Do residuo ao tratamento: ingredientes contra doenzas animais a partir do bagazo de uva Albariño

Un proxecto europeo coordinado pola USC transforma 20 toneladas de residuos do viño en máis de 15.000 litros de extractos en diferentes formulacións

Ingredientes sólidos para pensos, aerosois tópicos e sistemas líquidos para a acuicultura. Estes son algúns dos produtos que xurdiron tras a transformación de bagazo de uva Albariño en diferentes tipos de extractos para o tratamento de enfermidades infecciosas en animais. Este foi o principal obxectivo do proxecto europeo NeoGiANT coordinado pola Universidade de Santiago (USC) e que celebrou esta semana a súa asemblea final. Para a elaboración dos produtos escolleron residuos da produción de viños brancos de alta calidade que aínda conservaban unha importante carga dos compostos bioactivos orixinalmente presentes na uva. Lograron transformar 20 toneladas de bagazo en máis de 15.000 litros de extractos nas súas diferentes formulacións.

Entre os novos produtos tamén hai preparacións intramamarias, e prototipos compatibles con diluentes de seme. Todos foron validados a escala preindustrial, o que supuxo, por exemplo, a produción de 2.000 xiringas intramamarias para o tratamento da mastite bovina; máis de 1.500 quilos de penso para a alimentación de leitóns e avaliación do seu efecto na diarrea posdestete; 600 quilos de penso para alimentar 24.000 troitas arcoiris; e diluentes de seme para grandes granxas de esturión ou reprodución porcina a grande escala.

Publicidade

Gandería e acuicultura

Como explica a investigadora principal do proxecto, Marta Lores: “Estas novas formulacións permiten controlar un bo número de enfermidades infecciosas de grande importancia na produción animal, tanto en gandería —bovina, porcina e avícola— como en acuicultura, pero non só para evitar o crecemento de microorganismos, senón para mellorar a saúde e o benestar dos animais, aumentando así ademais a rendibilidade das instalacións gandeiras e das piscifactorías”. En definitiva, os resultados do proxecto indican que as propiedades dos extractos naturais, baseadas nos polifenois bioactivos da uva Albariño proporcionarán protección antimicrobiana e antioxidante aos animais, mellorando o seu benestar e rendemento e actuando como terapias preventivas.

Estes desenvolvementos foron difundidos en diversos foros e reunións internacionais, e deron lugar a numerosas publicacións científicas e a varias patentes actualmente en tramitación. Entre os resultados acadados destaca a redacción e publicación a través do Comité Europeo de Normalización (CEN) da norma CWA 18342:2026, que proporciona directrices harmonizadas para a avaliación dos antioxidantes en extractos de bagazo de uva branca. Tamén establece unha referencia de prenormalización que pode ser adoptada pola industria, os laboratorios e os reguladores, facilitando ademais a seguridade da calidade e a aceptación no mercado de iniciativas futuras baseadas no uso de subprodutos agroalimentarios similares.

Publicidade

Pacto Verde Europeo

A viabilidade demostrada en NeoGiANT de converter o bagazo de uva en ingredientes funcionais antimicrobianos e antioxidantes eficaces apoia os obxectivos do Pacto Verde Europeo e da iniciativa ‘Da granxa á mesa’. Tal e como destacan dende o proxecto, as metodoloxías e os procedementos desenvolvidos poden servir de guía para futuras regulacións que promovan os produtos veterinarios naturais, as formulacións ecodeseñadas e a valorización dos residuos agrícolas. Así contribuiríase a uns sistemas alimentarios e de saúde animal máis sostibles e resilientes en toda Europa.

O proxecto NeoGiANT é un consorcio internacional do programa H2020 e está coordinado pola catedrática de Química Analítica da USC Marta Lores. Está integrado por 20 socios de nove países, dos cales catro son institucións de educación superior —alén da USC, forman parte as universidades de Porto, Berlín e Bohemia do Sur—. O equipo da USC está formado polos investigadores Carmen García Jares, Trini de Miguel, Sandra Sánchez, Patricia Díaz, Roberto Bermúdez e Maribel Quiroga, xunto con María Celeiro como xestora do proxecto. A cerimonia de clausura contará coa presencia de autoridades académicas da USC e de representantes da REA, Axencia Executiva Europea de Investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O IGFAE incorpórase ao experimento do CERN que observou o bosón de Higgs

O profesor Xabier Cid será o responsable da participación do Instituto nesta colaboración internacional que reúne máis de 6.000 persoas de case 60 países

O cultivo de lúpulo en Galicia, baixo análise: un estudo cuantifica por primeira vez a súa pegada ambiental

Un equipo da USC sitúa o elevado consumo de auga no centro do debate e aposta por repensar a súa xestión para que as explotacións sexan máis sostibles

É o seu bebé demasiado dependente das pantallas? Sinais de alerta antes dos seis anos

Como identificar patróns de uso problemático e fomentar un desenvolvemento equilibrado na primeira infancia

Dentro dos laboratorios do CiQUS: así se constrúen as células sintéticas

Un equipo do centro da USC desenvolve un sistema máis flexible para crear estruturas biomiméticas que poderían axudar a entender mellor a vida e abrir novas vías en biotecnoloxía