Os animais comen herba cando están enfermos?

Os cans son capaces de ter unha dieta case vexetariana, pero hai que ter coidado con certas plantas na casa que poidan ser tóxicas

O teu can ou gato come herba e pensas que algo vai mal? Para moitas persoas, as mascotas son un membro máis da familia, así que é normal preocuparse cando percibimos nelas comportamentos estraños. Un dos máis curiosos —e tamén dos menos estudados e do que a ciencia aínda non sabe a razón ao 100%— é a súa tendencia a pacer herba. Con todo, que o noso can o gato faga isto é sempre sinónimo de enfermidade?

“De primeiras o que hai que facer é tranquilizar ás persoas que observen este comportamento na súa mascota. Que cans coman herba, por exemplo, é normal. Forma parte da súa dieta”, explica a doutora en veterinaria da USC, Ángela González. “Estes animais, aínda que pertencen á orde carnívora, como moitos outros cánidos tamén comen vexetais, froita e herba. De feito, sábese que as nais que comen máis herba teñen fillos que tamén a comen con máis frecuencia”.

Publicidade

Nos gatos ocorre algo semellante. González explica que no caso dos felinos, estes son carnívoros estritos, pero tamén comen unha pequena cantidade de vexetais a través, por exemplo, do alimento que se atopa no intestino das súas presas herbívoras. Ademais, tamén poden pacer herba directamente.

Comer herba para provocarse o vómito?

A crenza popular di que cando un animal come herba é para purgarse ou porque ten problemas dixestivos, pero estudos recentes, como a investigación realizada pola Facultade de Medicina Veterinaria da Universidade de California, Davis, indican que isto non é sempre así e que, en gran medida, as mascotas comen este tipo de produtos pola fibra que lles aporta. Ángela Gómez coincide con estes estudos.

Publicidade

“Non hai probas concluíntes de que cans e gatos coman herba para provocarse o vómito”, aclara a especialista. “É máis, segundo os estudos, menos do 25% vomita despois de comer herba”.

González insiste no feito de que moitas das veces que gatos e can comen herba, semella que o fan por pracer ou simplemente por un instinto herdado dos seus devanceiros salvaxes. Tamén, porque este tipo de alimento lles aporta fibra que regula o seu tránsito intestinal. Incluso hai casos nos que os animais lamben a herba mollada despois da choiva para inxerir a auga e as substancias que quedan sobre ela.

Un hábito saudable, pero con precaución

“Comer herba pode ser ata bo  para os animais porque complementa a súa dieta”, sinala González. “Isto acontece sobre todo nos cans, que mesmo poden ter unha alimentación case vexetariana — aínda que non totalmente, claro—”.

Con todo, esta experta veterinaria tamén advirte que debemos ter coidado con outro tipo de plantas que podemos ter na casa e que poden ser moi malas para a saúde dos nosos compañeiros animais.

“Coa herba non hai problema, pero se aos nosos cans e gatos gústalles comer plantas na casa, é importante que lembremos que hai especies tóxicas, como a flor de Pascua ou os lirios no caso dos gatos, e que poden facer moito mal na saúde das nosas mascotas”, recorda esta experta. “Por iso é mellor evitalas e ter moito coidado á hora de adquirir novas plantas para o fogar”.

Por último, González ten unha suxestión para quen ten animais na casa que non saen ao exterior, como pode ser o caso dalgúns gatos. “Podemos mercar herba en maceta especialmente cultivada para eles. Así teñen un enriquecemento ambiental seguro e agradable e que lles aporta benestar”, recomenda a veterinaria.

Así que xa sabes, se ves ao teu can ou gato pacendo herba, non te alarmes. Como di Ángela González, este é un comportamento normal, que forma parte da vida cotiá dos nosos amigos felinos e cánidos, e que só require de precaucións básicas para garantir a súa saúde.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que os peixes non teñen pelo?

Os peixes non teñen pelo porque evolucionaron na agua, onde as escamas e a pel lisa son máis útiles para moverse e sobrevivir. Por Antonio Figueras

Cando as mascotas devoran a biodiversidade: un conflito sen regular na Unión Europea

A falta de regulación na UE converte aos cans e gatos nunha ameaza para a fauna silvestre e a biodiversidade

A caza ameaza a fauna refuxiada en zonas limítrofes aos incendios a 40 días do inicio da tempada

Medio Ambiente evita a prohibición das especies que non están en veda e estuda autorizar as batidas do resto a partir do 19 de outubro

Como sobreviven os cans á calor extrema do verán?

Un experto explica como os cans e os seus donos poden evitar golpes de calor estivais e protexer o seu benestar