencial co paso dos anos. Especialmente ante unha poboación avellentada e coa previsión de que o número de persoas con demencia no mundo se triplique en apenas 25 anos.
A mellora na investigación de biomarcadores xa axuda a recoñecer antes a chegada destas enfermidades. Por exemplo, hai apenas unhas semanas o Instituto de Bioenxeñaría de Cataluña e a Universidade de Barcelona achou un novo biomarcador para detectar o alzhéimer en casos asintomáticos. Algo moi importante xa que un tratamento temperán pode axudar a atrasar o avance destas enfermidades e mellorar a calidade de vida a longo prazo. A chegada destas novas investigacións únese á aplicación de plataformas tecnolóxicas que reducen os tempos de diagnóstico. “É un beneficio para o sistema de saúde e o paciente” afirma Fernández.













