Mércores 21 Xaneiro 2026

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e dos que apenas existen exemplos conservados no continente

O aproveitamento da cera de abella foi unha actividade historicamente relevante nas áreas rurais. Debido a isto, consérvanse na actualidade diversos restos patrimoniais vinculados co prensado deste produto, entre os que destacan os lagares de cera de prensa de viga. Un novo artigo identifica 14 deles en áreas rurais do noroeste de España e da rexión norte de Portugal, xunto con exemplos de eiras de cera. No estudo constátase que é un patrimonio singular do que apenas existen exemplos conservados noutras partes de Europa

O traballo publicado en ERPH_revista electrónica de patrimonio histórico asínano o profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago (USC), Damián Copena; a investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, tamén da USC, Mariam Ferreira Golpe; e o investigador independente Diego Copena Rodríguez. O estudo profunda en como a apicultura, que foi declarada en 2025 polo Consello de Ministros manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial, ten como elementos singulares os lagares de cera para o prensado do produto das abellas, existindo tamén infraestruturas de branqueo da cera de abella. 

O traballo de campo realizado amosa varias boas prácticas na conservación e posta en valor deste patrimonio como o caso do centro de interpretación desenvolvido pola comunidade de montes de Paraños (O Covelo) ou o impulsado na freguesía de Felgueiras (Torre de Moncorvo, Portugal). Pola contra, tamén se mostra como unha parte significativa dos lagares identificados conta cun estado deficiente de conservación.

Nesta cuestión o estudo conclúe que resulta necesario realizar por parte dos axentes implicados —administracións públicas, universidades, centros de investigación, ou entidades apícolas, entre outros— “un  esforzo para tratar de  identificar posibles novos lagares de cera de prensa de viga e restaurar, conservar e protexer os que xa están identificados”, sinalan dende o equipo investigador do Campus Terra da USC.

Publicidade

Metodoloxía

A consulta das fontes documentais xunto aos testemuños orais recollidos permitiu seguir pistas de lagares de cera de prensa de viga, o que propiciou a localización dalgúns exemplos de prensas de cera de abella en diferente estado de conservación. Para a súa análise realizouse un pioneiro traballo de campo sobre o patrimonio apícola cereiro no territorio estudado.

“No proceso investigador, tratouse de realizar unha visita a cada elemento identificado, algo que foi posible na maior parte das ocasións. Nestas visitas fíxose unha caracterización do elemento patrimonial tomando as principais medidas dos elementos que o conforman, realizando fotografías e vídeos e recompilando toda a información dispoñible sobre o mesmo”, explican. Todo o traballo realizado permitiu a creación dunha base de datos orixinal e única que conta con diversa información sobre os elementos do patrimonio do prensado e branqueo de cera de abella que se lograron identificar. 

Localización xeográfica dos lagares de cera de prensa de viga identificados. No lugar de Sagallos represéntase cun só punto os dous lagares analizados.
Localización xeográfica dos lagares de cera de prensa de viga identificados. No lugar de Sagallos represéntase cun só punto os dous lagares analizados.

A información recompilada permitiu realizar unha tipoloxía con dúas clases principais para este tipo de instalacións. En primeiro lugar, atópanse os lagares de cera de gran tamaño que se localizan nunha edificación propia e específica para o desenvolvemento desta actividade e que posúen unha viga dunha elevada lonxitude que, nos casos coñecidos, é de carballo, freixo ou olmo. Algúns exemplos dentro desta categoría serían os lagares de Paraños, Robledo, Torre de Moncorvo, Forcarei ou Lamosa. Así, os máis grandes identificados na área de estudo contan con vigas duns oito metros como ocorre nos de Sagallos, ou de entre seis e sete no caso dos do Covelo. Estes grandes lagares teñen unha edificación propia que pode ser de ao redor de 50 m², como ocorre, por exemplo, cun dos lagares de Sagallos, que ten 12 metros de longo por 4 de ancho. 

A outra modalidade de lagares de cera que se identifica nos exemplos localizados vincúlase con instalacións de menor tamaño que non adoitan contar cunha edificación propia. Nesta clase de lagares poden existir algúns elementos móbiles, o que permite unha menor ocupación e unha adaptación ao espazo dispoñible en función das necesidades de uso. Como exemplos, cómpre sinalar lagares como o de Sober, o do Incio ou o de Penafiel en Portugal. Estas lonxitudes de vigas son bastante menores. Por exemplo, o lagar de Noceda ten 5,8 metros, o de Felgueiras 4,5 e o de Sober 3,22. 

Edificación do lagar de cera de prensa de viga de Lamosa (O Covelo).
Edificación do lagar de cera de prensa de viga de Lamosa (O Covelo).

Coñecemento tradicional

O estudo evidencia a existencia dun rico patrimonio inmaterial vinculado con esta actividade económica. “Certamente, ao redor do patrimonio apícola de prensado de cera atópase asociado un importante coñecemento tradicional vinculado co manexo das infraestruturas ligadas ao oficio do prensado e de branqueo da cera de abella”, conclúen dende o equipo investigador. 


Referencia: Patrimonio industrial apícola cerero en el noroeste peninsular: los lagares de cera de prensa de viga (Publicado en ERPH_revista electrónica de patrimonio histórico)

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A árnica mostra unha elevada diferenciación na península ibérica fronte ás poboacións europeas

Un equipo da USC revela as singularidades da planta medicinal e advirte da súa delicada situación polo seu uso continuado en farmacia e cosmética

Un investigador galego explora novas vías para frear futuras pandemias

O científico da USC José Manuel Miranda López participou nun estudo que obtivo resultados moi prometedores, sobre todo para o SARS-CoV-2

Carracha, chinche ou mosquito? Aprende a identificar a picadura de cada becho

Dende a inchazón leve da picada dunha abella a pequenas manchas vermellas en nocellos e pernas causadas por pulgas

Así se modernizaron as colmeas empregadas en apicultura durante os últimos séculos

O manexo das abellas por parte dos seres humanos experimentou importantes transformacións que se iniciaron arredor de 1850