Galicia é recoñecida polo seu rico patrimonio histórico e cultural: castelos, fortalezas, hórreos, pazos… Moitos destes bens chegan aos nosos días en perfecto estado a pesar dos séculos, maios outros atópanse nunha situación de conservación moi deficiente. Este é o caso de cinco monumentos singulares: o Hórreo do Cura de Ribela na Estrada, a Torre-fortaleza de Burón na Fonsagrada, o Parque de Carbóns da Central Térmica das Pontes, a Casa renacentista do Vao en Vilasantar e o Pazo de Suatorre xunto coa Torre medieval de Arcos en Chantada.
Estes bens veñen de ser incluídos na Lista Vermella de Hispania Nostra, unha iniciativa posta en marcha en 2007 para promover a defensa, conservación e posta en valor do patrimonio cultural e natural. A través deste rexistro fanse visibles aqueles monumentos en risco de desaparición, destrución ou deterioro grave.
A asociación, de carácter non lucrativo, publica ademais información detallada sobre cada caso para explicar os motivos da súa inclusión e, deste xeito, concienciar á cidadanía e ás administracións da urxencia de acometer accións que garantan a preservación do noso patrimonio material. Mais, que levou a Hispania Nostra a incorporar estes cinco monumentos galegos na Lista Vermella?
Hórreo do Cura de Ribela (A Estrada)
O Hórreo do Cura de Ribela, construído entre finais do século XVIII e comezos do XIX, foi concebido para almacenar o gran procedente das rentas eclesiásticas. Con 22,2 metros de lonxitude e 1,25 de ancho, sitúase entre os máis grandes de Galicia, o que lle outorga unha especial relevancia patrimonial.
Ao estar construído antes de 1901, está recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC). Mais o seu estado de conservación resulta preocupante: permanece apuntalado e presenta un elevado risco de derrubamento, o que ameaza seriamente a súa supervivencia.
Torre-fortaleza de Burón (A Fonsagrada)
Esta antiga fortaleza medieval, pertencente aos Condes de Altamira, está situada no trazado do Camiño Primitivo. Tras ser destruída nas revoltas Irmandiñas do século XV, foi reedificada. Mais este núcleo foi a capital administrativa do antigo concello de Burón.
A torre de planta cadrada en cachotaría e con catro alturas que acadan os 15 metros, conserva catro ocos abertos das transformacións posteriores con xambas de madeira, un elemento propio da arquitectura tradicional da zona. Así, foi declarada Ben de Interese Cultural.

Con todo, da estrutura orixinal só se conservan dous lenzos íntegros e parte dos seus muros. Os derrubamentos no cuarto piso, a invasión da vexetación e as profundas fendas que separan as pedras deixan a fortaleza nun avanzado estado de ruína. Por iso, Hispania Nostra alerta do grave perigo de desaparición deste ben patrimonial.
Central térmica das Pontes
Construída entre 1972 e 1978, a Central Térmica das Pontes chegou a ser unha das maiores infraestruturas enerxéticas de España, producindo ata o 7% da electricidade do país. Deseñada para consumir o lignito da maior mina a ceo aberto de Europa, transformou a comarca a nivel económico e social, xerando milleiros de empregos e configurando a súa paisaxe industrial.
O seu funcionamento impulsou solucións pioneiras, como o parque de carbóns cuberto, que garantiu a eficiencia ao protexer o mineral da choiva, ou a súa emblemática cheminea de 356 metros, a máis alta de Europa na súa época.

O peche da mina en 2007 e da central en 2023 puxo fin a case medio século de actividade, mais o seu legado segue presente: a cheminea conta cun proceso de incoación como BIC dende o 11 de marzo de 2025.
A pesar de que os seus elementos se conservan en bo estado, o proceso de desmantelamento ameaza con borrar un dos grandes testemuños da etapa da electricidade a carbón. Como sinala Hispania Nostra na súa páxina web: “A inclusión é unha chamada de atención para a procura de alternativas que compatibilicen o desenvolvemento económico coa preservación”.
Casa renacentista do Vao (Vilasantar)
Coñecida como a “casa das medallas” pola súa decoración exterior, esta construción renacentista da provincia da Coruña rematouse no ano 1544, segundo consta nun gravado situado no dintel da porta norte. O edificio permanece practicamente intacto dende entón, converténdose nunha peza arquitectónica moi singular sen apenas engadidos que a alteren, agás unha cheminea. No concello consérvanse outras edificacións semellantes, conformando un conxunto renacentista pouco común en Galicia.
Trátase dun ben catalogado pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, mais o seu estado de conservación non é o mellor. A súa cuberta está derrubada, o que fai que o interior acumule numerosos cascotes. A isto engádese a invasión da maleza nos arredores, que acentúa a súa situación de abandono.

Dende a asociación insisten en que “precisa unha actuación urxente para consolidar a súa estrutura e apuntalar os muros conservados“. No caso de non facelo, a casa corre un alto risco de derrubamento.
Pazo de Suatorre e Torre medieval de Arcos (Chantada)
No concello de Chantada, dous monumentos foron incluídos na Lista Vermella: a Torre medieval de Arcos e o Pazo de Suatorre. A Torre, construída no século XIII pola familia Fernández de Temes e logo vinculada aos Taboada de Ulloa, foi destruída polos irmandiños e posteriormente reedificada. Dende a súa posición dominaba militarmente a chaira do río Bouzas, adquirindo así un papel estratéxico no territorio.
Actualmente, consérvanse dous lenzos case íntegros da torre cadrada, parte da muralla, o camiño e o foso de acceso, xunto con restos de vivendas medievais. Destacan os arranques da porta de acceso, coa súa bóveda apuntada e o basamento escalonado dos sillares. Declarada Ben de Interese Cultural, a torre atópase nun estado de ruína avanzada, con muros derrubados, abundante vexetación e acumulación de pedras, o que ameaza seriamente a súa conservación.

No século XVII, a residencia familiar trasladouse á próxima construción do Pazo de Suatorre. Este destaca pola súa monumental portada barroca con arco de medio punto, coroada por unha peineta que integra cinco escudos familiares, un frontón curvo e un Cristo crucificado. O conxunto complétase cunha capela, un hórreo de seis claros e un palomar.
A súa importancia patrimonial reflíctese na protección legal, xa que tanto os escudos como o hórreo están declarados BIC. Porén, o estado de conservación é moi deficiente: o inmoble sufriu derrubamentos parciais e fendas graves nos muros, o que pon en serio risco a súa integridade e o futuro deste patrimonio.

A situación destes cinco monumentos son un aviso de necesidade e preservar o patrimonio cultural galego e evitar perder testemuños clave da nosa historia.















Sería aconsellábel un repasiño antes de publicardess…