Manuel, Celso e Abel: os galegos que loitaron con EEUU na Segunda Guerra Mundial

O profesor da USC Javier Fernández Castroagudín participa en tres estudos que poñen o foco en expatriados galegos que combateron no conflito internacional dende América

Os nomes de Manuel Otero Martínez, Celso Mosteiro e Abel Faraldo están unidos por un nexo común: os tres galegos combateron durante a Segunda Guerra Mundial no exército estadounidense. O profesor da USC Javier Fernández Castroagudín acaba de participar en tres estudos nos que se profunda nos periplos vitais destes tres emigrantes no continente americano.

Así, o artigo titulado Un emigrante gallego alistado en el ejército estadounidense durante la segunda guerra mundial. El caso de Manuel Otero Martínez, publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos e en colaboración coa Asociación GRH Big Red One ‘Manuel Otero’, aborda como a emigración “constituíu para Galicia un sinal de identidade e un elemento histórico-cultural de primeira magnitude”. A emigración aos Estados Unidos, aínda que minoritaria respecto a outros destinos americanos, reúne unha serie de características que lle confiren unha notable singularidade.

Publicidade

Escasos e diferentes estudos achegaron información sobre o perfil do emigrante galego ao país norteamericano e sobre os complexos procesos de adaptación-integración-asimilación, ademais da formación de identidades transnacionais. Porén, o rexistro e recrutamento nas forzas armadas estadounidenses de galegos residentes nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial é un aspecto totalmente inexplorado, coñecido só pola aparición ocasional de historias persoais.

“A investigación sistemática das mesmas pode servir de base para o coñecemento e a recuperación da memoria dos emigrantes galegos que sufriron este grao extremo de asimilación”, explica o profesor Javier Fernández.

Publicidade

Manuel Otero, mariñeiro de Outes

Manuel Otero, natural do concello de Outes, emigrou aos Estados Unidos no ano 1941, menos de dous meses antes da entrada do seu país de acollida na Segunda Guerra Mundial. “Foi actor e testemuña de circunstancias históricas verdadeiramente extraordinarias”, explica o investigador. Compartía moitas das características do perfil do emigrante galego nos Estados Unidos: un home novo (acaba de cumprir 25 anos ao chegar), alfabetizado, orixinario dunha localidade costeira da provincia da Coruña, na ría de Muros, e mariñeiro de profesión, circunstancia que facilitou a súa chegada nunha época de restricións migratorias.

Escolleu Nova York como destino, onde contaba con contactos nas microrredes sociais de integración, familiares e veciñais, concretamente o seu tío Pedro e o seu veciño Miguel Cernadas, co que compartiu aloxamento e empregador. É plausible que Miguel servise de ligazón para que Manuel obtivese un posto de traballo na empresa de Herbert Johnson, dado que residía no país desde varios anos antes.

A pesar da súa profesión previa de mariñeiro, o traballo de Otero estivo relacionado coa construción, aínda que se descoñece a súa ocupación específica. Foi recrutado e adestrado mantendo a nacionalidade española, pero iniciou con rapidez os trámites para obter a cidadanía estadounidense, aproveitando a circunstancia do servizo militar. Podemos presupoñer que era consciente das vantaxes asociadas a este status, con acceso a beneficios sociais, sanitarios e educativos para el e a súa familia.

“Descoñecemos, con todo, as súas motivacións, a súa lealdade, a súa actitude cara á guerra e os seus proxectos vitais, que de todos os xeitos foron truncados polo conflito”, explica o profesor. De feito, o impacto da guerra nos emigrantes, nas súas traxectorias, condicións familiares e laborais, saúde física e mental, así como o papel dos veteranos na posguerra, formando parte do que se deu en chamar “the greatest generation” está aínda por analizar.

Celso Mosteiro, desaparecido na Segunda Guerra Mundial

O estudo titulado Españoles en la Segunda Guerra Mundial: la última misión del first lieutenant Celso Mosteiro, céntrase na figura deste outro galego que con 24 anos foi rexistrado no primeiro chamamento, o 16 de outubro de 1940, no Local Board n.º 2 de Nova York. Mosteiro Correa naceu na Coruña o 21 de setembro de 1916.

Aínda que a familia era orixinaria de Sada, aparece como residente no municipio da Coruña nos Boletíns Oficiais da Provincia da Coruña do 18 de xullo de 1936 e do 20 de febreiro de 19375. Tras o estalido en España da Guerra Civil, decidiu emigrar con 20 anos aos Estados Unidos e desapareceu na contenda bélica mundial nun accidente de aviación. Esta investigación desenvolveuse en colaboración co Grupo de Investigación Manuel Otero.

Abel Faraldo, galego e marine ferido en Iwo Jima

A participación en accións de guerra de emigrantes españois recrutados nas forzas armadas estadounidenses durante a Segunda Guerra Mundial foi descoñecida en gran medida ata datas recentes, tal e como subliña o derradeiro dos estudos que asina o profesor Castroagudín e que se centra na figura de Abel Faraldo Maceira.

Nacido en Galicia e alistado no Corpo de Marines en 1942, na súa 4.ª División, participou nos asaltos anfibios de Roi-Namur, Saipan, Tinian e Iwo Jima, onde resultou gravemente ferido. O estudo titulado Uncommon valor: Abel Faraldo, un emigrante gallego en el cuerpo de marines de los Estados Unidos durante la Segunda Guerra Mundial pon en valor a súa narrativa persoal e encádraa no contexto do seu proceso migratorio, do servizo á súa comunidade e país de acollida e da súa contribución ao esforzo bélico estadounidense durante a Segunda Guerra Mundial.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea