Unha nena de 10 anos acompaña o seu pai aos montes de Casaio. É de noite e achéganse ás vetas de seixo para extraer ilegalmente o volframio. Unha vez realizada a ardua tarefa, retíranse a unha chabola na que sobreviven os meses de outono e inverno en precarias condicións. Este relato está baseado nunha historia real e rescatada por Sputnik Labrego, un equipo de arqueólogos que escavou varios campamentos estraperlistas daa Valdeorras da posguerra. Aínda que hoxe só quedan os restos daquelas fráxiles construcións, os obxectos atopados no seu interior e nos arredores permiten reconstruír a memoria dos labregos que recorreron ao comercio ilegal do volframio para conseguir cartos e combater a fame.
O equipo dirixido por Carlos Tejerizo xa documentou varios campamentos que están compostos, á súa vez, por catro ou cinco construcións. Nelas habitaban de forma temporal tanto familias labregas da contorna como outros grupos, todos eles dedicados á extracción ilegal do volframio. “Escavamos varias chozas e documentamos a precariedade de vida dos estraperlistas. Atopamos varias latas de comida e un puñal, que materializa o contexto de violencia no que vivían”, sinala Tejerizo, presidente da Asociación Científica Sputnik Labrego. Xa non só pola persecución da Garda Civil, senón polo conflito entre os grupos de comerciantes ilegais, que loitaban por conseguir a mellor veta e extraer a maior cantidade de volframio posible.
Un contexto de violencia
“Había moita competencia entre eles. Sempre o comparamos co ambiente do Far West americano”, apunta Tejerizo. En Valdeorras houbo naquela altura unha verdadeira febre polo ouro negro. O volframio foi un mineral moi cobizado nos grandes conflitos bélicos do segundo terzo do século XX. De feito, a mina de Valborraz estivo controlada polos nazis. Pese a ese contexto de violencia no que parecían vivir os estraperlistas, que tan só habitaban os campamentos dos montes de Casaio de forma temporal, Tejerizo cre que tamén houbo espazo para a solidariedade. “Os anos corenta e cincuenta foron moi complicados, sobre todo para as familias labregas do interior de Galicia. Empregaron todos os recursos que tiñan para saír adiante”, apunta.
Precarias construcións (e condicións)
Sputnik Labrego bota man da arqueoloxía para documentar contextos nos que faltan testemuños escritos, como o estraperlo do volframio. “Son chozas de catro pedras, máis ou menos ben colocadas. Non vivían sempre alí, pero facían todo o posible para que fose un espazo cómodo. Aínda que tiñan ventás de madeira, a precariedade destas construcións é clarísima”, sostén Tejerizo. Estas chabolas representaban unha alternativa económica que lles permitía gañar nun par de meses o mesmo que lograban nun ano traballando no campo. Malia que a consideraban unha opción complementaria de vida, a análise do arqueólogo é contundente: “Querían saír da precariedade, pero o único que conseguían era trasladala dun lado a outro”.
Para reconstruír a memoria das familias que se dedicaban ao estraperlo, Sputnik Labrego realizou entrevistas a persoas anciás da zona. Unha delas lembra como sendo unha nena de tan só 10 anos acompañaba o seu pai os montes de Casaio para extraer o volframio, ata que un día lle pediu que non fose con el pola violencia que rodeaba o estraperlo. “A maioría das entrevistas que fixemos foron a mulleres que ían polo mineral, ben de noite, ben vivindo nas cabanas. Este traballo permitiunos documentar unha distribución de tarefas moi específica: as mulleres levaban cestas e eran as que recollían o volframio cando caía das vetas”, sinala o director do equipo. A memoria desta época aínda sobrevive, incluso no inmaterial. De feito, o equipo xa rexistrou algunha canción vinculada ao estraperlo do volframio.
As ocultas redes comerciais
O aspecto que non logran descifrar os arqueólogos de Spunik Labrego é o camiño posterior do mineral. É dicir, que acontecía con el unha vez que era extraído ilegalmente. “É moi difícil rastrexar as redes de venda ilegal porque non temos evidencias e a xente é moi reservada; non adoita falar do tema”, di Tejerizo, en alusión ás entrevistas realizadas na zona de Valdeorras ao abeiro da investigación. O que si logran documentar é a precariedade das construcións, o modo de vida e as rutinas das familias que ían vivir aos montes de Casaio buscando unha alternativa económica, aínda que fose ilegal.
Un período breve pero intenso
Non obstante, o estraperlo do volframio en Valdeorras foi tan breve como a vida das minas dos arredores. Sputnik Labrego atopou unha moeda do ano 1952 que coincide co último momento de extracción do mineral na zona, probablemente vinculado á Guerra de Corea. Pero nesa década o uso do volframio caeu drasticamente, as minas deixaron de funcionar e, polo tanto, tamén o comercio ilegal. Esgotouse así unha vía alternativa para conseguir rédito económico. E aínda que foi un breve período de tempo, foi intenso e deixou unha profunda pegada na zona.

Receita contra o esquecemento
Para evitar o esquecemento, o equipo de Sputnik Labrego bota man da arqueoloxía. Non só están a rescatar a memoria dos campamentos estraperlistas, senón que tamén están a escavar a mina de Valborraz de documentaron a Cidade da Selva, o refuxio dos guerrilleiros antifranquistas nos montes de Casaio. Eles tamén participaron nesta guerra do volframio, dado que baixaban ás minas e trataban de bloquear o seu comercio.
Tejerizo reclama a consideración da mina de Valborraz e da súa contorna como “un escenario máis da Segunda Guerra Mundial”. O arqueólogo quere que se poña en valor o potencial estratéxico que tivo a explotación de volframio na comarca de Valdeorras durante a posguerra. E, sobre todo, que non caia no esquecemento a importancia histórica desta área do interior de Galicia. Cre que o rescate da súa memoria serve para combater os estereotipos e a idea de que esta zona estivo illada cando, en realidade, estivo directamente conectada cun dos acontecementos clave da historia recente. A arqueoloxía consegue que os ecos que aínda resoan entre os muros dos campamentos non se apaguen.

















Fantástica investigación a dos SPUTNIK, e que complementa outra realoizada por eles mesmo, a da CIUDAD DE LA SELVA, publicada en Edicións Positivas.