Profesionais do CHUAC e da UDC avalían o uso da realidade aumentada no quirófano

O equipo investigador proba en condicións reais lentes intelixentes para determinar se poden mellorar a precisión e a seguridade das intervencións cirúrxicas

Hospital Universitario de Coruña (HUAC) acolleu esta mañá unha sesión experimental centrada en avaliar a funcionalidade e usabilidade de sistemas de realidade aumentada (RA) en contornas reais de quirófano. A investigación forma parte da tese doutoral titulada Interfaces virtuais e realidade aumentada para cirurxía, desenvolvida por Ánxela Pérez no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, baixo a dirección do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) Florian Michaud e de Nieves Pedreira, profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) da Universidade da Coruña (UDC).

Na sesión participou o doutor Pablo Codesido, médico adxunto do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e doutros profesionais do CHUAC que colaboran activamente neste proxecto para avaliar o comportamento das lentes intelixentes e os seus diferentes modos de interacción: mediante xestos, mirada, voz, inclinación da cabeza ou combinación destes. O obxectivo é identificar as formas de control que resulten máis rápidas, ergonómicas e seguras nunha contorna cirúrxica onde a concentración e a precisión son críticas.

Publicidade

Unha ollada dixital para a cirurxía do futuro

“Desde o Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do CHUAC e a Unidade de Xeonllo colaboramos coa investigación e apostamos polas tecnoloxías de vangarda aplicadas á saúde —como a robótica, a intelixencia artificial e as interfaces virtuais— porque poden axudar a mellorar a calidade da atención aos nosos pacientes”, sinala o doutor Codesido. Estes avances poden marcar a diferenza no quirófano ao permitir acceder a información crítica sen interromper o fluxo da intervención.

Esta actividade continúa o traballo experimental iniciado o pasado 9 de xullo na Área Sanitaria de Ferrol, onde tamén participaron especialistas do ámbito cirúrxico en colaboración coa doutora Laura Ameneiro. A diferenza doutras aproximacións máis teóricas, este proxecto céntrase en validar a tecnoloxía no seu contexto real, incorporando a experiencia directa dos profesionais para adaptar as interfaces ás necesidades do quirófano.

Publicidade

“A realidade aumentada ten un gran potencial para revolucionar a cirurxía moderna, pero o seu éxito dependerá de deseñar interfaces que permitan unha interacción natural, rápida e eficiente”, explica dende o CITENI. Así, a participación dos profesionais sanitarios resulta fundamental para mellorar estas solucións tecnolóxicas.

Tecnoloxía que amplía a visión cirúrxica

A realidade aumentada é unha tecnoloxía que combina o mundo real con elementos virtuais en tempo real que permite superpoñer información dixital —como imaxes, gráficos ou datos anatómicos— directamente sobre o campo de visión do cirurxián, sen perder contacto coa contorna física. Ao contrario da realidade virtual, que illa ao usuario, a RA enriquece o ámbito real e está a aplicarse con éxito crecente en procedementos complexos como:

Artroplastia total de xeonllo: as lentes de RA funcionan como sistemas de navegación cirúrxica, guiando con maior precisión o corte óseo sen depender de pantallas externas.

Cirurxía de columna: permiten trazar a traxectoria óptima para a inserción de parafusos pediculares, evitando estruturas sensibles e mellorando a exactitude na colocación.

Neurocirurxía: superpoñen imaxes do escáner cerebral sobre o cranio do paciente, facilitando o acceso con mínima invasión de tecido.

Cirurxía hepática ou oncolóxica: posibilitan localizar con precisión masas tumorais ou vasos importantes sen deter a intervención para consultar imaxes externas.

Estes sistemas non só ofrecen datos en tempo real, senón que se adaptan dinamicamente aos movementos do cirurxián e do paciente, proporcionando unha asistencia visual contextualizada ao longo de toda a intervención.

Deseño e tecnoloxía ao servizo da saúde

A iniciativa forma parte dunha aposta estratéxica por achegar a innovación tecnolóxica á práctica clínica real. A colaboración entre profesionais sanitarios e persoal investigador busca garantir que as ferramentas de realidade aumentada sexan útiles, seguras e integrables no día a día do quirófano, co obxectivo de dar resposta ás necesidades reais dos equipos cirúrxicos.

A investigación, desenvolvida polo Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do CITENI, supón un paso firme cara a unha cirurxía máis precisa, asistida e humanizada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da Coruña crea un modelo en 3D para entender a endometriose e mellorar o seu diagnóstico

O obxectivo é comprender as características moleculares da enfermidades para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores que axuden na súa detección

Un método creado na UDC predí a liberación de fibras nos téxtiles para reducir o seu impacto ambiental

A tese de Mercedes Pereira analiza 25 estruturas elaboradas con poliéster, algodón, la, viscosa e elastano en escenarios próximos á vida real

A UDC desenvolve un novo modelo de cálculo para deseñar unións metálicas con parafusos pasantes

O estudo do CITENI avanza cara a estruturas máis sostibles ao reducir a dependencia de solucións soldadas permanentes e favorecer a reutilización dos elementos estruturais

Un estudo da UDC achega novas claves para crear paneis solares máis estables e duradeiros

O investigador Alberto García participa nun artigo que axuda a comprender os principais obstáculos das prometedoras células solares de perovskita para chegar ao mercado