Hórreos, orientación e astronomía: un equipo da UVigo atopa patróns de orientación relacionados cos astros

O estudo analiza máis de 400 construcións de Vilaboa e Beade (Vigo) nas que acreditan a presenza de representacións da lúa, o sol ou as estrelas no seus "cantacucos"

Os nosos devanceiros miraban ao ceo e tomaban nota. Tiñan coñecementos astronómicos que marcaban unha vida ligada á terra. Por exemplo, o recoñecemento das estacións, os solsticios e equinoccios, sinalaban o tempo de sementar e de colleita; marcaban as festividades no calendario e arroupaban contos e lendas que pasaban de xeración en xeración. E é nesta sociedade agropecuaria onde os hórreos convértense en imprescindibles para gardar o gran e preservalo dunha meteoroloxía adversa.

Galicia valora os seus hórreos -chamados tamén cabazos ou piornos– máis alá do uso tradicional. Os construídos antes de 1901 están catalogados e protexidos como Ben de Interese Cultural (BIC) e nos posteriores considérase o seu valor etnográfico e patrimonial.

Publicidade

Cara aos hórreos e a astronomía dirixe o seu interese o traballo Orientación e decoracións astronómicas de hórreos no sur de Galicia elaborado por un equipo formado por tres investigadoras e docentes da Universidade de Vigo, unha da Universidade Internacional de Valencia, outra do IES Beade (Vigo) e outra do CPI do Toural (Vilaboa). Así, poñen o foco sobre dúas “comunidades” de hórreos, localizadas na parroquia de Beade (Vigo) e no Concello de Vilaboa.

Algúns cabazos tiñan reloxos de sol e outros incorporaban no “cantacuco” ou “pinche” -parte triangular das caras frontais baixo o tellado- unhas aberturas con formas que poderían ser interpretadas como representacións da lúa, o sol ou estrelas. “Así que abrimos dúas liñas de traballo: unha para coñecer a orientación, potencialmente astronómica, do hórreo, e outra para explorar a importancia, vixencia e posible significado de formas decorativas relacionadas con astros”, explica Ulla

Publicidade

Analizáronse as características de máis de 400 hórreos: a metade na parroquia viguesa de Beade e outros tantos no municipio de Vilaboa.

Proxecto educativo asociado

O traballo de campo, que permitiu facer as medicións e solicitar os datos necesarios para o desenvolvemento do traballo, conxugou o labor investigador profesional cun proxecto educativo que involucrou a dous centros de Secundaria: o CPI do Toural (Vilaboa) e o IES de Beade.

A colaboración estivo guiada polos seguintes obxectivos: “introducir a metodoloxía de investigación científica no proceso de ensino– aprendizaxe, familiarizar ao alumnado con elementos arquitectónicos tan singulares como son os hórreos, sensibilizar a comunidade educativa sobre a importancia dos mesmos e destacar a importancia e promover a protección do patrimonio histórico, etnográfico, antropolóxico e natural de Galicia” enumera a profesora Ulla.

As características definidas e comparadas dos hórreos analizados permiten extraer algunhas conclusións. Se falamos de posición, tanto en Beade como en Vilaboa, son máis os que están orientados no eixo norte-sur para eludir os efectos adversos da climatoloxía e facilitar a secado do gran, xa que os costais (paredes longas) nos que están as doelas miran cara ao este-oeste, os puntos de saída e posta de sol.

Decoracións diferentes

Con todo, se nos centramos nas decoracións hai diferenzas: “Ao redor dun terzo dos hórreos de Beade presentan motivos astronómicos, incluídos reloxos de sol; mentres que entre os de Vilaboa hai un número significativamente alto con decoracións que representan estrelas, soles ou lúas no pinche”.

Ademais da orientación e as decoracións, analizáronse outros parámetros como a data de construción, o estado de conservación, o uso actual do hórreo (se é o tradicional ou non), o posible traslado desde o lugar orixinario de construción, a tipoloxía, número de pés ou dimensións.

Hórreo localizado no Concello de Vilaboa, con motivos astronómicos. Foto: Ana Ulla

Para Ana Ulla sería necesario obter datos de máis poboacións de hórreos para poder matizar as conclusións e determinar a existencia de patróns de orientación e decoración comúns noutros puntos da provincia e de Galicia. Apunta un dobre desexo, ”desenvolver un proxecto de ciencia cidadá para ampliar o rexistro de hórreos”, co fin de que os/as propietarias colaboren, ademais da cidadanía en xeral, colaboren coa investigación proporcionando información para incorporala á base de datos.

Por outra banda, en caso de obter os medios e recursos de investigación necesarios, o seguinte paso seria “tratar de diferenciar entre a orientación do conxunto total de hórreos e a daqueles que presentan decoracións, xa que noutras zonas de Galicia poden aparecer elementos astronómicos diferentes, mesmo pintados nas paredes e /o analizar de forma específica a orientación dos reloxos de sol cando estes existan”.

Este traballo foi presentado por Esther Pérez Fernández, profesora do IES de Beade, na palestra Hórreos galegos: orientación, etnoastronomía e estatísticas no I Congreso Galego de Investigación en Astronomía e Astrofísica recentemente celebrado en Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Un novo mapa guía a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria en Galicia e Portugal

A ferramenta, desenvolvida con participación da UVigo, emprega a IA para identificar recursos e detectar novas oportunidades de aproveitamento

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica