Os hórreos, candidatos a converterse en patrimonio inmaterial da Unesco

Varios países buscan amparar todo o valor cultural que naceu arredor destes elementos, como as foliadas ou os labores agrícolas en Galicia

Varias asociacións culturais de Galicia, Asturias, León, Cantabria, País Vasco, Navarra e Portugal acaban de unirse para formar o Grupo Hórrea. Teñen un obxectivo común: que a Unesco declare en novembro os hórreos como patrimonio cultural inmaterial. Estas construcións forman parte da identidade dos galegos e delas naceron elementos tan representativos da historia e cultura popular do país como son as foliadas; o termo vén da esfollada, unha xuntanza para retirar as follas ás mazarocas e almacenalas no hórreo, unha tarefa que remataba en bailes e xogos. Con esta declaración, estes cánticos ou o oficio dos restauradores quedarían protexidos e salvagardados co fin de transferir ás próximas xeracións todo o valor intanxible que nace arredor dos hórreos.

Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Asociación en Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) explica que todos os territorios que participan están buscando sinerxías para poder axudarse entre si. “Despois do cambio de paradigma no que pasamos dunha sociedade agrícola a unha urbana, buscamos camiñar colectivamente cara ao futuro. Hai un intercambio de coñecemento moi rico”, engade. Grupo Hórrea é unha asociación de carácter internacional que pretende amparar o antes posible “todo aquilo que se pode perder para sempre”. En Galicia, os hórreos anteriores a 1901 están protexidos pola Lei de Patrimonio Cultural. A Unesco con esta iniciativa ampararía todo aquel coñecemento fóra das normativas vixentes, sen importar a antigüidade dos hórreos e de maneira transversal a moitos países.

Publicidade

O grupo contactou con Turquía, Eslovenia, Francia, Suíza, Brasil ou Venezuela, lugares onde existen hórreos construídos polos primeiros emigrantes galegos ou de España. “O inmaterial son moitas cousas. É a simboloxía. O hórreo era a catedral do labrego“, comenta o presidente da Apatrigal. Tamén recibe o nome de “hucha”, un lugar para gardar o ouro. O que mais valía era o alimento e por iso territorios como Galicia e Asturias puideron sobrevivir a épocas de fame polo cereal que gardaban no hórreo. Hainos con cruces, capelas ou gatos esculpidos, incluso con esculturas do propietario. “Estas ornamentacións representaban que o seu tesouro estaba protexido”, explica Fernández. “O proceso era algo sagrado e facíase de maneira colectiva, unha ceremonia relacionada co millo ou o centeo”. Hai poesía e música relacionada co hórreo. Tamén algunhas lendas.

“O hórreo era a catedral do labrego”

CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ, presidente da Apatrigal

É en Galicia e en Asturias onde os hórreos teñen principalmente un compoñente de identidade. Antes da chegada da modernidade, estas construcións tiñan a mesma utilidade e similitude en todos os sitios, gardaban o millo e o centeo no alto e con ventilación para evitar que os ratos ou outros animais os comeran. É un elemento propio de áreas húmidas, “de Aveiro a Francia”, como comenta Fernández. “En Venezuela ou Suíza son simplemente hórreos, un almacén secundario. Na actualidade, en Asturias teñen o risco de que a xente queira utilizalas como vivenda porque son de sete por sete metros e serve de apartamento”, engade.

Publicidade

Un hórreo, un “privilexio”

Recentemente declarouse patrimonio inmaterial da Unesco o toque de campás e con el, as técnicas do repique ou o volteo, que cumpriron unha serie de funcións sociais ao longo da historia e que ademais son distintas entre territorios. Esta protección serviu como impulso para que na actualidade a práctica estea chegando á xente moza e se promova con cursos educativos ou con actividades de difusión. Para Fernández, aquelas persoas que teñan un hórreo nas súas casas teñen unha “xoia”, por iso insiste en que, da mesma maneira que ocorreu cos sinos que avisaban dun enterro ou do comezo dunha festa popular, estes elementos que completan os fogares galegos aos que ás veces non se lles presta atención suficiente pasen a ser considerados un privilexio e non “un problema”.

Na contorna dos hórreos soaban regueifas, cantares satíricos improvisados. O catedrático Xosé María Lema Suárez recompilou un canto de 1915 que di así:

Cantador 1: Se ides a xunta o Rabós

non lle vaiás pedir pan;

que na terra de xunta o Rabós

espiga o millo no chan

Cantador 2: Espiga o millo no chan,

demo de besta sen freno,

Deus queira que o millo teu

che espigue aí no cenceno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades