Fito médico en Vigo: nace a primeira nena sa tras unha cirurxía de aorta á nai

A intervención do Hospital Álvaro Cunqueiro implicou a parada circulatoria controlada da nai e asegurou a preservación dos órganos vitais e o seguimento do embarazo

O Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo acadou un logro médico excepcional ao conseguir salvar a vida dunha muller xestante e garantir o desenvolvemento satisfactorio do seu bebé tras unha intervención cirúrxica de máxima complexidade. Trátase dun caso único en Galicia que subliña a capacidade de resposta do centro ante situacións de extrema dificultade médica. 

Este caso comezou o 1 de maio pasado, cando unha paciente embarazada de 24 semanas ingresou de urxencia no Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo por un síndrome aórtico agudo. Concretamente, era unha Disección Aórtica Aguda tipo A, a variante de peor prognóstico e cunha incidencia de apenas 2-3 casos por cada 100.000 habitantes ao ano. Neste caso, a situación era especialmente delicada ao tratarse dunha paciente xestante.

Publicidade

Unha enfermidade con alto risco vital

Esta patoloxía cardíaca presenta unha mortalidade moi elevada nas primeiras horas e require unha intervención cirúrxica urxente. Así, dada a gravidade da situación vital da nai e sopesando as opcións de viabilidade fetal, o equipo facultativo decidiu realizar a intervención cardiovascular sen cesárea previa e sen obviar tamén que a parada circulatoria interrompería temporalmente o fluxo sanguíneo cara ao feto durante aproximadamente 30 minutos.

A cirurxía, con hipotermia controlada a 28ºC e un estrito manexo da presión arterial para preservar os órganos vitais da nai e do feto, foi realizada polo equipo de Cirurxía Cardíaca, formado polos doutores Francisco Estévez e Rocío Casais, xunto cos anestesiólogos José Luis Barreiro e Iria de la Torre, e coa implicación dun amplo grupo multidisciplinar de profesionais.

Publicidade

O procedemento seguido consistiu en realizar unha esternotomía, empregar circulación extracorpórea, unha máquina que substitúe temporalmente as funcións do corazón e dos pulmóns. En moitos casos, aplicar unha parada circulatoria completa, arrefriando previamente á paciente e protexendo especificamente a circulación cerebral. 

Evolución favorable e nacemento da nena

A paciente evolucionou favorablemente, recibindo a alta hospitalaria o 14 de maio e continuando co seguimento xestacional sen incidencias. Finalmente, o pasado 5 de agosto practicouse unha cesárea programada no mesmo centro hospitalario, co nacemento desta nena sa que evoluciona normalmente e sen complicacións

Este caso constitúe un feito excepcional en Galicia: é a primeira nena nacida na comunidade tras unha cirurxía de aorta con parada circulatoria durante a xestación. A nivel internacional, os casos descritos na literatura médica son moi escasos.

O éxito acadado pon de manifesto a excelencia e coordinación do traballo multidisciplinar que reúne a cirurxiáns cardiovasculares, anestesiólogos, cardiólogos, radiólogos, obstetras, neonatólogos, persoal de enfermaría e outros profesionais da Área Sanitaria de Vigo, e subliña a capacidade de resposta deste centro en situacións de máxima complexidade.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Profesionais do CHUAC e da UDC avalían o uso da realidade aumentada no quirófano

O equipo investigador proba en condicións reais lentes intelixentes para determinar se poden mellorar a precisión e a seguridade das intervencións cirúrxicas

Novo fito en Vigo: aplican unha técnica pioneira no mundo para tratar unha patoloxía cardíaca

O Servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro realizou o primeiro implante a nivel internacional para tratar con maior precisión a estenose aórtica

O pioneiro tratamento contra a hemofilia B administrado en Galicia: “É un fito histórico”

O equipo do Hospital Álvaro Cunqueiro asegura que o novo medicamento cambiará completamente a evolución da enfermidade e o modo de vida do paciente

Cirurxía revolucionaria en Vigo: extirpan por primeira vez no mundo un tumor de próstata cunha soa incisión

O servizo de Uroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro aposta por unha abordaxe pouco invasiva que reduce a dor postoperatoria e o risco de infección