Cal é a conexión entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia? Esta é a pregunta que tratan de resolver o investigador Xulio Sousa do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago (USC) e as profesoras da Facultade de Matemáticas María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras, tamén adscritas ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). Segundo o seu último estudo, publicado na revista Names: A Journal of Onomastics, a comunidade consta de cinco grandes rexións onomásticas que presentan grandes similitudes coa distribución das variedades léxicas do galego e cos límites históricos das dioceses católicas.
O traballo parte da análise da frecuencia e distribución territorial de 6.150 apelidos seleccionados a partir do censo de Galicia de 2011, co obxectivo de identificar rexións onomásticas que permitan comprender os vínculos entre a poboación actual e procesos históricos pasados. Na investigación aplicouse o exame da isonimia da poboación galega —a frecuencia de repetición dos apelidos— combinado con métodos de análise estatística multivariante e agrupamento xerárquico.
Notable homoxeneidade
Os resultados do estudo destacan o alto índice isonímico da poboación galega, é dicir, a notable homoxeneidade na distribución dos apelidos. Este fenómeno explícase, en parte, por unha combinación de factores históricos: a escasa inmigración externa durante séculos, unha industrialización e urbanización tardías, e unha tradición rural fortemente arraigada. A investigación confirma que Galicia mantivo unha notable estabilidade demográfica ao longo do tempo. Ata ben entrado o século XX, máis do 60% da poboación vivía en aldeas de menos de 1.000 habitantes, un dato excepcional mesmo dentro de España. A dispersión de poboación favoreceu unha menor mobilidade e unha transmisión moi localizada dos apelidos.


Para lograr unha cartografía onomástica realmente significativa, o equipo aplicou tres filtros cruciais ao conxunto dos datos: non se consideraron os apelidos máis comúns —como Rodríguez, González e Fernández—, descartáronse os que só aparecían nun municipio ou eran de orixe estranxeira e excluíronse os apelidos de persoas nacidas despois de 1965. Este último criterio buscaba atenuar o efecto de distorsión do proceso de urbanización, acelerado especialmente a partir dos anos sesenta do século pasado. Por outra parte, cómpre destacar a alta porcentaxe de apelidos de Galicia que teñen orixe en nomes de lugar.
Cinco grandes rexións de apelidos
Os autores estableceron cinco grandes rexións onomásticas en Galicia cuns límites que presentan similitudes sorprendentes con outras formas de organización territorial: a distribución de variedades léxicas do galego e os límites históricos das dioceses católicas.
Ao comparar mapas onomásticos e léxicos, xorden similitudes sorprendentes: áreas que comparten unha certa homoxeneidade en apelidos tamén tenden a agruparse lingüisticamente. Por outra banda, descóbrese unha correspondencia significativa entre as cinco rexións onomásticas e as seis dioceses católicas históricas que aínda organizan a Galicia actual. Algunhas, como a de Mondoñedo-Ferrol, mostran unha notable coincidencia territorial cun dos clústeres de apelidos identificados. Estes resultados convidan a pensar que a antiga estrutura eclesiástica —herdeira de divisións romanas e consolidada na Idade Media— actuou como unha forza organizativa profunda nas comunidades rurais galegas.
Os autores apuntan que estas coincidencias se deben interpretar con cautela, aínda que “son un estímulo para abrir a porta a novas liñas de investigación en lingüística, historia, xenética e antropoloxía, e consolida o papel da onomástica como disciplina clave para entender a complexidade do ser humano e as súas comunidades a través do tempo”. Máis aló do caso galego, indican, o estudo reafirma o valor dos apelidos como ferramentas para entender o pasado “xa que os apelidos non só reflicten dinámicas das poboacións, senón tamén estruturas sociais, relacións culturais e variantes lingüísticas”.
Rerefencia: Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History (Publicado en Names: A Journal of Onomastics)















O mapa da dereita non se ve