Sobrevivirías se caese unha bomba atómica no teu concello? Compróbao neste mapa

Unha ferramenta interactiva mide as devastadoras consecuencias dunha explosión nuclear como a de Hiroshima e Nagasaki en función da localización

A tensión en Oriente Próximo escalou esta fin de semana á súa máxima expresión. Estados Unidos bombardeou tres instalacións nucleares en Irán. Este suceso coincide co 80 aniversario dos que, ata o de agora, son os únicos ataques atómicos da historia: o bombardeo nuclear sobre as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki na recta final da Segunda Guerra Mundial. Co obxectivo de concienciar sobre os riscos e os perigos destas armas, a Fundación Outrider deseñou un mapa interactivo para que comprobes, de forma tan sinxela como dinámica, cales serían as consecuencias se unha bomba nuclear caese no teu concello. Atréveste a comprobalo?

A redacción de GCiencia probou a ferramenta con Santiago de Compostela. Se unha “Little Boy” —a bomba que lanzou Estados Unidos sobre Hiroshima— caese sobre a capital galega morrerían 32.251 persoas e 29.404 resultarían feridas. Un dos axentes máis mortíferos sería a bóla de lume resultante do impacto sobre a superficie da cidade. Cunha temperatura 10.000 veces superior á superficie do sol, calquera obxecto ou persoa que estean dentro da bóla de lume vaporizaríanse ao instante.

Publicidade

Outro dos elementos máis perigosos sería a calor liberada pola bomba. “Calquera persoa dentro dun radio de 8,72 kilómetros cadrados sufriría queimaduras de terceiro grao graves ou fatais”, sinalan dende a Fundación Outrider. Así é que a madeira, a roupa, o papel e os plásticos incendiaríanse ao instante e incluso fóra dese radio a calor sería tan intensa que habería risco de sufrir queimaduras de primeiro e segundo grao.

A onda de choque é outro dos elementos centrais da explosión. “Unha forza destrutiva invisible”, especifican os creadores do mapa. Este suceso viría acompañado de ventos furacanados e, como consecuencia, derrubamentos de edificios. Malia que os humanos poden aguantar presións e ventos fortes, tanto os escombros como a caída das estruturas poría en serio perigo moitas vidas humanas.

Publicidade

A cuarta pata sería a radiación, ben coñecida debido ás consecuencias que deixou nas poboacións de Hiroshima e Nagasaki. Os materiais nucleares emitirían unha explosión de radios gamma e neutróns que danan o corpo humano e provocan “intoxicación aguda”. “Os que sobrevivan á calor e á onda expansiva, entre o 50% e o 90%, morrerán dolorosamente por envelenamento por radiación en cuestión de horas ou semanas. As vítimas experimentarían síntomas como náuseas e fatiga”, sinalan.

Con todo, a radiación non só afectaría a quen se atopase preto do radio de acción da bomba nuclear. O vento pode transportar os residuos atómicos a longas distancias e permanecer, a través da chuvia, durante décadas. Os cultivos absorben a radiación e quen os consomen, incluído o gando, notarán as consecuencias. O hipotiroidismo, o cancro e o lento crecemento óseo dos nenos son algunhas das secuelas desta exposición involuntaria.

E as outras cidades galegas?

Este sería o escenario para Santiago, mais outras cidades galegas non distarían das consecuencias da capital. A que máis falecidos rexistraría sería A Coruña, con 41.121 e 53.307 feridos. Seguiríaa Ourense, con 34.771 persoas mortas e 38.442 con secuelas. Despois estaría Santiago. Pontevedra notificaría 28.113 decesos fronte a 20.952 feridos. Despois estaría Vigo, con 24.112 falecementos e 48.020 lesionados. A sexta máis afectada sería Lugo, con 23.849 e 27.189. Finalmente Ferrol, con 18.540 mortes e 26.087 feridos.

Amais de cambiar a localización onde cae a bomba, tamén podes personalizar o tipo de arma nuclear. Como modelo emprégase a Little Boy, pero tamén están dispoñibles outras aínda máis potentes, como a de Corea do Norte, a da URSS e a Minuteman III de Estados Unidos. Así mesmo, podes decidir se a bomba cae no chan, cun impacto e radiación maiores; ou ben se explota no aire e afecta a unha área máis extensa. Agora tócache a ti.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Entre latas e puñais: a arqueoloxía revela a vida dos estraperlistas de volframio en Valdeorras

Un equipo de arqueólogos de Sputnik Labrego escava varias construcións preto da mina de Valborraz asociadas co comercio ilegal dun mineral clave na Segunda Guerra Mundial

Do lume ao abandono: a situación límite da mina galega de volframio controlada polos nazis

Unha campaña de recadación de fondos busca protexer a antiga explotación de Casaio tras o grave impacto dos incendios de agosto

Manuel, Celso e Abel: os galegos que loitaron con EEUU na Segunda Guerra Mundial

O profesor da USC Javier Fernández Castroagudín participa en tres estudos que poñen o foco en emigrantes galegos que combateron no conflito internacional dende América

Pódcast | Os recrutados galegos da Segunda Guerra Mundial 

A meirante parte dos emigrantes da península que formaron parte das forzas armadas de Estados Unidos eran de Galicia