Larouco, Cicia, Navia e Cosus son nomes de deuses perromanos do norte peninsular que chegan a nós grazas ás inscricións das aras votivas que hai espalladas polo territorio. É dicir, lápidas funerarias ou pequenos altares de pedra que permiten indagar sobre unha parte de historia que non aparece recollida noutro tipo de fontes. Agora, un estudo do investigador Juan Carlos Olivares Pedreño analiza as inscricións de seis aras votivas atopadas en Ourense, Chaves (Portugal) e Angostina (Álava). Na investigación, que acaba de ser publicada na revista Cuadernos de Estudios Gallegos, Olivares establece relacións entre os nomes das divindades prerromanas e os accidentes xeográficos. De igual modo, o autor defende que destas aras votivas se pode extrar información sobre a mobilidade da poboación.
O estudo abrangue a área da Hispania citerior, é dicir, o terzo norte peninsular. O corpo documental sobre o que se basea o traballo son seis epígrafes cuxa interpretación no pasado supuxo problemas para a comprensión dos cultos locais en Hispania. Neles, segundo sinalan no artigo, léranse mal os nomes das deidades ou non se identificaran ben os nomes dos oferentes ou dedicantes. Todos os anos aparecen inscricións que “permiten ampliar o coñecemento histórico. Hai miles de inscricións a deuses, que designan localidades, ríos ou montañas e que se descobren a través de cultos ou inscricións en pedras”, explica o profesor da Universidade de Alicante.
Olivares explica como na antigüidade se empregaban os nomes dos deuses para designar accidentes xeográficos. Neste senso, podemos atopar montañas que levan o nome de divindades do ceo ou das alturas. É así como atopamos que o monte Larouco, en Ourense, fai referencia ao deus antigo Reve Larauco, un deus equivalente ao Xúpiter romano. Do mesmo xeito atopamos referencias á deusa Navia, divindade dos ríos, que dá lugar ao nome de diferentes localidades en toda a península. Tamén se atopou unha inscrición preto da desembocadura do río Cea á deusa Cicia. “Descubriuse que na época medieval tanto a aldea como o río recibían o nome de Cicia, citado polo astrónomo Ptolomeo nunha das súas obras”, engade Olivares.
Adicionalmente de todo o relativo á toponimía, as inscricións votivas tamén poden achegar información sobre a mobilidade xeográfica. Antigamente era habitual que as persoas fixesen viaxes ou peregrinacións a santuarios curativos. Desta información non temos constancia en fontes escritas xa que os romanos só facían escritos de viaxes relacionados coa conquista do imperio. Neste senso, podemos descubrir grandes achados sobre a mobilidade xeográfica a través das fontes epigráficas. “Por exemplo, se aparece en Mérida unha lápida cunha inscrición adicada a un deus da zona de Segovia”, matiza Olivares.
Ademais, non só queda constancia de viaxes individuais. Cando unha persoa viaxaba individualmente non construía un santuario, iso só sucede cando é un grupo numeroso o que se desplaza. Olivares afirma que vendo “as inscricións votivas a deuses doutras rexións en santuarios dunha zona concreta podemos concluír que un grupo fixo unha viaxe por motivos de traballo, por exemplo”. Non é habitual que unha persoa faga un santuario nunha zona na que non se coñece a ese deus se está soa, pero si se fai cando unha comunidade enteira realiza ese desprazamento. Un exemplo disto son as inscricións nas Minas das Médulas onde apareceron cultos ao deus Cosus, unha divinidade propia da costa galega.
As inscricións revisadas
Neste sentido a investigación permite extraer conclusións relacionadas coa evolución da toponimia local ou da vinculación de teónimos con referencia a topónimos afastados. O estudo realízase no marco dunha investigación sobre O poboamento da época romana e a evolución do hábito epigráfico na Hispania citerior e norte de Lusitania. O artigo vén de publicarse na revista Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS).
O primeiro dos casos revisados é unha ara procedente da serra de Larouco, que nesta ocasión identifica a deidade co nome de Reve Larauco. Así mesmo, o nome desa deidade aparece noutra inscrición procedente tamén da contorna da mesma serra. Tamén se revisaron dous altares procedentes de Granjinha, nos que se corrixe o nome do dedicador e o teónimo; así, nunha das aras identifícase un novo teónimo: Bande Paetico ou Raetico, mentres que na segunda das aras identifícase o dedicador, unha persoa con tria nómina vinculada con lugares afastados de Chaves, que nos trasladan a Cáceres, Portalegre e A Guarda.
No caso do epígrafe de Folgoso revísase o teónimo, que se identifica con Proeineite, que podería relacionarse co topónimo Proente. Por último, no caso de Angostina, púidose identificar o nome do dedicador dun dos altares e do oferente noutro; así, un dos altares está dedicado a Baelibius por un home cuxo nome está vinculado con lugares situados a varios quilómetros de distancia do lugar onde apareceu a ara. No segundo altar, tamén dedicado a Baelibius, figura como dedicante Atena, que podería ser unha escrava grega, o que demostra unha gran mobilidade xeográfica.
Referencia: Dúas ofrendas a Laraucus en A Pedrosa e Lucenza (Cualedro, Ourense) e correccións de inscricións votivas de Folgoso (Xinzo de Limia, Ourense), Granjinha (Chaves, Portugal) e Angostina (Bernedo, Álava) (Publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos)
Ola. Se ao falar dos antigos deuses dos galegos protohistóricos non queredes decir “celtas”, decide “galaicos”. Se non queredes decir “galaicos”, decide “prerromanos” (o que non quere decir nada, igual que “castrexos”, por certo… “galaico-romanos” xa en todo caso nas aras e estelas) pero “prerrománicos” non: é un bonito estilo arquitectónico e artístico pero máis nada, graciñas e parabéns pola web. Saudiños!